A plataforma Queremos Galego, promove o envío de alegacións segundo o modelo que aparece abaixo:
Queremos Galego! impulsa o envío de alegacións individuais ao decreto. Copia o seguinte texto, cúbreo e envíao a: alegacions.decreto.plurilinguismo@edu.xunta.es. Para facermos seguimento podes enviar copia a: alegacions.decretazo@queremosgalego.org .
O texto da alegación é o seguinte:
Don/ Dona…………………………………………. con NIF……………………….. e domicilio en………………………………………………………………………………………………………….En relación coas Bases para a elaboración do decreto de plurilingüísmo presentado publicamente a noite do 30 de decembro de 2009, presenta as seguintes ALEGACIÓNS O borrador de decreto presentando na noite do 30 decembro: 1) Non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.- Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura. 2) É unha proposta feita de costas á sociedade galega.- O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste. 3) Suporá enfrontamentos nos centros.- A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade. 4) É unha burla á cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.- O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos 5) Vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.- O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos. 6) Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.- Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos. Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, reclamo que se escoite a voz das comunidades educativas. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación. Por todo isto SOLICITA A aplicación real e efectiva do decreto 124/2007 e do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por consenso e unanimidade polo Parlamento Galego. Asdo: Don/ Dona En ……………………….a.. de xaneiro de 2010
Ningún comentario:
Publicar un comentario