por Xosé-Henrique Costas, no Nós Diario:
O pacto PP-PSOE para "actualizar o Plan Xeral da Lingua" supuxo, na práctica, un dioivo de verbos inconcretos como "promover", "favorecer" ou "fomentar" sen compromisos firmes nin planificación ningunha. Nada sorprende que ese pacto fose tan celebrado por Hablamos Español e o PP máis reaccionario. O que arrepía é que tanto a RAG como o CCG visen nel certos avances cando todo son desideratas vagas, inconcrecións e consolidación dos retrocesos.
O pacto non é progresivo, como manda toda lexislación lingüística, senón estático: consolida o retroceso do Decreto 2010: o galego seguirá prohibido en 50% das materias, cando o Consello de Europa se farta de instar a Xunta para que permita un ensino íntegro en galego. U-lo avance no troco A por B e B por A? Onde a RAG e o CCG ven avances, nós vemos consagración das prohibicións. Se A se dá en galego, en castelán dáse B. Ou ao revés, tanto ten. Que se maten nos claustros dos centros.
O dramático é que na Educación Infantil o galego continúa baixo cero: consolidando a "lingua predominante do alumnado" abenzóase a asimilación dos nenos galegofalantes. Será imposible escolarizar un fillo en galego nunha vila ou cidade porque a primeira lingua de relación dos cativos será a de fóra. E logo virán a inercia, os prexuízos e a falta de hábitos lingüísticos en galego. Onde queda a recomendación do Consello de Europa?
O PSOE sae todo gabacho do pacto porque logrou que o orzamento para lingua subise 1,5 millóns de euros anual, moi lonxe dos 22 millóns de 2007 (hai 20 anos!, cando a SXPL era do PSOE). Son felices polo retroceso? Por cada euro por cidadán e ano que dedica esta Xunta ao galego, o Goberno catalán dedica 11 ao catalán e o vasco 70 ao euskera. Pero tanto ten, así a Secretaría Xeral de Lingua (SXL) tivese 50 millóns, de nada valen se se dedican a financiar todo tipo de festiñas e saraos ou a subvencionar cousas de amigos que nada teñen que ver coa planificación lingüística.
Créanse dúas comisións de seguimento do PX que emitirán informes anuais: unha da SXL e a outra dun Consello Asesor. Neste Consello dise que participarán o Parlamento, a RAG, o CCG e "entidades vencelladas á promoción da lingua". Mais, que foi dos obrigatorios informes de seguimento do Decreto 2010 que se tiñan que presentar anualmente e que cantarían as súas bondades? Se nestes 17 anos os fixeron e non os amosaron, mal; e se non os fixeron, peor. Como pretenden agora que os creamos cando levan 17 anos mentindo?
E para recadaren datos para eses informes en quen se van apoiar? Nos inexistentes ou inoperantes Equipos de Dinamización da Lingua Galega? Nas direccións dos centros? Nos inspectores de ensino? Neses mesmos probos funcionarios que levan 30 anos permitindo todo tipo de incumprimentos co galego? Rir por
non chorar.
Institucións propositivas
E ante este panorama de pactos e plans etéreos, cordiais, harmónicos, asexuados, anxelicais e (seica) ben intencionados, a RAG e o CCG, as nosas dúas institucións da lingua, saen na prensa con melifluos discursos semellantes: que ven avanciños –aínda que non todo o que quixeran–, que os pactos son un mal necesario, que pena do BNG, que nel se recollen suxestións feitas polo CCG no seu informe Unha lingua para un país etc.
Imos ver: é sabido que a Xunta chapodou parte das propostas das comisións do PXL onde traballaron varios académicos da RAG. Están satisfeitos? E se non, por que calan ante esta nova desfeita? Que hai de certo nas palabras de Besteiro cando di que o PSOE asinou este pacto co PP avalado pola RAG e o CCG? Que ten que dicir a todo isto o Seminario de Sociolingüística da RAG, que non convoca os seus membros desde hai 13 anos? Vai facer algún informe público sobre as novidades deste novo PXL e as actualizacións logradas polo PSOE?
Bótase moito de menos a RAG rexa e combativa de hai anos contra o Decreto 2010. A xente que traballa a diario pola lingua nas aulas, nos xulgados, nos concellos, nas redaccións etc., agardaría da RAG e do CCG que non colaborasen na aplicación dos coidados paliativos ao noso idioma cando este aínda pode revivir. Agardaría da RAG que con urxencia convocase o Seminario de Sociolingüística e o plenario para debater, difundir estudos sobre a saúde do idioma e propoñer solucións. Esperaría do CCG que, ao igual que fixo no seu día co Informe Altri, fose tan propositivo e crítico como sexa necesario. Outramente, con discursos mornos e compracentes, non estarán a servir ao noso pobo e á nosa lingua, senón ao partido que goberna que, abofé, só propón unha morte doce e indolora para o idioma.

Ningún comentario:
Publicar un comentario