Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves 26 abril 2012

Un dicionario que nace vello

por Manuel Rodríguez Alonso no Galicia confidencial:

Realmente o que fixo a RAG foi definir as palabras que figuran no Vocabulario ortográfico da lingua galega. Evidentemente, non puidemos ler todo o dicionario, que, polo de agora, non se ofrece en formato libro, o que non deixa de ser unha pexa para os lexicógrafos profesionais, pois, malia a utilidade que lles recoñecemos ás publicacións dixitais, necesitamos así mesmo o formato libro.

Mais o dicionario, aínda que sexa unha achega importante á estandarización do galego, nace vello. No primeiro parágrafo utilizabamos web ou páxina web. Eses dous termos non figuran como entradas no novo dicionario académico. Tampouco aparece, por suposto, por exemplo ligazón ou hipervínculo. Parece que os nosos académicos, que publican dicionarios na rede, viven no século XIX. Iso si, aparece un feixe de termos, cos seus correspondentes sinónimos, para referirse ás partes do arado de madeira ou a un milleiro de tarefas agrícolas á man, que xa ninguén facía así na miña aldea cando eu era cativo e disto xa van ben de anos alá.
O dicionario, dirixido por dous membros do ILGa (M. González González e A. Santamarina Fernández, segue coa vella teima desta institución por primar o galego dialectal e ruralizante fronte ao galego urbano, que aparece hoxe, afortunadamente, reflectido na lingua dos nosos novelistas e escritores en xeral, así como tamén no xornalismo ou ata nos libros de texto que manexan os nosos escolares. Deste xeito, só comezando o dicionario polos primeiras entradas do A vemos como aparece unha rareza léxica, dialectal e ruralizante como abeaca cun feixe de sinónimos, mais non aparecen termos habituais na prensa, na literatura actual ou mesmo nos libros de texto e lectura dos nosos escolares, desde primaria ata o bacharelato. Así en van buscaremos termos como abandonismo, abandonista, abducir-abdución (na acepción tan usual na ciencia ficción da que tanto gustan moitos hoxe como ´referido a unha persoa, secuestrala para usala como obxecto de estudo´). Se pasamos a aberto, ta para a RAG non existen os partidos ou programas en aberto nin os torneos abertos de tenis, golf ou outros deportes. Eu son termos e acepcións de termos que escoito con só prender a radio, a televisión, ler calquera dos nosos xornais dixitais ou entreterme cun libro de literatura galega actual.
Por outra banda, no canto de actuar como museo etnográfico, un dicionario da RAG debe propor solucións para os termos e acepcións que acabamos de citar, para deste xeito fuxirmos do castelanismo, pois o certo é que todas estas novas palabras e acepcións, mesmo os anglicismos, nos entran desde o castelán e ata os máis rechamantes anglicismos, no galego son o que realmente se coñece polos lingüistas e lexicógrafos como castelanismo latentes.
Este gusto polo léxico dialectal ou ruralizante, co descoido das novas palabras e acepcións, do galego urbano actual dos medios de comunicación social, da actual literatura galega ou mesmo do ensino produce no consultante do dicionario a sensación diglósica de que o galego segue a ser unha lingua rural e inadecuada para referirse ao mundo moderno, cando, paradoxalmente, contamos cunha literatura actual e tamén cun xornalismo e ata materiais de ensino en galego que son por certo todo o contrario e que, en modernidade e actualidade, nada lles teñen que envexar ao castelán ou a calquera das outras linguas imperiais. Ese esforzo de xornalistas, escritores e pedagogos parece que non conta para a RAG.
Por seguirmos no a, os nosos académicos parece que tampouco len a composición dos alimentos tal e como as ofrecen os seus envoltorios, posto que o dicionario non inclúe o termo acidulante, por exemplo.
Vella teima do ILGa desde a súa fundación é o rexeitamento do rexistro literario. Nesa liña a palabra saudade non se considera conveniente e no seu caso proponse o emprego de soidade. Lembremos que saudade ata figura como entrada no dicionario escolar da propia Real Academia Española, despois da campaña que galeguistas do sesenta fixeron para que a RAE aceptase como galeguismo do castelán saudade. Verba segue sen existir como ´palabra´. Eu non digo que teña que usarse verba como ´palabra´ sistematicamente, pero, aínda que só sexa polo Verbas de chumbo de Castelao debía aparecer no dicionario académico esta entrada coa aclaración lit. (é dicir, literario).
Todos os lexicógrafos, mesmo os escolares, sabemos que o dicionario é a memoria tanxible da comunidade da que é propia a lingua que se explica nel. Por iso, os termos que cobren un especial significado nesa comunidade deben ser tratados tal e como pide a historia da comunidade. Todos sabemos que, por exemplo, o agrarismo foi un movemento social e popular que loitaba entre outras cousas pola supresión do foro, especialmente no primeiro terzo do século XX. Ademais agrario en galego é un adxectivo e substantivo que na nosa lingua ten o significado de ´que pertence ao agrarismo ou movemento que defende os dereitos dos agricultores galegos, especialmente a abolición do foro, nos comezos do XX´. Iso aparece xa nalgún dos nosos modestísimos dicionarios escolares. Pois a RAG define isto simplemente como ´pertecente ao agro ou como defensa do agro´. Non lían literatura, pero tampouco len historia. Parece unha definición feita en Madrid, máis que na Real Academia Galega.
En fin, o desleixo e a incultura é tal nalgún caso que ata o dicionario non coñece o verdadeiro nome da institución que o publica, pois na entrada academia pon como exemplo a Academia da Lingua, institución inexistente, pois o que existe é a Real Academia Galega e Academia da Lingua é un calco castelgalego a partir do mal castelán dalgúns xornalistas que denominan a Real Academia Española como Real Academia de la Lengua, Academia de la Lengua. Reparemos en que se refiren a unha institución concreta, pois escriben Academia e Lingua con iniciais maiúsculas. A min que conste que me gusta máis o nome falso, pois como republicano federalista preferiría que a Academia Galega non fose Real. Pero non creo que os académicos, que seguen a manter a Franco como membro correspondente na súa listaxe e nunca o botarón fóra, nin parece que o vaian facer, pensen isto.
En canto á atrasadiños socialmente son os académicos ben atrasadiños, pois definen matrimonio como ´unión dunha parella´. Os membros da parella poden ser ´home e muller´, ´dous bois´, ´un par de calcetín´… Imos a parella e alí dinnos ´conxunto de dúas persoas ou animais, especialmente o formado por macho e femia´. Acabásemos… Os modestos dicionarios escolares casteláns e galegos e cito dous dos que son responsables definen matrimonio, sen eufemismos e de acordo coa lexislación vixente, como ´unión legal de dúas persoas mediante unha determinada cerimonia´. Iso de parella da RAG é querir ir cos da feira e volver cos do mercado. Por outra banda, na acep. 2 dinnos que na Igrexa católica é a unión entre un home e unha muller. De novo, o catolicocentrismo, pois eu coido que o matrimonio anglicano, o evanxelista, o ortodoxo, o xudeu ou o musulmán tamén é entre un home e unha muller. Os modestos dicionarios escolares xa din Na Igrexa católica e noutras relixións, … Non só existe o catolicismo, señores académicos. Mais así, imos mentendo na cabeza da xente e especialmente dos escolares, como quen non quere a cousa, visión conservadora do mundo, machismo e mais catolicismo.
En fin, no futuro, seguiremos a falar deste dicionario, mais nace velliño e un chisco ruralista e, por iso, diglósico. Por certo, gustaríame saber canto nos custa aos contribuíntes vía subvencións, bolsas, reducións no de xa de por si reducido horario de clases dos profesores universitarios privilexiados e outros gastos un dicionario coma este. Hai por aí dicionarios escolares ou de referencia, como por exemplo o Gran Xerais, que non lle custan ao contribuínte nin un can e son ben mellores. Por certo, e aviso para navegantes, o labor de salientar os erros das obra filolóxicas galegas non é antipatriotismo nin castelanismo. Tampouco o é pedir contas sobre as subvencións e horarios dos funcionarios e por que motivo sempre son os mesmos tenores os que cantan en todas as obras, os célebres todólogos, pois igual dirixen un atlas lingüístico, un curso de verán, un dicionario, departamentos da RAG ou áreas do Consello. Así saen despois as cousas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario