Abondan as normas que amparan o dereito a usar o galego en todos os ámbitos da vida e, en concreto, na Administración de Xustiza. Neste espazo a Lei de normalización lingüística (1983) recoñece, no artigo 7º, o seguinte: “1. No ámbito territorial de Galicia, os cidadáns poderán utilizar calquera das dúas linguas oficiais nas relacións coa Administración de Xustiza. 2. As actuacións xudiciais en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada. En todo caso, a parte ou interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa. 3. A Xunta de Galicia promoverá, de acordo cos órganos correspondentes, a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza”.
Porén, calquera persoa que empregue o galego, de forma habitual, sabe que debe converterse en Sísifo para intentar que os dereitos recoñecidos nos textos se cumpran. Esta realidade cotiá, chea de obstáculos, cesións, derrotas, cansancios e pequenas victorias, en batallas que non deberiamos ter que librar, sorprende máis no eido da Administración de Xustiza, precisamente, por ser a encargada de garantir o exercicio dos dereitos da cidadanía.
No 2015 o Concello de Redondela celebrou o 30º aniversario da primeira sentenza ditada no noso idioma e inaugurou unha placa que di: “O 27 de marzo de 1985 os maxistrados da Audiencia Territorial da Coruña Ricardo Leirós Freire, Claudio Movilla Álvarez e Gonzalo de la Huerga Fidalgo ditaron a primeira sentenza en galego despois de cinco séculos de proscrición, sendo promovente o Concello de Redondela”. Porén, transcorridos 32 anos desde a primeira sentenza, nin sequera dispoñemos de datos oficiais sobre o uso do galego na Xustiza, o que supón unha boa mostra do desprezo que sofre a nosa da lingua no Olimpo das leis.
O libro Reflexións sobre a xustiza. Unha aportación desde Galicia, editado pola Xunta (2009), carece de datos completos respecto do emprego da lingua galega, e os poucos que ofrece son devastadores. Porén, a situación non mellorou. Na actualidade, por exemplo, carecemos de rexistros para saber cantas sentenzas se ditan en galego cada ano.
Herdamos unha lingua pantasma que non se reflicte no espello da Xustiza. Mais noso é o futuro. Mudarmos a posición subalterna do galego na Xustiza depende de nós, da existencia dunha cidadanía que, en todas as súas múltiples facetas (profesional, usuaria, cívica...) empregue (e demande) o galego con dignidade e orgullo, para sermos un autoreferente de calidade e prestixio no uso da nosa propia lingua, conscientes de que somos portadoras dunha cultura ancestral e que debemos legarlla ás xeracións vindeiras. Trátase dun patrimonio inmaterial mundial que temos a obriga de preservar. E nesta tarefa contamos con precedentes como o da Asociación de Funcionarios pola Normalización ou a Irmandade Xurídica Galega. Así que o lema é: a unión fai a lingua (e a xustiza).
Por iso debemos unirnos para reclamar, en primeiro lugar, datos sobre o emprego do galego na Xustiza. A información veraz é o punto de apoio a partir do cal, como Arquímedes, coa suma das nosas pequenas forzas moveremos o mundo. Só así comezaremos, por fin, a situarmos o galego onde é de lei, a sermos quen de termar da nosa historia: a Xustiza pola lingua.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 23 de maio de 2017
A xustiza pola lingua
por Celia Pereira Porto, na Praza Pública
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario