Queens é o máis grande dos cinco distritos que compoñen a cidade de Nova York. Ten unha poboación de 2.300.000 habitantes e estímase que falan case 500 linguas das que moitas están en vías de extinción. Este é o tema que a artista Mariam Ghani desenvolveu nun proxecto que é a un tempo un mural que se pode ver no
Queens Museum e un mapa interactivo accesible
nesta ligazón.
A elaboración deste proxecto bebe en distintas fontes. Unha delas á a locución inglesa
“s/he speaks with a forked tongue”que fai referencia a quen fala cun dobre sentido. Cando nos referimos á expresión "lingua bífida" pensamos na lingua das serpes. Ademais de estar partida en dous, unha outra característica do órgano destes animais é a de estar en continuo movemento. Mariam Ghani transpón a idea de movemento ao do cambio continuo de lingua propio dos inmigrantes, así a ofrece a locución con outro significado. Os inmigrantes viven nun mundo que se move continuamente entre dúas linguas, a súa propia e a do lugar no que residen. Especial atención merecen as linguas que corren perigo de morte. Mariam Ghani identificou 59 delas en Queens e a elas fai referencia este proxecto, nunha homenaxe aos procesos de revitalización e do despertar da conciencia política que precisan.
No mundo fálanse unhas 6000 linguas. Segundo
a UNESCO hai máis de 2500 en perigo de extinción., 574 deles en estado crítico. En contraposición a un triste panorama de uniformización a artista reclama que o futuro non está escrito. Así sucedía no conto de Borges "
El jardín de los senderos que se bifurcan", de onde recolle o título e o concepto fundamental do proxecto "O xardín das linguas bifurcadas".
 |
Retallo do mapa |
Se alguén con certos coñecementos matemáticos ve a obra, seguro que pensa nos diagramas de Voronoi. Para quen non os coñeza, o artigo
Voronoi no Courel, é unha excelente introdución ao tema. Pois efectivamente, estes diagramas foron unha fonte e inspiración da artista á hora de confeccionar a obra. E está ben dicir
inspiración porque de ningunha maneira o resultado pode tomarse como unha teselación de Voronoi. Basta ver que algunha fronteira entre dúas rexións non é un segmento recto, senón unha liña quebrada, imposible nun diagrama de Voronoi stricto sensu.
As matemáticas foron empregadas na confección do mapa noutro sentido. Para determinar a área correspondente a cada unha das rexións do mapa utilizouse unha fórmula:
e⋅ln(p)
onde
e representa o número que o
Ethnologue lle outorga á vitalidade da lingua. É unha cantidade entre 0 e 10. O 0 asignaríaselle a unha lingua de uso internacional e o 10 significa que a lingua está morta.
p indícanos o número total de falantes que se estima ten a lingua. Na fórmula emprégase o seu logaritmo neperiano, quizais para ter un número máis manexable. As 59 linguas representadas no xardín de Mariam van do
livoniano (con 5 falantes) ao
guaraní (case 5 millóns de falantes). Ao calcularlle o logaritmo neperiano o rango oscila entre o 1.61 e o 15.42. A fórmula usada non parece ter ningún significado claro. Trátase do produto de dous números, onde o primeiro crece a medida que empeora a vitalidade da lingua e o segundo crece co número de falantes da mesma. Teñamos presente que para obter o número
e da escala do Ethnologue tivo que terse en conta o segundo parámetro.
As cores de cada polígono foron escollidas segundo un criterio de xenética das linguas. Aquelas linguas próximas estarán próximas
na paleta de cores. Por exemplo, o
ladino e o
romanche aparecen en tonalidades de laranxa. Unha lingua como
purépecha, sen parentesco coñecido con ningunha outra, como o euskera, aparece en cor grisácea.
Cando accedemos
ao mapa interactivo podemos ver información sobre cada unha das 59 linguas recollidas neste proxecto: a familia lingüística á que pertence, os lugares nos que se fala, o número de falantes, o seu número de vitalidade do Ethnologue, un barrio de Queens no que se fala esa lingua e un recurso audiovisual da mesma, normalmente un vídeo. Por exemplo, no caso da
lingua istrio-romanesa e nalgún outro, tivo que conformarse cunha ligazón a un
portal con audios . Un bonito xardín para visitar.