por Patricia A. Janeiro en El Diario:
Teño un amigo do Morrazo que vive nos Estados Unidos coa muller turco-alemá e mais o fillo americano. Parece o comezo dun chiste ou a biografía de Noam Chomsky, mais é así. Cando naceu o rapaz, falábanlle turco e galego na casa, pero en canto se escolarizou, o inglés pasou a ser a lingua dominante e as linguas maternas fóronselle exotizando. A última vez que viñeron de visita, ante a insistencia do pai de que o rapaz falase galego coa familia e as amizades de aquí, el engurraba o fuciño como bo pre-adolescente (esa linguaxe si que é universal) e retrucaba no seu inglés de Massachusetts: “but daddy, I don’t want to speak jallejo!” A min a mestura natural dos dous idiomas, isoglosas incluídas, lembroume á avoa Virtudes de Xesús Fraga e os seus exabruptos galegos no medio dos xardíns de Kensington.
O meu fillo ten seis anos e aínda non domina o inglés como para dicirme “I don’t want to speak galego” pero xa hai anos que ten perfeccionada a diglosia. Fala castelán con calquera que se achegue e lle fale en castelán, sexa familiar ou alleo. Díxome un compañeiro profe de galego que en realidade iso que fan os nosos nenos non é máis ca unha vantaxe evolutiva, adaptan o seu idioma á contorna para asegurarse de que os entenden. O problema é a contorna, que cada vez lles dá menos motivo para falaren galego. Díxome o mesmo profe que os catro piares da transmisión lingüística na infancia son a familia, a escola, as amizades e os medios. Cando un deles falla, cambalea o arraigo. Pensen no acceso que teñen as súas crianzas a programación infantil en galego, por exemplo. Cando falla máis dun piar, crébase a transmisión. Agora fagan contas de cantas persoas ao seu redor son monolingües en castelán, ou cambian ao castelán cando falan coa rapazada.
Noutro dos piares estase a extender unha nova forma de aniquilación lingüística: falar coa parella en galego e cos fillos en inglés, ou algo parecido. Pais que, sentados nos bancos do parque, lles berran instrucións aos seus fillos en perfecto inglés heptavocálico, como quen lle di “plas” a un can, pensando que o can se deita porque entende o alemán.
A min tamén me suxeriron algunnha vez falarlle en inglés ao meu fillo e deixarlle a transmisión xeracional ao seu pai. Coñezo parellas galegas que fan iso: o proxenitor profesor fálalle en inglés ao neno, desta vez coas súas vinte vogais e o seu sotaque da BBC, e co galego xa se apaña o outro pai. No nome dunha suposta vantaxe lingüística que non é tal estamos a arredar as nosas crianzas da súa lingua materna, unha creba interxeracional que non ten volta atrás.
Para quen non se fíe moito do que me conta o meu compañeiro profe de galego, que como é profe de galego a ben seguro que é do Bloque como mínimo, ou se non da Mesa esa, recomendo a consulta dos estudios de monitorización da educación no mundo que periodicamente levan a cabo a UNESCO e UNICEF. Ambos organismos conclúen que aprender a falar na lingua materna é fundamental para o desenvolvemento cognitivo e que favorece a aprendizaxe doutras linguas. Quen llo ía dicir ao papá que lle berra á nena no parque para que “bi kerful wit de dog”, eh? Como sospeitar que unha das chaves para facilitar a aprendizaxe de linguas é non perder a lingua propia?Da outra pata, a da escola, non vou falar moito porque leva abaneando desde que Feijóo derrogou o decreto 124/2007 de promoción do galego na escola, a herencia que máis lle molestaba do bipartito, por riba mesmo dos Audis e das cadeiras tapizadas do despacho. Se hai que lle facer caso á RAG, na escola é onde temos que dar agora mesmo a batalla polo galego, aínda que a terminoloxía bélica non nos fai moito favor. Como acontece cando falas doutro tipo de dereitos, a cultura dominante instálase na condescendencia: as do galego estades sempre enfadadas, se lle obrigas ao neno a falar galego vaiche cambiar ao castelán… e todo o ronsel de tópicos despreocupados que se pode permitir quen non ve esmorecer a súa lingua. Despois de todo, os idiomas reprodúcense de forma espontánea e natural, porque as falantes queren, e non hai decretos que os freen ou os impulsen, non si?
Se non podemos loitar, nin impoñer, nin preocuparnos, só nos queda a retranca. Voume ir preparando para a manifestación deste mércores en Santiago (ás 12 na Alameda, por se quedan dúbidas) e para refocile do noso ex-presidente e o seu (galicia)bilingüe sucesor, levarei unha pancarta ben grande que, citando a Virtudes, unha grande das nosas letras, só dirá: “fuckin’ merda”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario