Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 13 de maio de 2017

Tíralle da Lingua 2017

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:


A pasada terza feira 25 de abril celebrouse no compostelán Teatro Principal a final da décimo sétima edición do certame de relato oral Tíralle da Lingua, convocado, coma todos os anos, pola AS-PG.

É esta unha proposta dirixida a escolares e profesorado de todo o país. Algún dos principais obxectivos que persegue é normalizar o uso oral da nosa lingua e convertela en vehículo de uso habitual no sistema educativo, en especial entre a xente moza.
Entre os múltiples beneficios que comporta a participación para o conxunto do alumnado pódense entrecoller os seguintes: o labor de creación, recreación, adaptación e interpretación de historias -de autoría propia, de base culta ou popular-, a perda do medo escénico e a mellora da capacidade expresiva -en especial en público- así como a práctica expositiva na nosa lingua.
Dirixido aos diferentes niveis académicos do sistema educativo, en cada centro participante realízanse fases previas. Nelas valórase a idoneidade da posta en escena, a calidade da lingua empregada e o carácter construtivo e pedagóxico dos textos. Nos centros o labor adoita canalizarse a través do correspondente ENDL.
Coma todos os anos, a celebración da fase final convértese nun espectacular día de festa protagonizado por unha morea de escolares galegos, dunha manchea de centros de todo o país, arredor da nosa lingua. Contadoras e contadores de historias levan a cabo a súa posta en escena perante un bulicioso público de xente nova que acompaña os participantes.
O labor de presentación e de animación nesta edición correu a cargo de Isabel Risco. Os membros do xurado foron Fran Rei, Xerardo Rodríguez Roca e Dores Vidal Peón, en tanto que como secretaria actuou a representante da AS-PG.
A relación de premiados é a que se detalla a seguir:


Educación Primaria1º premio:
Centro educativo: CEIP Forgar - Carballo
Participantes e obra: Grupo Axóuxere – O móbil de Rosalía
2º premio:
Centro educativo: CEIP San Miguel de Reinante
Participantes e obra: Grupo de 3º, 4º, 6º - Lembranzas da escola


1º ciclo de ESO

1º premio:
Centro educativo: IES Poeta Díaz Castro - Guitiriz
Participante e obra: Maite Villar – Memorias dunha vaca
2º premio:
Centro educativo: IES Aquis Querquernis – Baixa Limia
Participante e obra: Paula Senaz Feijoo – Mundos sen complexos


2º ciclo de ESO e Bacharelato

1º premio:
Centro educativo: IES Aquis Querquernis – Baixa Limia
Participante e obra: Óscar Paz Almeida – O can Rin e o lobo Crispín
2º premio:
Centro educativo: IES Aquis Celenis – Caldas de Reis
Participante e obra: María Torres – Fuxir


Merecente da máxima gabanza é o labor desenvolvido —e continuado no tempo— pola entidade organizadora, a AS-PG; do mesmo xeito que as institucións colaboradoras, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela.
Débese, xa que logo, dende os centros educativos, fomentar a participación neste interesante concurso escolar. E como certame de relato oral que é, velar pola escolla por este tipo de textos, fronte a outras manifestacións nas que interveña a oralidade -caso de monólogos ou pezas teatrais-. Por acatamento ás bases do concurso, porque gozamos dunha excelente tradición de noso e porque é esta unha modalidade que faculta especialmente o desenvolvemento das capacidades expresivas da nosa poboación máis nova.

Ningún comentario:

Publicar un comentario