por María Obelleiro en Nós Diario:
É 18 de maio e grazas a todas e todos vós, que apoiades mediante as subscricións ou a compra Nós Diario, o galego continúa vivo na portada dun diario en papel. Nesta redacción non nos limitamos a escribir reportaxes sobre "verbas riquiñas na lingua galega" con motivo do Día das Letras Galegas. Non só escribimos "morriña", "vagalume" e "orballo" en galego. Escribimos todas as palabras, pois para nós o idioma propio é a razón de ser.De seguro que desde o punto de vista empresarial nos iría mellor de seguirmos coa tradición da prensa en papel editada na Galiza: redactaríamos a portada en galego só o 17 de maio —un día ao ano non fai dano—, reduciríamos a porcentaxe de uso do galego do 100% ao 8% (nas noticias máis "folclóricas") e traduciríamos ao español as declaracións e entrevistas realizadas en galego, aínda que tratasen sobre normalización lingüística. Quizais, así, a Xunta da Galiza non nos discriminase no reparto das subvencións aos diarios en papel.
Mais fiquemos co positivo: entre todas as persoas subscritoras contribuímos cada día a que este medio de comunicación estea máis presente na sociedade galega e entre todas e todos reivindicamos, na rúa, como sociedade civil, o dereito a vivirmos en galego. Cómpre parabenizar, máis un ano, o traballo da Mesa e de Queremos Galego facendo o que deberían facer -e non fan- os poderes públicos: defender e promover a lingua propia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario