Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 25 de xaneiro de 2010

O argumento da maioría silenciosa

O pasado día 21 encheuse Santiago de manifestantes que declaraban o seu amor polo galego e o seu odio ao decreto que quer aprobar o goberno da Xunta.
Desde a presentación pública das bases dese decreto xa se manifestaron en contra del a CIG, a UGT, CCOO, ANPE, o BNG, o PSOE, as ANPAS, as asociacións pedagóxicas como Nova Escola Galega e a As-PG, o Consello Xeral da Xuventude, a Real Academia Galega, as tres Universidades galegas, membros destacados do Consello da Cultura Galega, escritores, pedagogos, editoriais, membros destacados de Pro-Lingua, xuristas, agrupacións relixiosas, asociacións de alumnos, e, por suposto as entidades defensoras do galego como Queremos Galego e a Mesa pola Normalización Lingüístgica, a Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüística, a Coordinadora de Equipos de Normalización,...
E a resposta do goberno foi: pero hai unha maioría silenciosa que sí quer o decreto.
Isto lembroume unha historia que sucedeu a principios do XVII. Galileo apuntara co seu telescopio á Lúa e chegou á conclusión de que debía ter vales e montañas como a Terra. A mellora dos telescopios e a acumulación de observacións facían cada vez máis patetente esta conclusión. No entanto os astrónomos da época non estaban dispostos a tirar ao lixo a teoría de que os corpos celestes debían ser todos perfectamente esféricos. Como tampouco podían negar os datos observacionais de Galileo contraargumentaban dicindo que a Lúa estaba rodeada dunha capa invisible de forma esférica. A resposta de Galileo non ten desperdicio:
“”Non che hai dúbida de que se trata dunha fermosa obra da imaxinación[…], mais se nos permitimos imaxinar o que nos dea a gana, se outros din que a Lúa se acha rodeada esféricamente por un cristal transparente aínda que invisible, aceptareino de boas con tal de que con igual cortesía se me permita decir que tal cristal posúa na súa superficie un grandísimo número de montañas inmensas e trinta veces maiores cás terrestres, que non podemos ver nós por ser dunha substancia diáfana. Deste xeito poderei imaxinar outra Lúa dez veces máis montañosa cá primeira”
Entón cando eu escoito esas palabras: pero hai unha maioría silenciosa que si quer o decreto non podo facer outra cousa que pensar:
“”Non che hai dúbida de que se trata dunha fermosa obra da imaxinación[…], mais se nos permitimos imaxinar o que nos dea a gana, se outros din que hai unha maioría silenciosa que si quer o decreto, aceptareino de boas con tal de que con igual cortesía se me permita decir que tal maioría non ven sendo nada comparada coas inmensas masas de xente trinta veces maiores cás desa suposta maioría, que non podemos oir nós por ser máis silenciosa aínda que a outra. Deste xeito poderei imaxinar outra manifestación de Queremos Galego dez veces máis numerosa cá primeira”

Ningún comentario:

Publicar un comentario