Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 13 de abril de 2012

Apréndeo, aténdeo, ascéndeo, deféndeo?

por Isabel G. Couso en Letra en obras:


Hoxe aproveito este recuncho de opinión para facer un convite. Convídovos a escoitar, criticamente, durante uns 20 minutos a Radio Galega (escóllase o horario que máis conveña á rutina de cada quen). Aposto a que nese longo período de tempo haberá, polo menos, unha persoa falando castelán. E non perdo o desafío, abofé.

A cousa sorprende, principalmente se atendemos á razón de ser deste medio público. Non hai máis que botarlle un ollo ao primeiro punto do primeiro artigo da Lei de Creación da CRTVG, que lle outorga á radio e televisión galegas “a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega”.
O meu sobresalto foi aínda maior cando souben que mesmo para os exames de capacitación de lingua galega da Escola Oficial de Idiomas, os mestres tiveron que substituír a habitual escolla dunha conversa tirada do medio público por unha teatralización. Xa non hai conversas prolongadas na nosa lingua na radio galega. Cando se require un experto, poñamos por caso, en temas de banca ou de sanidade, óptase por un español; a propia selección de temas e a organización da escaleta diaria dá prioridade a cuestións de interese “estatal” sobre os nacionais.
Capítulo á parte merece a Televisión de Galiza. Á marxe da utilización castelanizada do galego na meirande parte de programas de entretemento (Tourilandia, A Solaina ou Larpeiros, por citar algúns), o aumento dos anuncios que se emiten en español devólvenos unha televisión pública que perde a súa propia razón de ser. Un dato para a reflexión ofrecido polo mesmo director xeral da CRTVG: o tempo adicado á publicidade en galego pasou do 50% das horas emitidas en 2009 ao 41% en 2011.
Cando xorde este tema en conversa tabernaria, sempre hai quen di aquilo de que “Que máis ten?” “Quen ve a Telegaita?” Ou bota man da cuestión da manipulación informativa que, todos somos conscientes, é unha realidade sen discusión. Aproveito o momento para achegar todo o meu respecto e parabéns ao ex-director e presentador do Telexornal da tarde Alfonso Hermida (e a tantos amigos e compañeiros que, malia o que poida parecer, loitan diariamente desde dentro para termos un medio un bocadiño máis imparcial).
O feito de que a Radio e Televisión públicas de Galiza perdan a súa singularidade obedece, ao meu entender, a unha estratexia encamiñada á súa desaparición. Disto ben saben, por exemplo, en Portas. Primeiro tiñan un tren de proximidade que levaba os estudantes a Compostela e os domingueiros a Vilagarcía á praia. Mais, despois, comezaron a mudar os horarios, a reducir as paradas… e resultou que era un tren con pouca demanda e sen razón de ser. Xa non tiña sentido que unha locomotora circulase para levar a tres insensatos que decidiran non tirar o carné de conducir. Hoxe temos un triste apeadeiro no que apenas paran trens e só os veciños se achegan de cando en vez a tomar unha caña na cafetería da estación.
Uns medios que non informan estritamente sobre o que pasa en Galiza, que non empregan a nosa lingua e que perden audiencia… tampouco teñen xa razón de ser. De aí ao desmantelamento total hai un paso. E se non queremos que San Marcos se converta nunha triste sombra á marxe do andén, debemos demandalo. Só así poderá ser, como di o rap que promociona á RTVG, a voz que lle corresponde a “un povo cunha cultura de seu”.

1 comentario:

  1. Non teño que aceptar o convite, é algo que fago case todos os días de pé feito e abofé que é certo o que dis: sexa a hora que sexa,sempre hai algún convidado, entrevistado, contertulio... que se expresa en castelán sen o máis mínimo pudor. E o mesmo pasa na televisión cando poñen esas breves entrevistas pola rúa: é moita casualidade que a maioría falen castelán.

    ResponderEliminar