Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 15 de xaneiro de 2010

O decretazo, unha navallada contra o galego

Por Anxo Louzao, da CIG-Ensino, en Vieiros

O presidente da Xunta, Sr. Feijoo, coñecedor do amplo rexeitamento que ía supor a nova proposta de decreto, agardou ao 30 de decembro, en plenas vacacións de Nadal, para presentar, ás 19.30 horas, “As bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario”. A elección deste día e hora non foi outra que a de procurar amortecer a ampla contestación social á convocatoria da concentración feita pola Plataforma Queremos Galego que o levou a trasladar o lugar habitual do Consello da Xunta, pondo en evidencia a mala conciencia de quen sabe que está agredindo e reducindo os dereitos lingüísticos do galego.
Estas bases de decreto veñen sendo o colofón de todo un proceso de involución e persecución permanente ao noso idioma, cuxo obxectivo é procurar eliminarlle todos os resortes legais e lexislativos que foi conquistando, coa finalidade de erradicalo. O Partido popular nesta nova etapa marcouse como un obxectivo político prioritario reespañolizar e recolonizar Galiza. Nesta pretensión uniformizadora, sabedores de que o idioma é o elemento de cohesión nacional imprescindíbel e fulcral para avanzar no autogoberno e acadar a emancipación nacional, é onde hai que situar a persecución e fobia contra o noso idioma e de todo o que nos conforma e nos fai galegos. Isto explica que, só en medio ano de goberno, o PP cunha eficacia e celeridade inaudita e sen precedentes proceda a atacar e a reducir a presenza do galego no ensino. Por vía de urxencia, eliminou a obrigatoriedade de realizar unha proba en galego para a acceder á función pública, eliminou a obriga de impartir, en educación infantil, como mínimo un 50% en galego en contextos español-falantes; desmantelou o modelo educativo de galescolas, reduciu o número de premios á innovación en normalización lingüística, eliminou as axudas á tradución e aos programas de inversión en galego na Educación Infantil, reduciu as axudas aos equipos de normalización, eliminou o requisito de ter competencia en galego para que o profesorado poida gozar de licenzas e estadías no estranxeiro e os orzamentos deste ano dedican un 20% menos á normalización que os do ano 2009. Estes son só algúns exemplos dos agravios e persecucións que asoballaron o noso idioma no ensino, desde que o PP tomou posesión do goberno. Toda esta estratexia lingüística de ataque constante contra o galego ampárase e fundaméntase na mentira da imposición e na invención dunha realidade sociolingüística inexistente en que, supostamente, a lingua nacional goza dos mesmos dereitos, alcanzou os mesmos usos sociais e prestixio que a realmente imposta, o español. O galego pasa de ser lingua excluída, marxinada, aldraxada e expulsada de moitos usos e espazos e, mesmamente, perseguida e agredida a transformarse, do día para a mañá, segundo as afirmacións cínicas do PP e aliados, en agresora e invasora do seu propio territorio. A folla de ruta deseñada para reducir ao mínimo a presenza do galego no ensino pretendeuse avalar cunha enquisa-trampa, totalmente fraudulenta, que foi deslexitimada por amplos sectores da sociedade, ao non contar coas mínimas garantías, procurar derrogar o decreto 124/2007 e non permitir, nin sequera, poder optar pola opción de que todo o ensino se imparta en galego. Mais tamén, porque lle corresponde ao conxunto da sociedade, a través das súas institucións, fixar a lingua de ensino na Galiza e non aos pais A doutrina ultraespañolista, da que participan Galicia Bilingüe, sectores do PSOE e o PP, é a que dá alimento ao actual goberno da Xunta de Galiza. Para iso, conta con grandes resortes, nomeadamente mediáticos, incluído o uso perverso e manipulador dos medios públicos galegos, para dar pábulo a discursos propagandísticos da imposición lingüística, da liberdade de elección de idioma no sistema educativo e do trilingüismo. Estes ataques tiveron unha resposta histórica da sociedade galega que foi capaz, malia toda a propaganda en contra, de albiscar a gravidade da actual situación para o futuro da nosa lingua. Así se explican as multitudinarias e históricas manifestacións en prol do noso idioma convocadas, o 18 de maio de 2009 pola Mesa pola Normalización Lingüística e o 18 de outubro pola Plataforma Queremos Galego, na que conflúen diferentes organizacións e mais de 600 entidades de diferentes ámbitos da sociedade. Hoxe, converteuse nunha ferramenta indispensábel para facer fronte a este agravio contra o galego. Botou raíces na maioría das comarcas de Galiza e está a desenvolver un traballo intenso e fundamental con diferentes accións, actividades, campañas e mobilizacións, entre as cales destaca a manifestación en Compostela, do 18 de outubro, na que participaron máis de 50.000 persoas, a concentración-manifestación do día 30 de decembro en contra da derrogación do decreto 124/2007 que, coincidindo coa presentación da proposta do novo decreto e cunha convocatoria feita en menos de 48 horas, concentrou en Santiago a miles de manifestantes. Agora ten como traballo prioritario a convocatoria da folga no ensino para o día 21 e xaneiro do 2010 e a recollida de sinaturas da ILP que