Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 16 de xaneiro de 2010

Tesoiras contra o galego

Antón Patiño, artista plástico, no Xornal de Galicia
Seica veñen coas tesoiras a recortar o ensino en galego. O que está a argallar a Xunta con relación ao galego incomoda moito: a piques de xerar un conflito social coa cuestión da lingua. Botando leña ao lume (nunha polémica artificial). A dereita cosmopailán actúa cunha manifesta irresponsabilidade nun tema fráxil e decisivo. Dá a sensación de que se meteron nun charco que eles mesmos crearon. Poden pasar a historia coa carga do desencontro institucional co idioma. Unha lingua minorizada coma o galego, nun contexto de diglosia que ameaza con fagocitala, precisa do apoio institucional e social. O que lle presta o Estatuto e o marco constitucional: calquera limitación neste eido é negativa cara a supervivencia do idioma.
A estratexia da ruin actitude galegófoba seica é interrompir a transmisión xeracional. De aí a teima primeiro contra as galescolas (un nome fermoso que cómpre recuperar en canto poidamos) e logo a todo o ensino. Que un dos proxectos políticos hexemónicos do actual Goberno xurda a partir dunha desfeita do tecido de protección da lingua autóctona representa un feito dunha gravidade insólita. Para lembrar unha actitude así teriamonos que nos remontar á ditadura: á xenreira contra a lingua.
Con patéticas chambonadas e propostas de segregación. Con labirínticos manuais de instrucións dunha educación á carta. Ás veces figura que o trato que se lle está a dar ao cidadán galego é propio dunha opaca campaña de contrapublicidade: como as que exercen as compañías de móbiles nalgúns intres. Trucos para agochar á intención real. Figura o triunfo da razón cínica. Cómpre defender posicións e amosar dunha vez aos que están contra o ensino do galego que afortunadamente son minoría entre nós. Por isa razón coidamos xustificada a convocatoria do 21 de xaneiro. Para que sexa unha nova expresión colectiva de amor ao galego (como as anteriores) con milleiros de persoas en defensa da fala e do marco de protección que precisa.
Cómpre a retirada do decreto-ameaza

Ningún comentario:

Publicar un comentario