Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 17 de setembro de 2018

A minoría supremacista

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:

“Hablamos español” fracasou nas súas convocatorias de agosto, malia escoller datas de feiras en localidades con moitos turistas do resto do Estado: Sanxenxo, Baiona e Compostela. Mesmo entraron en conflito con elementos salientábeis do PPdeG, como o alcalde de Sanxenxo. De certo que a súa mensaxe ríspida, nin empática nin simpática, de brancos e negros, confronta de máis cos grises e relativismos galegos, coa tolerancia, a amabilidade e a cordialidade que adoitan rexer as relacións interpersoais neste país atlántico.


Dirán moitos de vostedes que non paga a pena escribir a respecto desta xente. Que viven fóra da centralidade, son moi curta minoría e non representan case a ninguén. Isto é verdade, mais só se atendemos a realidade social de Galicia. Porque esta corrente, reducida e radicalizada, conecta con amplas capas da poboación nos territorios unilingües do Estado. Conecta con ese “mainstream” supremacista español que marca a axenda política da dereita española e na que se insiren os líderes de Cs e PP, Albert Rivera e Pablo Casado, canda os extremistas de Vox.


O discurso de “Hablamos español” é a negación da realidade. O problema na Galicia non o ten o omnipresente castelán, senón a nosa lingua propia, vetada en máis da metade do sistema educativo e moi minorizada nas Administracións do Estado e de Xustiza, na empresa, na publicidade e nos media. O discurso de “Hablamos Español”, como o do seu fundador Galicia Bilingüe, proxecta unha realidade deturpada onde o opresor transfórmase en oprimido.



Esta mensaxe non pretende ser maioritaria na sociedade galega, mais si cohesionar e alargar unha minoría moi influínte, que marque a axenda política, que impida de feito a oficialidade do galego, a vitalidade da nosa cultura, o desenvolvemento da nosa economía e a restauración da nosa autoestima. Quere dividir a sociedade galega e presentar os que defenden os nosos dereitos e intereses como o que son eles, como sectarios, intolerantes e pouco empáticos. Queren pór o mundo ao revés e que as súas teses supremacistas pasen por ideas razonábeis.


Fronte esta mensaxe de división, de exclusión do que é noso e de minorización dos nosos dereitos e intereses, cómpre opor unha mensaxe en positivo, transversal, incluínte e pedagóxica que, porén, non lles pase unha no ámbito do debate das ideas e na definición da axenda política.

Ningún comentario:

Publicar un comentario