por Xesús Veiga Buxán, profesor e político no Xornal de Galicia
Despois do vivido na xornada reivindicativa do pasado día 21 e das reaccións suscitadas polo contido das “Bases” para un eventual novo decreto lingüístico no ensino non universitario, o Goberno da Xunta sabe que, neste asunto, poderá vencer pero non está convencendo a ninguén que se atope fóra dos círculos mais directamente relacionados co PPdeG. É verdade que dispón dunha lexítima maioría parlamentaria para tomar decisións a respecto do idioma galego mais tamén resulta evidente que a dimensión desa maioría é xustamente equivalente á que posibilitou, no ano 2007, a elaboración do actual decreto pola equipa gobernamental que presidía Emilio Pérez Touriño. Daquela, as forzas políticas que conformaban o bipartito buscaron o consenso coa oposición parlamentar e só, no último minuto, as presións procedentes da rúa Génova provocaron a retirada da confianza previamente anunciada polo partido de Feijóo. Se tal comportamento da coalición PSdeG-BNG mereceu o cualificativo de “imposición”, ¿que termo deberemos utilizar agora para describir a reacción dos actuais responsábeis gobernamentais ante as críticas formuladas ás “Bases”?
Núñez Feijóo contratou cunha consultora privada a realización dun informe sobre a viabilidade da fusión das caixas galegas. A pesar do que ten chovido no mundo das relacións financeiras e da perda xeral de credibilidade experimentada polas entidades encargadas de avaliar a situación económico-financeira das empresas, o presidente da Xunta acreditou no traballo realizado por KPMG e ratificou a súa decisión favorábel á fusión. ¿Por que non aplica unha lóxica semellante no caso da política lingüística e atribúe o mesmo nivel de confianza ao ditame emitido pola Real Academia Galega (RAG) con motivo da publicación das devanditas “Bases”? ¿Por que vai ter máis valor práctico vinculante, nos seus específicos ámbitos temáticos, a due diligence dunha respectábel empresa privada que a opinión expresada pola “institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudio da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego”?
Até o momento, o presidente da Xunta non conseguiu facer realidade o que pretendía inicialmente. A caricatura dunha posición “centrada” do Goberno fronte aos “extremismos” dos seus vellos amigos de GB e das organizacións do universo nacionalista non pasou dos papeis dos aprendices de Maquiavelo que habitan en San Caetano. Neutralizar o disenso provocado polo seu proxecto lingüístico cunha apelación dogmática ao resultado electoral do 1-M constitúe, a esta altura, o derradeiro argumento defensivo para disimular o evidente. Crer que as 760.591 persoas que, no interior do territorio galego, votaron ao PPdeG querían diminuír a presenza do idioma galego no ensino é un acto de fe laica. Considerar que se pode lexislar neste asunto ignorando que 750.988 persoas apoiaron ao PSdeG e ao BNG é unha demostración de cegueira política incompatíbel cunha cultura democrática de solvencia acreditada.
Se o Goberno de Núñez Feijóo quere construír, de verdade, un consenso lingüístico debe acudir, sen preconceitos, ao punto de encontro que ofrece a RAG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario