por María Reimóndez no Nós Diario:
O pasado 17 de maio, como tantas outras veces, moitas persoas saímos á rúa para celebrar a nosa lingua, para recoñecer o seu valor, mais tamén para poñer sobre a mesa a situación de constante agresión na que esta vive. E, por suposto, cando falamos dunha lingua, falamos das súas falantes.Mentres agardaba a que saíse a manifestación en Vigo, unha muller que paseaba, con evidente acento castelán doutro lugar, achegouse a min a preguntar que "Qué era aquello". Expliqueille brevemente e a súa primeira reacción foi o abraio: pero non se fala moito galego? Pero non están os carteis todos das rúas en galego? Pero non pasa que cando chamo á Xunta me atenden en galego? Non. Non. Non. Ante as respostas e explicacións, ela mesma, de orixe galega pero criada en Euskadi, comezou a unir a liña de puntos.
A afirmar que era certo que en Vigo escoitaba moi pouco galego, que tamén só faltaba que chamases á Xunta e che contestasen en castelán, que se eu dicía que ás persoas galegofalantes nos discriminaban nos traballos e nos comercios con frecuencia nas cidades, que sería verdade. Agradeceume a conversa e seguiu co seu paseo.
A breve interacción constatou a importancia de facernos visibles na rúa, de dialogar e interactuar. O galego vive preso non só dun goberno agresivo nos feitos, senón tamén da arañeira das mensaxes falaces que temos que contrastar coa realidade. Esta, como tamén comentaba Ledicia Costas no Twitter, inclúe vivir nun país onde a escola é unha máquina de desgaleguización, malia os esforzos de algún profesorado, as familias son foco de desinterese maioritario neste tema e no emprego xa para que dicir nada. As cifras son claras: perdemos transmisión xeracional, perdemos falantes. É a nosa unha arañeira moi mesta enriba da cal se lambe a araña do monolingüísmo, da explotación e da perda de diversidade cultural no mundo. En moitos outros lugares, outras usan os seus ferróns co mesmo fin, pois a cidadanía de moitos lugares está envolta no mesmo discurso: falar a túa lingua non vale para nada. Hai que falar castelán, inglés, portugués, árabe ou hindi.
Fronte á arañeira que nos envolve e a araña que nos agarda temos que ser insectos a traballar en enxame e colmea, persoas a darnos a man conscientes de que, na supervivencia das linguas, como teño argumentado moitas veces, vai tamén a supervivencia do planeta. O 17 de maio e todos os días, sen descanso, galego contra a arañeira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario