artigo de Xabier Portas no voceiro dixital de Galiza Nova:
Por vez primeira na historia dende o século IX, o galego non é a lingua de uso cotián da maioría dos e das galegas. Se observamos as estatísticas, non é moi complicado decatarse da tendencia á baixa destes últimos anos no seu emprego, abranguendo actualmente un 40% da poboación total do noso país -segundo datos debullados polo Instituto Galego de Estatística-, e acentuándose notoriamente esta problemática cando á cidade nos referimos.
O relevo xeracional no ámbito urbano vese agravado polos prexuízos que dende fai anos rodean o galego e que, aínda que semelle incríbel, aínda hoxe imperan en moitos rapaces e rapazas novas. Acotío intentan convencernos de que “el gallego no sirve para nada” ou que “es de paletos”, mais nada disto é verdade. Co galego podemos comunicarnos con máis de 300 millóns de persoas da comunidade lusófona sen necesidade do inglés ou o castelán, percorrendo diversas nacións e culturas como Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Timor Leste, Macau-China… entendendo e facéndonos entender sen problemas. Asemade, é sinónimo de cultura. A nosa literatura é recoñecida en todo o mundo e o volume de obras literarias galegas traducidas a outras linguas vai en aumento, ao igual que a producción teatral e audiovisual, bandas e grupos de música que traspasan fronteiras… e todo isto nun panorama dominado polos medios de comunicación de masas, sendo quen de superar as trabas impostas e amosando a riqueza cultural que posúe o noso país, con xente que nunca renunciou á lingua.
O relevo xeracional no ámbito urbano vese agravado polos prexuízos que dende fai anos rodean o galego e que, aínda que semelle incríbel, aínda hoxe imperan en moitos rapaces e rapazas novas.
Quen non escoitou algunha vez comentarios como “¿y tú, por qué hablas gallego?” -cando a pregunta debería ser “e eu, por que non o falo?”– ou “a mí me encantaría hablar en gallego, pero hablo fatal”, sen decatarse que só practicando se aprende, que a riqueza do noso idioma precisamente radica en que non hai dous galegos iguais, e que o único incorrecto é aquel que non se fala. É duro ser o único rapaz galegofalante no teu grupo de amigos ou no teu instituto, e ver como en vez de recibir apoios o único que te atopas son pedras no caminho. Trabas como o non dispoñer de exames en galego, ter que recurrir ao castelán para axilizar trámites administrativos ou mesmo ter que renunciar á lingua para atopar emprego, dificultan o dar o paso a desenvolverte en todos os ámbitos plenamente na nosa lingua.
Quen non escoitou algunha vez comentarios como “¿y tú, por qué hablas gallego?” -cando a pregunta debería ser “e eu, por que non o falo?”- ou “a mí me encantaría hablar en gallego, pero hablo fatal”, sen decatarse que só practicando se aprende, que a riqueza do noso idioma precisamente radica en que non hai dous galegos iguais, e que o único incorrecto é aquel que non se fala.
A mocidade sabe falar, ler e escribir en galego, e mesmo en ocasións presenta unha grande predisposición, mais non o emprega por mor do medo a non encaixar e non ser aceptados en espazos nos que impera o castelán, creando barreiras psicolóxicas difíciles de salvar. Isto vese favorecido por contextos como a escola, a cal supón a, día de hoxe, un importante axente desgaleguizador. Son moitos xa os casos de cativos que educados en galego, deixan de falar no idioma que lles é propio ao atopárense nun ambiente fortemente castelanizado, promovido polas políticas españolizadoras do Partido Popular, que dende a chegada de Feijoó á Xunta no 2009, non dubidaron en atentar contra o idioma nas aulas. Estas tentativas materializáronse na reforma educativa LOMCE, pola cal vemos como non só se degrada a lingua ao último plano educativo, senón que reduce as horas lectivas en galego entre 10 e 13 horas semanais -dependendo da modalidade- e desaparece das materias científico-técnicas.
A lingua representa un dos patrimonios inmateriais máis grandes que temos e é un dos símbolos que nos identifica como nación. Non podemos manternos impasíbeis fronte aqueles que queren ver como morre a nosa fala, fronte aos que buscan eliminar os nosos sinais de identidade e arrasar cos trazos que nos diferenzan como pobo. En palabras de Manuel María:
“O pobo que deixa perder a súa palabra
creada, herdada, usada, revelada,
a que é únicamente súa,
está empobrecendo o mundo
e perpetuando o seu propio xenocidio.”
Por isto, dende Galiza Nova, afirmamos que temos que ser quen de rachar con estas dinámicas de abandono da lingua loitando a diario contra aqueles que pretenden que fiquemos calados e caladas. Porque se queremos perpetuar a súa supervivencia, non hai maior feito de rebeldía cara o sistema que falar en galego. E ti, a que esperas? Rebélate, fala galego!
Ningún comentario:
Publicar un comentario