Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 21 de abril de 2012

O que custa defender o galego. O caso da RAG.

A RAG recibirá dos presupostos do estado únicamente un 38% do asignado o ano pasado. Ou dito doutro xeito, o recorte do Ministerio de Educación será do 62% pois se no 2011 recibiu un millón de euros agora só contará con 380.000.
A situación da institución presidida por Ferrín é, en palabras deste, 'grave', 'non queda marxe de maniobra'.
As outras academias da lingua sufrirán reducións da orde do 20% polo que á Real Academia Galega váiseselle aplicar un recorte que vén sendo o triplo das outras. Este agravio comparativo só pode ter como explicación que sexa un castigo do goberno polo mantemento por parte da RAG dunha postura firme na defensa do galego, concretamente por interpoñer un recurso contra o funesto decreto do pluriligüismo.
Resulta que a Academia é algo máis que unha institución pois ficou como o organismo competente en materia normativa e, alén disto, ostenta a representación institucional en materia lingüística. O desprezo do goberno español á RAG é, en consecuencia un insulto á nosa lingua e ao conxunto da cidadanía galega.
O papel da Xunta, neste caso e como vén sendo habitual, é o dun cinismo absoluto pois ao tempo que se lle enche a boca delcarando "o seu firme compromiso co labor da Real Academia", recorta pola súa banda os orzamentos e xustifica os agravios que chegan desde Madrid.
En resumo. Alén de aferrollados polo impedimento do acceso aos orzamentos correspondentes, desprezados dúas veces polos gobernos que no canto de cumprir coas súas obrigas na defensa dos organismos que por representaren algo moi noso son piares fundamentais da convivencia social, adícanse a minalos para baleiralos de contido.

1 comentario:

  1. Ao mellor outras academias non contratan polo método de "dixitalización" á filla do presi e mais o mozo; ao fillo do secretario, á sobriña do anterior presi; ou ao fillo do tesoureiro. Se as subvencións do Estado serven para pagar os soldos dos traballadores, as contratacións deben facerse, digo eu, respectando os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e non polo feito de ter de sangue académico.

    ResponderEliminar