Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 4 de setembro de 2018

A morte do galego

por Lourenzo Fernández Prieto, en La Voz de Galicia:


Morre ou matámolo? O galego é a única lingua cooficial que perde falantes en España un ano tras outro. Os datos son teimudos e non poden agocharse, pero obrigan a pensar. Para recoñecer a realidade só importan os datos, o resto é literatura. A realidade sempre supera a ficción nun país que segue preferindo un poema calquera a mil falantes, neofalantes ou mal-falantes máis. Uns mátano á mantenta e outros sen querer. Estámolo a facer entre todos pero uns máis ca outros. Xaora! Evitar o suicidio -ou asasinato- da lingua que aínda falamos nesta terra a maioría require pensar e mesmo equivocarse pensando. E obriga a facer. O actual presidente da Academia, igual que os tres que o precederon, lamentou con tino que o actual goberno da Xunta arrincase aproveitando e provocando un inesperado conflito arredor do idioma por unha presada de votos. Iso foi hai case dez anos e a saúde do galego e as condicións políticas para darlle acubillo non fixeron máis que empeorar dende aquela. Os votos son o poder e o poder vale máis que o idioma. Pero o galego nunca foi un idioma de poder. A perda da lingua é un problema colectivo e patrimonial. Non digo patriótico para que non se alporice quen sempre identifica patria con estados, fronteiras, exércitos e moedas. Pero si podemos dicilo con Fernando Pessoa cando escribía que a súa patria era a súa lingua. Castelao comparou a morte do galego con derribar o pórtico da Gloria, nestes días felizmente restaurado. O asunto non é novo, pero logo duns anos de evidente mellora para a lingua resistente o presente e o futuro veñen mouros. Matamos o galego entre todos. Uns porque o queren demasiado e só para eles. Outros porque o converteron nun marcador político só identificable, xa que logo, con algunhas marcas. Outros porque seguen pensando que é cousa da aldea, rústica, rural, e polo tanto pouco urbana, educada e moderna. Desertando da aldea fálaselle aos fillos e ás fillas en castelán, mal ou bo, ou en castrapo puro. Coma nos anos da longa noite de pedra. Non poucos úsano sen querer: aprendéronllelo na casa e non lles queda outra, porque é a lingua que usaron decote para chamarlle a todo o que coñecen e manexan, pero fano con tan pouco aprecio que están encantados de abandonala para falar a lingua máis frecuente das televisións, máis forte, prestixiada e imitable que a da casa. Queda lonxe o debate sobre o bilingüismo; agora aspírase ao bilingüismo castelán-inglés. Aínda están uns poucos que odian o galego por ideoloxía. Vella teima case esquecida e recentemente recuperada. Ao galego mátano encantados os que defenden outra volta unha nación única de lingua e estado, ou os vellos imperialistas que seguen convencidos, con Nebrija, de que a lingua é a compañeira do imperio ou da nación única sucedánea. Son poucos pero levan unha década cavando unha trincheira. Recoñecer a realidade é o mellor camiño para traballar con ela. Se queremos. Se non, conformémonos coa toponimia, a paisaxe e o polbo á feira, pero asumindo que perdemos a patria de Pessoa e o pórtico da Gloria de Castelao.

Ningún comentario:

Publicar un comentario