Hai un denominador común que atinxe todas as linguas que non son a española, a oficial de obrigado cumprimento. Con efecto, todas elas son obxecto de ataque, desde os poderes fácticos do Estado e desde a legalidade que as marxina, facendo inviábel a súa verdadeira oficialidade. Sen dúbida, esta hostilidade non ten nin o mesmo calado nin os mesmos efectos en todos os casos, porque tampouco teñen a mesma actitude os respectivos gobernos autonómicos verbo da lingua propia. Non só desenvolven unha legalidade diferente, senón que reaxen tamén de forma distinta fronte á hostilidade dos anteditos poderes e dos sectores sociais que, encirrados na súa españolidade, militan a prol de o español ser a única lingua con dereitos e deberes, tamén nas nacións do Estado español que teñen linguas de seu. Resúltalles inconcibíbel que un galegofalante goce en Compostela dos mesmos dereitos lingüísticos que un españolfalante en Sevilla ou Madrid. Ven nos procesos de normalización das outras linguas nos seus respectivos territorios unha actitude desafiante, que atenta contra a debida subordinación, garantía da unidade estabelecida. Non é de estrañar, pois, que, após corenta anos de suposta cooficialidade co español nos seus territorios, o galego, o catalán e o euskara teñan problemas de transmisión xeracional, de plenitude de usos, de discriminación e acoso dos seus falantes, para avanzar socialmente con contundencia e de forma irreversíbel. Porén, nos casos catalán e vasco, mellorou o seu coñecemento e uso social, no cuantitativo e cualitativo, dos seus idiomas, verbo dos anos finais do franquismo. No caso do galego, a falta de transmisión xeracional, o retroceso de usos orais, en ambientes sociais e zonas onde era dominante, desde entón, e de forma acelerada nos últimos quince anos, foron pavorosas. Velaí como o idioma non oficial con maior vitalidade coloquial en 1970 pasou a ser o que máis síntomas de retroceso e deterioro social manifesta respecto do punto de partida, malia o seu acceso marxinal a novas funcións cualitativas. A política lingüística da Xunta, nestes últimos anos, colaborou eficazmente para a enxurrada españolizadora avanzar de forma galopante. Lembremos como marcou a sociedade a denuncia de que o galego se impuña. Esta macabra e tráxica impostura abriu as portas, non á discriminación nunca desaparecida, senón á total anulación da concepción de o galego ser un idioma con dereitos para os seus usuarios, e por tanto, con deberes para as administracións públicas, así como a redución xeneralizada como lingua vehicular no ensino. Sacralizouse a subordinación que conduce á desaparición.Nestes momentos, perante a valoración das deficiencias e atrancos ao proceso normalizador en Euskadi e Catalunya, os seus gobernos tomaron decisións lexislativas ou esporearon ou implicaron a sociedade para enfrontalos, conscientes de que necesitan superalos. Aquí non cabe esperar nada igual da actual Xunta: conformidade e satisfacción plena coa suposta harmonía reinante. Urxe, pois, mudar o poder político. Aliás, urxe tamén que o problema da lingua desborde os límites da responsabilidade meritoria da Mesa pola Normalización Lingüística para constituír tamén unha cuestión de importancia vital no debate social sobre o futuro político inmediato do país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario