Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 24 de abril de 2012

O modelo Burela, a lingua é para todos e todas

Con este máis que intersante artigo coloco aquí a primeira referencia a unha achega do Dioivo. Trata sobre o Modelo Burela e fanse algunhas reflexións a partir desda proposta de normalización lingüísitca. Por Moncho Mariño, no Dioivo:

Logo de trinta e tres anos desde a incorporación da lingua no sistema escolar de Galicia, os resultados son pobres. O uso do idioma propio está retrocedendo mesmo en áreas xeográficas e sociais onde se mantiña con aparente forza. Os usos diglósicos entre a mocidade urbana -e xa non tan urbana- son un feito incontestable.Dentro deste ambiente, naceu a idea de crear un modelo de inmersión lingüística que potenciase novos usos lingüísticos aproveitando un medio moito máis favorable que o de outras vilas. Burela tiña unha alta porcentaxe de falantes. O primeiro substrato foron os propios bureleses que viron como nos anos sesenta e setenta do século XX chegaba xente doutros concellos próximos, sobre todo das áreas rurais, para traballar na pesca. A finais dos setenta e comezos dos oitenta, comunidades de vallisoletanos e asturianos, sobre todo, instaláronse na comarca ao seren absorbidos como man de obra na factoría de Alcoa. Polas mesmas datas chegaban os primeiros caboverdianos, que lle deron unha dimensión máis cosmopolita a unha vila que tiña sete mil persoas e que non sería concello ata 1994, logo da escisión de Cervo. A comezos do século XXI fixéronse notar tamén as primeiras vagas de latinoamericanos e asiáticos que viñan encher a falta de man de obra na pesca.
O Modelo e o seu nacementoO Modelo Burela xorde dentro dun contexto moi semellante ao resto de Galicia. Aínda que si existía un uso da lingua moi estendido, este encadrábase dentro das relacións do día a día, case non tiña presenza no comercio, a industria, a sanidade ou as relacións coas institucións.O modelo naceu como un proxecto de planificación lingüística para promover a fluidez entre as diferentes linguas no concello. A idea base é que a xente nova teña un repertorio lingüístico amplo con competencias en diferentes linguas. É dicir: tomando como lingua vehicular o galego, búscase potenciar que o falante sexa competente noutras linguas.

A diferenza entre este proxecto e outros planos de normalización lingüística radica en que está orientado ao uso real das diferentes linguas partindo dunha principal. Se, por exemplo, a normalización en Santiago atende só ao galego, con planificacións exclusivas, o proxecto burelés atende ao arco de linguas contemporáneas que interesan a familias en idade laboral ou con fillos en período de formación académica. Neste sentido, o Modelo Burela busca o intercambio con outros lugares da Unión Europea para que os mozos e mozas aprendan inglés, francés ou alemán (nestes días mozos da localidade están no país galo, ao mesmo tempo que 15 colegas alemáns permanecen tres semanas na Mariña).Tomando como base o Plano Xeral de Normalización Lingüística aprobado no Parlamento de Galicia o 21 de setembro do ano 2004, os profesores do Grupo de Innovación Lingüística vinculados ao centro educativo de ensino secundario I.E.S. Perdouro, creaban o Proxecto de Innovación Educativa, que busca que a comunidade cuestione o uso diglósico da lingua. Como di Bernardo Penabade, un dos profesores implicados: “O desafío é modificar as condicións ambientais en que se desenvolve o ensino. Trátase de estimular o uso culto do idioma entre as familias e cuestionar a posición subalterna do galego. Ao mesmo tempo que mostramos socialmente as carencias, disponibilizamos modelos para que poidan ser utilizados polas persoas receptivas ao proceso.”A recompilación de material, como documentos saídos da sociedade civil, e a reunión con axentes sociais para coñecer as condicións de elaboración dos diferentes documentos son actividades encamiñadas a formar unha rede social cos colectivos cidadáns que suscriban as novas normas de uso lingüístico propostas. Para conseguilo, buscouse programar campañas de fomento para a actualización lingüística tanto na comunicación interpersoal e a comprensión e tamén dentro dos saberes e profesións.No ano 2007 organizouse a exposición “Lingua escrita: palabras que non leva o vento”. Nela mostrouse o traballo de recollida dos diferentes documentos civís. De maneira paralela, abríronse palestras onde se deu a coñecer e se debateu tamén o panorama sociolingüístico local. Favoreceuse a incorporación de máis persoas ao cambio social sobre a lingua.
O 16 de novembro de 2007 foi a data en que se xestou a oficialización do proxecto na esfera municipal. A Xunta de Portavoces do concello de Burela mostrou o seu interese no Proxecto de Innovación Educativa. Catro días despois a Comisión de Ensino entrega unha copia ao cronista oficial da vila, Benjamín González Quelle, quen o transmitiu aos representantes das forzas políticas. As mesmas forzas políticas solicitan ao Grupo de Innovación Lingüística colaboración para adaptar o proxecto con vistas á súa aplicación no ámbito municipal. O grupo traballou conxuntamente co alcalde, a tenente-alcalde, a concelleira de Normalización lingüística e dous representantes da oposición. O resultado saíu á luz o 24 de abril de 2008. Ese día o pleno municipal aproba por unanimidade o primeiro Proxecto de Planificación Lingüística Municipal (PPLM) impulsado por un concello galego. Todo isto aconteceu en menos de seis meses de traballo.Logo das eleccións municipais de 2011, a cor do goberno municipal cambiou. O novo executivo local presidido polo “popular” González Barcia, non se ten reunido aínda co Grupo de Investigación Lingüística.

O uso da linguaO estudo que realizara o IES Perdouro mostraba entre outros resultados, que os inmigrantes mellor adaptados á sociedade burelesa son os que aprenderon o idioma propio da terra de acollida. Dentro desta comunidade, observouse como o alumnado inmigrante que emprega a nosa lingua, independentemente de que manteña os hábitos da súa cultura de orixe, ten máis facilidade de acadar éxito social e académico. Jesús Arranz, de Peñafiel, Valladolid, mestre e musicólogo, leva vinte anos en Burela, aínda que en Galicia levaba desde 1979: “A miña lingua vehicular cos alumnos é o galego, coa excepción dalgunhas cancións que interpretamos. Na Fonsagrada foi onde experimentei o cambio na lingua vehicular, de aí que o meu galego teña algunha marca oriental”. Sobre o modelo Burela di: “Considero unha riqueza chegar a un lugar e que, se ten outro idioma, haxa facilidades para meterme nel. Desde esa perspectiva, paréceme unha idea positiva. Case por xustiza co lugar que nos acolle.” Define a experiencia como unha inmersión positiva: “Penso que hai que cambiar a conciencia da xente. É unha riqueza saber idiomas”.Ranuka é romanesa, leva cinco anos vivindo en Galicia. Fala galego cos clientes que llo falan na tenda onde traballa. “Ao principio vía algo estraño que aquí a xente falase outra lingua. Pero logo, en catro meses xa comecei a falar con soltura.”O comercio é unha área importante no tecido económico burelés. Xavier é fotógrafo artístico e desenvolve a súa actividade profesional na vila. “Desenvolvo todas as actividades artísticas e profesionais na lingua coa que mellor me desenvolvo.” Sobre a aceptación entre o público: “En Burela é moi alta, non lles dá pudor como lles fales, só en casos moi puntuais.” Outra empresaria, Dolores Hermida, considera que no seu desenvolvemento profesional non tivo influencia o feito de falar un ou outro idioma. “Non é un impedimento, é unha vantaxe, fainos próximos á xente.”Outra das áreas sociais implicadas é a relixiosa. O párroco burelés, Ramón Marful conta sobre o uso litúrxico: “O galego úsoo case sempre nos enterros e nas outras ceremonias cando son veciños de aquí. Nas misas da comunidade, nas oficiais, teño que usar ás veces o castelán. A razón é que hai unha comunidade de latinoamericanos.”
ConclusiónsAs cifras sobre o uso da lingua mostran que a situación é favorable en relación a outros concellos da mesma área xeográfica. Actualmente, as persoas superan un grao mínimo de dificultade no momento de entenderen, falaren, leren e escribiren en galego. Só un 7% da poboación que tería dificultades na fala. Cuns índices de case o 75% de falantes entre os 10 e 14 anos, e do 76% entre os 20 e 24, fica claro non existe ruptura na transmisión lingüística de pais a fillos. Por outra banda, apúntase tamén á influencia positiva dos centros de ensino infantil e primario na localidade. A lingua estaría presente pois, no 90% do sector infantil e no 87% da mocidade.Con todo, o proceso segue aberto. Polo de agora os resultados parciais son alentadores, mais aínda é cedo para falar dun auténtico cambio social.

Ningún comentario:

Publicar un comentario