Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 22 de decembro de 2024

Informe da RAG sobre os datos do IGE ou os asasinos da aprendizaxe do galego

 Hai un documento da RAG, elaborado polo Seminario de Sociolingüística, que tivo pouca difusión pero que habería que ter moi presente. Trátase do "Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023" que analiza a vitalidade do idioma galego a partir dos datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística en 2023. Achéganse aquí as cifras máis relevantes e discútense os aspectos máis salientables. Ofrécese como un instrumento necesario para o diagnóstico da situación social do galego e a avaliación das políticas lingüísticas das últimas décadas

A panorámica presentada apunta á necesidade de poñer en marcha, de forma urxente, políticas eficaces que revertan a situación de devalo do idioma de noso.

Este documento considérase esencial na análise da situación de emerxencia e está dirixido á socieda de galega e dun xeito particular ás institucións con maior responsabilidade sobre o idioma, comezando polo Goberno galego.

O Informe é moi fácil de ler. Contén moitos gráficos, elaborados a partir dos datos ofrecidos polo IGE. Veñen con breves explicacións sobre o seu contido. Recollo tres deles, todos referidos á situación da lingua entre os máis novos. O primeiro recolle a capacidade para falar galego da poboación de 5 a 14 anos. 2003-2023 


O segundo gráfico trata sobre a capacidade para escribir en galego da poboación de 5 a 14 anos. 2003-2023 (%)


O último é consecuencia case directa dos anteriores, e todos son un corolario da implantación do decreto 79/2020, de prohibición do uso do galego no ensino non universitario. Nel reflíctese a evolución entre o 2003 e o 2023 da lingua habitual da poboación de 5 a 14 anos. 


Comprobamos no gráfico como o galego fica esmagado polo castelán. Non se trata dunha evolución natural, senón da implicación lóxica da exclusión dos máis novos dun ambiente galegófono. A prohibición de ensino esencialmente en galego é o culpable deste desastre. 
E os culpables teñen nome e apelidos: Alberto Núñez Feijóo, Jesús Vázquez, Anxo Lorenzo, Valentín García, Román Rodríguez, Alfonso Rueda, José López,...
A súa estratexia actual xira arredor dun pretendido "Pacto pola lingua". Polo enxergado ata o día de hoxe debería chamarse "Pacto polo asesinato da lingua". Os responsables da mala situación sociolingüística do galego non están dispostos a cambiar de política porque non están dispostos a cambiar de obxectivo. José López xa declarou que van seguir mantendo o decreto, en todo caso só está disposto a facer cambios cosméticos. Que importa que fagamos un cambio de cromos entre as materias expulsadas do ensino en galego? Que importa que agora sexan as Matemáticas e a Tecnoloxía e mañá a as Ciencias do Medio? Mentres non se aborde un cambio substancial no ensino, establecendo obxectivos claros, co galego como lingua de aprendizaxe en todas as materias, estaremos avanzando cara o precicipicio.

mércores, 18 de decembro de 2024

A Real Academia Galega, un calculado silencio á espreita

 


por Xosé Luís Axeitos no Faro de Vigo:

O pasado martes, 3 de decembro, algúns xornais publicaron unha nota da Real Academia Galega que consta de 170 palabras que cabalgan confusamente entre a crónica, a noticia e a reportaxe debaixo deste titular: «La RAG llevará ante el plenario un informe de la situación lingüística».

domingo, 15 de decembro de 2024

Declaración institucional da Real Academia Galega a prol dun pacto pola lingua

Declaración da RAG:

Os datos sobre a situación do idioma que acaba de publicar o Instituto Galego de Estatística (2024), analizados no Informe sobre a situación da lingua galega aprobado no Plenario, son contundentes: dramática redución da cifra de falantes de 5 a 14 anos, incremento exponencial das prácticas monolingües en castelán en todos os grupos de idade (que atinxe o 43% na cohorte de 15 e 29 anos e o 54% na de 5 a 14 anos), incapacidade para falar galego do 32% no grupo de idade máis novo, e incompetencia para escribilo do 38% nese mesmo grupo.


Estas cifras ofrecen unha proba rotunda das consecuencias do decreto chamado de plurilingüismo de 2010 e en xeral do abandono das políticas de protección do galego: incremento do monolingüismo en castelán e diminución tanto da competencia en galego canto do seu uso.


A Real Academia Galega tense manifestado reiteradamente sobre a situación do galego. Ademais de diversos estudos e informes, cómpre lembrar aquí pronunciamentos do seu Plenario como a análise do decreto de plurilingüismo (2010), a demanda dunha avaliación dos efectos deste decreto sobre as competencias do estudantado (2014), a reclamación de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2015) e o requirimento de aplicación íntegra da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (2019).


O proceso de substitución do galego gañou un ímpeto extraordinario ao longo do presente século, e a caída de uso da lingua galega, sobre todo entre as novas xeracións, é un feito obxectivo que pon en grave risco a continuidade do idioma. Por tanto, cómpre sinalar o seguinte:


A responsabilidade é de toda a sociedade galega, pero moi fundamentalmente de quen detén o goberno e dispón, xa que logo, dos mecanismos de actuación e planificación. A primeira responsabilidade é, por tanto, do goberno galego.

Hai varias frontes necesitadas de actuación urxente, entre as que salientamos:

No seo das familias vivimos unha dramática ruptura da transmisión xeracional.

Na escola non podemos aceptar que nenos e nenas que chegan ao ensino infantil e primario falando galego (a lingua das familias) volvan ao pouco tempo falando castelán. Os obxectivos do sistema educativo establecidos pola Lei non se cumpren.

Os medios de comunicación, que afrouxaron nas iniciativas creativas arredor da lingua, son axentes fundamentais para a normalización do idioma. En canto aos medios públicos, manifestamos a nosa fonda preocupación pola posibilidade do uso doutras linguas que permite o Proxecto de lei de servizos de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.

A industria da cultura precisa mecanismos e estratexias de difusión que permitan aos creadores en galego chegar ás audiencias (sobre todo á xente nova) e compensar a forte incidencia da oferta global.

Os axentes representativos da sociedade civil e as administracións son fundamentais. Urxe unha política estimulante que incorpore o galego ao mundo da empresa, a publicidade, o comercio, os deportes, o lecer, o culto relixioso etc. , e mais que o active na administración pública, na sanidade, na xustiza…

A respecto da presenza da lingua nas novas tecnoloxías da comunicación, é necesaria unha estratexia activa que estimule os creadores nas redes sociais, a súa presenza na intelixencia artificial etc. 

Achegamento ao portugués sen renunciar ao galego potenciando a dimensión internacional do idioma a través da lusofonía.

Todo o anterior debería concretarse nunha revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, en que deben participar os axentes sociais relevantes. Esta revisión debe prever a súa implementación, con medidas concretas, dotadas do correspondente orzamento, e obxectivos temporalizados, con indicación dos órganos executores e previsións de avaliación periódica do seu cumprimento.

A Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, compromiso internacional que obriga ao Estado e á Xunta de Galicia, debe ser cumprida na súa integridade. Isto implica o deseño dun marco normativo novo para o galego, incluíndo un novo decreto para o sistema educativo que substitúa o decreto de plurilingüismo de 2010, que diminuíu a presenza do galego no ensino e que a RAG recorreu legalmente no seu día. Tal como esta Carta prevé, debe ofertarse unha liña de ensino en galego desde a escola infantil á Universidade. Igualmente, cómpre que o sistema universitario se comprometa co uso do galego como lingua da docencia.

Como punto de partida para esa nova política, é imprescindible que se chegue a un Pacto pola Lingua Galega que implique o conxunto da sociedade. As formacións políticas representadas no Parlamento son a expresión da soberanía popular e a elas corresponde a iniciativa, mais contemplando a participación activa dos axentes sociais.

A Real Academia Galega insta a Xunta de Galicia e as forzas políticas a iniciaren o novo curso político cun proxecto de futuro para o idioma que comprometa e ilusione. Cómpre situar o patrimonio común do idioma por riba dos cálculos a curto prazo e das controversias partidistas. Esta é unha tarefa urxente, que non admite máis demoras.

A Coruña, 13 de decembro de 2024

domingo, 8 de decembro de 2024

Como se debuxa a dignidade?

 por Ismael Ramos, en El Diario:


Hai na cultura galega demasiadas figuras na misa e repicando? Supoño que iso non é nada en comparación coas técnicas de disociación de Valentín García, que leva doce anos afirmando que o galego vai ben e indo todos os días traballar á Secretaría Xeral de Política Lingüística

venres, 6 de decembro de 2024

Galego, decretos, enquisas e imposicións varias. Entrevista con Ana Iglesias


Na canle Noticias Dispersas entrevistan a Ana Iglesias. Tratan, entre outras cousas sobre o decreto 79/2010, de prohibición do galego no ensino non universitario. Comenta Ana Iglesias que o PXNLG establecía un mínimo dun 50% de ensino en galego. Porén o decreto establece este valor como teito, ademais prohibe a impartición das matemáticas ou a tecnoloxía en galego. Isto non só incide no mantemento, senón que reforza os prexuízos.

 

luns, 2 de decembro de 2024

Urxe pasar á acción

 


por Ana Iglesias no Faro de Vigo:

Ante a situación actual da nosa lingua, úrxenos a todos e todas tomar medidas e pasar á acción. En primeiro lugar, debemos esixirlles aos máximos responsables que muden a política lingüística levada a cabo nas últimas décadas, tanto a nivel lexislativo como discursivo. Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (2023) acaban de falar alto e claro: a situación empeorou de forma contundente. Ante grandes problemas, necesitamos grandes solucións e, desde logo, cambiar radicalmente a liña de actuación que se estaba a levar a cabo ata agora en Galicia con respecto ás linguas. Canto ao sistema educativo, o decreto vixente (79/2010), denominado decreto do plurilingüismo, lexisla en contra do establecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado no 2004 polo Parlamento de Galicia, baixo o goberno do Partido Popular. Esta era a primeira vez que en Galicia se levaba a cabo unha planificación lingüística xeral e a longo prazo, realizada por expertos nos diferentes sectores. Porén os seguintes gobernos do PP, lonxe de aplicalo, contradicírono en moitas das súas medidas, amparándose en que o dito plan non ten rango de lei e, polo tanto, non é de obrigado cumprimento. É certo que, despois de 20 anos, o Plan require unha revisión e adaptación aos novos tempos, aínda que nalgúns ámbitos, como é precisamente o do ensino, mantén plena vixencia e é máis necesario ca nunca.

 

domingo, 1 de decembro de 2024

Galicia non é Galicia sen o galego

 


por Xosé Antón Rodríguez, en Galicia Confidencial:

Os idiomas dun pobo son instrumentos culturais fundamentais para definir a súa identidade. Os cidadáns que viven nese pobo teñen o dereito de coñecer os idiomas que se falan nese territorio; o mesmo que teñen o dereito a coñecer a súa cultura, historia ou xeografía.