Os rapaciños que nazan en Poio durante este ano recibirán un agasallo para a concienciación dos pais na transmisión da lingua galega. A cesta de benvida está composta por dous libros, un dudú e unha bolsa para a merenda. Un pasiño máis que dá, nesta ocasión, o concello de Poio e que nos recorda a caixa de Apego, chea de boas iniciativas e de compromiso e amor pola lingua.
Caixa de benvida de Apego |
Da banda contraria está o nefasto caso da caixa finlandesa da Xunta que se fixo tristemente famosa polo agravio ao galego que significaba que contivese un CD con cantigas de berce en castelán.
Foi unha mostra máis da mestura de cinismo e mentira dunha Xunta galegófoba que divulgaba o agasallo "como un cedé de nanas cantadas en galego e un libro tamén escrito no idioma propio da comunidade".Isto de manipular e mentir faise co obxectivo de desgaleguizar parte máis sensible da sociedade, a dos nenos. Preténdese aniquilar o futuro da lingua, piar fundamental da sociedade galega. Facer caso destes enganos argallados polos radicais que dirixen a política lingüística da Xunta estanos a levar a situacións de verdadeira alarma. Pensemos que só un 18% dos rapaces aprende a falar na lingua da terra. Cales son as razóns para esta deriva? A resposta acharémola na prohibición do ensino en galego en moitas materias, no desleixo nas políticas normalizadoras, no rexeitamento das iniciativas polo avance nos dereitos lingüísticos , e sobre todo nos CDs que manda a Xunta aos pais que acaban de ter un neno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario