Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 9 de outubro de 2016

O proceso de exterminio do galego no ensino infantil



Vía Saborea a lingua chegoume este vídeo no que se fala de que cada vez a familia vai perdendo máis peso na etapa de educación infantil e que a escola ten un papel fundamental para fixar o idioma propio. A situación é tan grave que a RAG denuncia o estado de precariedade dos materiais en galego para esta etapa educativa. Como sempre, en castelán, non hai proglema, nunca hai problema. Por algo será.
Isto vén a conto de que o pasado xoves a RAG acolleu a presentación do número 65 da Revista Galega de Ensino centrada especialmente na lingua na educación infantil.  De todos é sabido que o terrible decreto 79/2010 e as políticas montadas derredor del destrozaron os poucos avances que ata ese momento se fixeran para mellorar o nivel de uso e apego á lingua galega nas primeiras etapas do ensino.
Entre os artigos da revista (dos que (Praza Pública publicou un bo resume) hai un do sociolingüista da RAG, Xaquín Loredo,quen conclúe que os procesos castelanizadores teñen un impacto maior nos rapaces máis novos. O panorama non está para mirar para outro lado e deixar as cousas como están xa que segundo este sociolingüista só se lle transmite a lingua galega a un terzo dos nenos nados no século XXI e esta cifra baixa a un 20% cando falamos da socialización destes mesmos nenos. Hai un par de anos, na X edición do  curso de verán que organiza a CTNL, que estaba adicado á transmisión interxeneracional do galego, este mesmo autor xa adiantaba boa parte do que volveu a comentar estes días. Así que o conto non é novo, e cómpre denuncar, unha vez máis, a absoluta inanición o recruamento do ataque da Xunta e a Secretaría Xeral de Política Lingüística nas súas políticas contra o ensino na nosa lingua, especialmente graves na primeira etapa.
Quizais non sexa este mal momento de recordar o que contaban sobre o tema Valentina Formoso e o propio Xaquín Loredo nas nomeadas xornadas:

2 comentarios:

  1. Efectivamente: exterminio do galego.
    Vivo en Vigo e teño un neno de 3 anos. Acaba de empezar nun CEIP con outros 14 nenos máis, dos cales 5 falan galego. Non é casualidade. Decidimos varias familias con crianzas galego-falantes xuntalos no mesmo cole por varias razóns: profe de infantil galego-falante, cole familiar e que non se sentiran bechos raros AO ter outros iguais que falan galego como eles.
    Con tan mala sorte que a profe marcho e incorporouse unha interina de case 60 anos cun GRAVÍSIMOOO problema de diglosia.
    Síntome tan discriminada, tan atacada, tan impotente.... non temos nada que facer, nin reclamar. Aínda temos que "dar grazas" e esa profe lles fale en galego (castrapo) aos nosos fillos e que lles lembre que teñen que aprender castelán.
    E a administración non fai nada por que non ten obriga de facer nada. EXTERMINIO.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. É ben certo o que dis.
      Nos comentarios ao artigo de Praza sobre o retroceso do galego en infantil en 11 gráficos (http://praza.gal/movementos-sociais/12883/o-retroceso-do-galego-na-infancia-en-11-graficos/) outra nai de Vigo comenta algo semellante ao teu e destaca o problema fundamental: que moi boa parte da sociedade, deses nenos, están sendo excluídos da lingua galega, nunca tiveron contacto con ela e iso, ademais de ser un problema en si, provoca discriminación nos que non renuncian ao galego pois a resposta desa cada vez maior bolsa social excluída da nosa lingua é o descoñecemento, e en definitva o desprezo da mesma e dos que a fan súa.

      Eliminar