proximamente presentareros no parlamento. Cómpre saber que, sen termos intención de facer unha análise pormenorizada, a proposta de bases para o decreto é un texto preautonómico, pois nin alcanza o disposto no Estatuto de Autonomía, aprobado hai 29 anos, que no seu artigo 5.3 estabelece que “os poderes públicos potenciarán o emprego do galego en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa e disporán dos medios necesarios para o seu coñecemento”, e supón un incumprimento da Lei de Normalización Lingüística de 1983 que estabelece no seu artigo 3.2 que “as autoridades educativas arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino”. Trátase dunha proposta involutiva respecto a todas as normas aprobadas desde a promulgación, en 1983, da Lei de Normalización Lingüística e retrotráenos á época franquista e ao decreto de bilingüismo de 1979, causante de diferentes conflitos, persecución e expedientes disciplinarios contra o profesorado, polo único delito de impartir as aulas en galego. A proposta tórnase aínda máis inxustificada xa que até agora a xa de por si cativa normativa de uso do galego no ensino tivo como denominador común o seu total incumprimento. Esta foi unha das razóns polas que a administración tivo que elaborar o Plano Xeral de Normalización, despois da exixencia e presións de diferentes entidades e organizacións en prol da normalización lingüística que comprobabamos como o noso idioma estaba moi lonxe de alcanzar ese mínimo do 50% como lingua do ensino e unha parte importante do alumnado non conseguía a capacitación suficiente para usar o noso idioma. Dous obxectivos que o marco legal ten fixado para o ensino hai preto de 30 anos. Pois ben, o actual goberno, en lugar de arbitrar medidas para efectivizar e facer cumprir o decreto 124/2007, que supuxo un avance no plano lexislativo en relación cos anteriores decretos (1983,1995) e fixou como mínimo a obriga de impartir o 50% das aulas en galego, procura todo o contrario: reducir esta mínima presenza do galego nas aulas a algo totalmente marxinal. No texto proposto, o ensino en galego pasa, no mellor dos casos, dun 50% a un 30%. Mais, sabemos por experiencia que, ao non fixarse as materias que como mínimo hai que impartir en lingua galega, estas porcentaxes non se alcanzarán na maioría dos centros e o galego pasará a ser a lingua daquelas materias menos recoñecidas e valoradas social e academicamente. En Educación Infantil, elimínase a obriga do 50% de presenza do galego nos contornos castelán falantes, polo que, na práctica, o galego desaparecerá destas aulas. En Primaria, o galego pasa a ser unha lingua residual, ao deixar de ser o idioma de docencia de materias como Coñecemento do Medio, que se viña impartindo en galego desde 1987, e de Matemáticas. Na ESO, expúlsase o galego de materias como Ciencias Sociais, tamén impartidas en galego desde o ano 1987, Matemáticas e Ciencias da Natureza, entre outras, e no Bacharelato e na FP a proposta remite a tempos anteriores á orde de 1987 en que se recollía nominalmente que dúas materias se tiñan que impartir en galego. O galego deixa de ser o idioma da administración educativa. A proposta da Xunta só fala de que os centros nas súas actuacións educativas fomentarán o uso do galego, cando xa o decreto 135/83, mediante a orde de 1987, estabelecía o galego como lingua de uso dos centros: “os centros de ensino de toda Galiza farán da lingua galega o vehículo de expresión normal nas súas actividades internas e externas”. As bases do novo decreto eliminan que o alumnado, con carácter xeral, deba utilizar o galego nas materias que se impartan en galego (recollido xa desde o decreto 135/ 83, mediante a orde de 1987). A proposta recolle e fomenta a publicación de materiais en castelán e até muda a denominación dos equipos de normalización lingüística, que pasan a chamarse de “dinamización”, cando o seu cometido fundamental debería ser planificar a normalización. Disfrazada dunha seudodemocracia e con grandes doses demagóxicas, a Xunta desenténdese de calquera proceso de normalización, trasladándolles ás familias a responsabilidade de decidir, sempre que non se supere un terzo, o uso do noso idioma no ensino, o que comportará incumprimentos permanentes e conflitos entre o profesorado e pais. Esta desregulación do sistema educativo obedece à aplicación da doutrina neoliberal na ordenación e planificación escolar para así marxinar, aínda máis, o galego na docencia. Con esta deserción da súa responsabilidade, a Administración trasládalles o conflito aos centros educativos coa pretensión de crear unha fractura social e promover a extinción do galego. Así, baixo a falacia da liberdade de elixir o idioma, por parte das familias, veremos proscrita a nosa lingua do ensino infantil e daquelas materias “troncais” que contribúen a prestixiala. A lingua en que o alumnado se debe escolarizar non pode estar supeditada á elección dos pais/nais, tal como xa o sentenciou o Tribunal Constitucional e como vén de facelo recentemente o Tribunal Supremo. O sistema educativo como servizo público, a súa planificación, o currículo e o ensino en galego afectan e corresponde a todos os galegos e a todas as galegas. A falacia do trilingüismo -deixando á marxe a valoración da imposición, na practica, do Inglés como única lingua estranxeira e a marxinación do portugués- supón que un terzo das materias curriculares se imparta en inglés, o que comporta a equiparación da lingua propia de Galiza –lingua sen normalizar, infravalorada, desprovista dos dereitos e a promoción necesaria- cunha lingua estranxeira, percibida socialmente cun estatus superior. Así a presenza do galego como lingua vehicular do ensino verase reducida substancialmente. Tratase, polo tanto, dunha proposta clasista, aberrante desde o punto de vista pedagóxico e inaceptábel socialmente. Se ben é certo que é inaplicábel e irrealizábel en toda a súa extensión, por falta de profesorado formado adecuadamente en inglés, non é menos certo que segundo se vaia emendando esa carencia, iranse agrandando as diferenzas entre os centros, conformarase, consecuentemente, unha clasificación social dos mesmos e producirase a segregación do alumnado, ficando os centros privados concertados como a avanzada e os máis beneficiados. Trátase ao mesmo tempo dunha proposta demagóxica que non pretende, nin moito menos, afianzar e mellorar a aprendizaxe do inglés. Se así fose, a Consellaría reduciría o número de alumnado por aula, aplicaría os desdobres nas aulas de lingua estranxeira, dotaría os centros do profesorado especialista e dos recursos e medios necesarios. Estas si serían medidas efectivas reais e para todo o alumnado. Pola contra, baixo a falacia do trilingüïsmo provocarase a segregación, o elitismo e a discriminación dunha parte importante do alumnado. Pódese consentir e até promover que no ensino básico e obrigatorio se impartan en Inglés materias en que moito alumnado ten serias dificultades e/ou carencias na aprendizaxe, na asimilación e comprensión dos conceptos e contidos e non domina nin comprende a lingua na que agora pretenden impartirlle as aulas? Como se pode xustificar o ensino en Inglés dun terzo das materias cun fracaso escolar do 25% e un baixo dominio do mesmo por parte do alumnado? A realidade será que o profesorado recorrerá a substituír o inglés polo español, mais non polo galego, como lingua vehicular para conseguir o desenvolvemento normal das aulas. Todo vale para reducir e expulsar o galego fóra dos centros de ensino. Soamente, desde a pretensión de exterminar o noso idioma se pode partir dunha suposta situación de normalidade lingüística e non dun contexto sociolingüístico de diglosia, no que non son posíbeis nin bilingüismos cordiais nin o trilingüismo, a non ser que se persiga , como é o caso, a desaparición , iso si, tinxida de modernidade, do noso idioma. Non podemos lexislar a favor do idioma sen considerar a historia de centos de anos de persecución, prohibición e marxinación que foi asentando numerosos prexuízos e autoodio sobre o mesmo. Estamos, polo tanto, ante un proxecto que persegue que o galego deixe de ser unha lingua de uso social para efectivizar a total substitución lingüística no canto da súa normalización. Por iso non se respecta nin sequera a Carta Europea das linguas que obriga o goberno a pór todas as medidas necesarias para a aprendizaxe do noso idioma e para garantir o cumprimento da carta universal dos dereitos lingüísticos. A proposta de bases para o decreto tórnase aínda máis abrasiva cando todos os estudos e informes conclúen na perda alarmante de galego falantes. Así, o actual alumnado mozo usa e ten como lingua inicial o galego un 40% menos que a xeración dos seus avós. Segundo o Mapa Sociolingüístico de Galiza (MSG) do 2004, elaborado pola Real Academia Galega ,en doce anos (do 1992 ao 2004) duplicouse o número de persoas que “nunca fala en galego” pasando do 13 ao 25,8 por cento. Nese mesmo período de tempo diminuíu á metade o número de persoas que din “falar habitualmente en galego” (do 30,5 ao 16%). Sumandos as persoas que din “falar só galego” (16%) e “máis galego” (22,9%) produciuse unha caída, nin máis nin menos que de 22,1 puntos no uso habitual do galego con respecto ao ano 1992. É dicir, en dez anos a nos lingua sufriu un retrocedeu do 50%.Sen lugar a dubidas, nunha situación lingüística como a galega, o futuro do noso idioma pasa por que todo o ensino se imparta en galego. Con este obxectivo de referencia e no actual contexto sociopolítico, valoramos como un avance importante para o galego, máis non como unha meta, a aprobación do decreto 124/2007. Non sería entendíbel nin nada acertado participar de manobras confusionistas que pretendan dar apoio social a esta navallada contra a nosa lingua. O novo decreto non pretende máis que reducir a súa utilidade, desterrala do sistema educativo, despoxala de todos os seus dereitos e evitar, polo tanto, o seu afianzamento e uso. Non caben consensos ou acordos posíbeis se non se fundamentan no conquistado até agora para avanzar. Non podemos retroceder nin o máis mínimo ao disposto no Plano Xeral de Normalización e no propio Decreto 124/2007 de uso e promoción do galego no ensino. Para iso, é imprescindíbel continuar coa loita e coa mobilización. O máis inmediato é conseguir o apoio maioritario para a folga no ensino, o día 21 de xaneiro de 2010, convocada pola plataforma “Queremos galego” para paralizar este decretazo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario