Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 29 de xaneiro de 2010

'Desván de los Monjes'

por Iván Puentes, alcalde de Fene; na Nosa Terra

Estabamos tristemente acostumados a escachar de risa cada vez que aquel conselleiro de (suposta) Cultura do fraguismo, Xesús Pérez Varela, facía das súas e se refería a “Carmiña Burana” como unha fantástica cantante galega ou cando afirmaba que na programación do Xacobeo se incluían fantásticas actuacións como a de Ainhoa e máis a de Arteta, xunto con Berrugueto, Masive Atrak ou Cheminal Broters. Parecía imposíbel superalo, pero para sorpresas, contacten vostedes co goberno de Feixóo.
Se non fose pola cantidade de testemuñas presentes, diría que foi froito do meu malévolo maxín, pero resúltame difícil explicar a cara que puxen cando lle escoitei a semana pasada en FITUR ao actual conselleiro de Cultura, Roberto Varela, afirmar ante centos de persoas, profesionais do turismo a meirande parte, que o Camiño de Santiago pasa por localidades tan fermosas como “Toro”, enténdase Touro, ou “Desván de los Monjes”, que logo duns minutos de conmoción neuronal cheguei a asimilar que se trataba de Sobrado dos Monxes.
Mais aló do imperdoábel erro, por moito que lle intenten botar a culpa ao tradutor, o alarmante é o que denota, que non é outra cousa que o nulo coñecemento da realidade galega e o nulo respecto á nosa lingua que ten o conselleiro. Cando sae á luz a verdadeira alma deste goberno do PP é moito máis doado de comprender o porqué de aberracións como o decreto do galego.
Por iso, o problema non é que queiran introducir o inglés no ensino a costa do galego, que queiran facer un novo decreto ou incluso que algúns crean parvadas como que o castelán está en perigo en Galicia. O verdadeiro problema é que padecen galegofobia, que non cren na normalización do idioma e que o que lles gustaría de verdade é desterralo das aulas.
Ao tempo que o conselleiro patinaba en FITUR milleiros de persoas manifestábanse en Compostela a prol do galego. Non o sabían aínda, pero Varela estáballes a dar a mellor mostra de que a loita na rúa para protexer o noso idioma non só está xustificada, senón que é máis necesaria que nunca. Eles non, pero nós, a inmensa maioría do país, si que queremos galego!

Ningún comentario:

Publicar un comentario