Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 18 de agosto de 2014

Un equipo galego, en galego. “Deportivo da Coruña”

por Carlos García Vieito, no Sermos Galiza:

O Deportivo volve a ser un equipo de primeira. A relevancia que ten estar en primeira non só está nas cores que levan os xogadores nas súas camisolas, a lingua na que se expresa e difunde o club é de igual importancia.

O respecto pola lingua debe estar tamén presente no nome do club, polo cal pedimos con esta
petición, que tanto a directiva do equipo como os propios siareiros e siareiras, aposten por mudar o nome actual e que oficialmente sexa: "Real Club Deportivo da Coruña". Respectado desta forma o nome da cidade, así como a Lei 3/1983, do 15 de xuño de normalización lingüística, que establece que a única forma oficial dos nomes dos lugares (topónimos) de Galiza, é a galega.
En Galiza, no estado español e na Unión Europea a única denominación oficial é A Coruña,
independentemente da lingua empregada.

O 21 de decembro de 1989 o Tribunal Constitucional ditaminou que a aprobación da alteración ou cambio de nome dos concellos é a típica competencia de execución en materia de réxime local que, conforme co marco constitucional de distribución de competencias, os Estatutos de Galiza e de Catalunya atribúen ás súas respectivas Comunidades Autónomas. O 2 de novembro de 2004 o Concello da Coruña aprobou a cooficialidade da forma La Coruña amparándose na Lei de grandes cidades. No outono de 2005 o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou nulos estes acordos do concello sobre toponimia. Finalmente,   Concello da Coruña decidiu adoptar o topónimo A  Coruña para tódalas xestións e como nome oficial da cidade, abandonando así os seus intentos de conservar o topónimo en castelán.

Sexamos deportivistas ou non, a defensa e promoción da nosa lingua debe estar presentes nos
nosos equipos de fútbol, estean en primeira ou en categorías inferiores. Pois a influencia que ten este deporte, xunto a outros na nosa sociedade, é de gran calado para a visibilidade da nosa
cultura a nivel internacional. Aproveitando que o Dépor muda de equipación e leva na camisola a bandeira galega, que o nome do seu escudo tamén sexa galego.

Recollida de sinaturas en Change.org
Páxina en Facebook

Ningún comentario:

Publicar un comentario