Di a proposta non de lei presentada polo PP no Parlamento este martes pasado que "parece chegado o momento de acabar definitivamente coas confrontacións políticas en relación con este asunto (fala dos ataques ao Decreto de Plurilingüismo) e reafirmar o modelo de equilibrio lingüístico entre galego e castelán, xunto coa aprendizaxe de linguas estranxeiras no sistema educativo de Galicia".E neste caso, porque lle convén, citan o Goberno do Estado para dicir que até os do PSOE emitiron un informe en que se di que "non existen limitacións ao ensino do galego en Galicia, senón o seguimento dun sistema de ensino bilingüe" e que, por tanto, apoian este modelo de "bilingüismo cordial totalmente normalizado", como agora lle din. Cordial? Onde está o corazón nesta visión da lingua?
E tiveron o descaro de invocar o Plan Xeral de Normalización que eles mesmos anularon coa prohibición de impartir en galego materias como as matemáticas, un dos obxectivos específicos do plan. Outro obxectivo específico que botaron por terra foi que a nosa lingua tivese unha presenza do 50% nas aulas, para o que introduciron a suposta aprendizaxe de linguas estranxeiras. Até invocaron a Lei de Normalización que, corenta anos despois, se mira no espello dunha sociedade menos normalizada, onde nin esa lei raquítica se cumpre.
Será que esta é a súa forma de negar os datos do IGE? Ou será máis ben que se felicitan porque o galego deixe de ser a lingua maioritaria, porque haxa alumnado galego que non sabe expresarse na súa lingua propia ou porque a calidade do galego que oímos nos medios públicos sexa cada día peor? Será isto o bilingüismo cordial?
Coa mesma maioría absoluta que botou por terra a ILP en defensa da Atención primaria, sacaron adiante esta proposta que non ten ningún tipo de utilidade na mellora da situación da lingua e só serve para que se auto-coloquen medallas. Para iso era a maioría. Acabáramos!
Que motivo de peso, de moito peso, para que perdan esa maioría absoluta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario