Unha temporada máis a política de exclusión da lingua galega continúa a ser o distintivo da Xunta, tamén na época de verán. Poderíamos dicir que para reducir o uso do galego o goberno non toma vacacións. Ademais ten o mérito de facelo baixo un adubío propagandístico contínuo, que mostra un mundo de fantasía normalizadora mentres a témera realidade redutora se agocha debaixo das alfombras.
Como mostra disto podemos comenzar co n-ésimo acto de descuberta de placa de conmemoración de uso do galego nun xulgado, neste caso do da Estrada, mentres nese mesmo xulgado a lingua galega fica excluída na súa práctica diaria. Lembremos que é imposible usar o programa de tramitación xudicial na nosa lingua porque a Xunta de Feijóo nunca o considerou prioritario, e van alá xa 7 anos.
Durante este verán tamén se publicou a resolución bianual de axudas ás tradución. Nótese que é unha resolución bianual, polo que a dotación orzamentaria hai que dividila por dous. Ademais mestúrase nunha mesma convocatoria a tradución ao galego (da que estamos tan necesitados) coa tradución do galego a outras linguas. Sobre este particular cómpre ler o informe que realizara no 2014 a editorial Hugin e Munin, denunciando as irregularidades e trapicheos destas convocatorias (por certo, na resolución deste bienio nomean a esta editorial como *Huguen e Munin e, nun alarde de transparencia non especifican as cantidades asignadas a cada un dos beneficiarios)
Un dos maiores alardes de cinismo é o da divulgación do Festival Resurection Fest como actividade coparticipadora na normalización do segmento máis desgaleguizado da sociedade, o da mocidade. A Xunta aportou 77.000 euros ao festival, e de volta temos o cartel en castelán (e inglés)
Tamén se publicou neste verán a resolución das axudas aos concellos para a promoción da lingua galega., dotada unha cantidade ridícula, 245.000 €, para repartir entre máis de 100 concellos (hai outros 200 que quedan a cero). Con todo, se só miramos para aqueles que reciben algunha esmola por esta vía, conviña que, polo menos unha vez, o secretario xeral de política lingüística explicara que clase de políticas vai poder levar a cabo un concello con 1.300 €. Pero o panorama aínda pode volverse máis negro...
Hai dous anos, ProLingua denunciaba que a SXPL estaba disposta a participar nun premio no que o galego podía estar ausente. Demencial, non? Parece ser que ProLingua estaba moi ben informada pois neste mes de xullo a SXPL anunciaba o seu apoio á convocatoria do I premio de novela "Camiño de Santiago", as bases, indican que se outorgará un premio de 6.000 € a unha novela que non ten por que estar escrita en galego.
A principios de agosto publicouse a resolución das subvencións para materiais curriculares en galego. Ademais da escasa dotación orzamentaria, esencia dunha política de redución do uso do galego, estas resolucións caracterízanse por excluir a posibilidade de elaborar materiais de matemáticas, fisíca, química e tecnoloxía en galego. Estamos, xa que logo, ante un ataque á lingua, disfrazado baixo a capa de "subvención para a dinamización". Tal é o desprezo que polo uso do galego no ensino hai nos corredores de San Caetano que nin tan siquera se fixo anuncio da resolución no apartado de Novas do portal da SXPL. Aínda peor, como pode comprobar calquera que lea o DOG dese día, verá como os motivos de denegación da subvención están escritos en castelán (no DOG en galego):
Tanto na prensa, como nas RRSS ou no propio portal da SXPL puidemos ver referencias a que case 1500 rapaces participaron nun programa de campamentos de verán en galego. Pola contra, anunciárase que a Xunta ofrecera 10.000 postos para campamentos de verán. Unha pregunta xurde naturalmente: que pasa coa lingua das outras 8.500 prazas? O 15% é o que a Xunta lle reserva ao galego? Un dato, só o 18% dos nenos aprenden a falar en galego.
A última argallada do departamento da Xunta encargado da cousa da lingua foi o de programar durante este mes de setembro un total de 11 proxeccións de películas en galego O resultado, xa o adianto, vai ser un fracaso total. O problema é que non hai películas en galego, polo que terán que proxectar filmes xa vellos e, polo tanto, nada gorentosos. Pensemos que na miña vila, A Estrada, cada semana hai máis do dobre de proxeccións cada semana, todas en castelán, por suposto, porque non hai outra alternativa. Velaquí repetida a imposición do español, mil e unha veces.
Para finalizar, unha pregunta que me leva proendo desde que se publicou, hai máis dun mes: que ten que ver isto coa normalización?
Ningún comentario:
Publicar un comentario