por Víctor F. Freixanes, La Voz de Galicia:
O 30 de outubro de 1920 saía en Ourense o primeiro número da revista Nós, publicación periódica de pensamento e cultura, monolingüe en galego, que nacía por iniciativa de Vicente Risco (o seu director literario) co apoio entre outros de Castelao (director artístico), Lousada Dieguez, Arturo Noguerol, López Cuevillas, Otero Pedrayo, os máis deles ourensáns, e que certamente marcou unha época, mesmo épocas posteriores, pola significación dos seus colaboradores, novos e vellos, clásicos e contemporáneos, de Galicia e de fóra de Galicia, nun feliz esforzo integrador pola universalización do noso discurso, pola proxección da nosa cultura e pola apertura a outras voces, outras liñas de creación, correntes culturais, disciplinas complementarias que decididamente apostaban pola modermidade.
Modernidade universalizadora, superadora de localismos, e modernidade para a lingua galega, que entraba a dialogar coas linguas cultas do seu tempo. Detrás estaba sen dúbida o espírito das Irmandades da Fala (1916), ao que fixemos referencia nestas mareas en máis dunha ocasión.No ano entrante conmemoraremos a celebración da primeira Asemblea das Irmandades en Lugo (1918), onde a iniciativa cultural dá un paso adiante e comprométese na actividade política (o primeiro nacionalismo galego, formulado como tal), nun esforzo por participar no proceso de transformación do país.Ben sei que nestes tempos tales postulados levantan desconfianzas e non poucos prexuizos. Pero a modernidade da Galicia contemporánea (o seu esforzo xigantesco por existir) débelle moito, por non dicir case todo, a este discurso. Un grupo bastante representativo de institucións culturais reuniuse hai poucas semanas para tratar da celebración do centenario da xeración Nós. A xeración Nós, como tal, non ten data de nacemento. Pero a aparición do primeiro número da revista ben pode servir como marco de referencia. Mais ocórreseme unha advertencia e unha suxestión. A advertencia está no perigo, tan repetido, de caer no culto arqueolóxico (e acrítico) do pasado. A memoria dos precursores é necesaria. Sen memoria difícilmente saberemos cara onde queremos ir. Pero un culto exclusivo ás honras dos que foron (fetichismo) sen reflexionar sobre o futuro do que ese discurso representa acaba sempre en frustración, retórica e manipulación.
Velaquí, pois, a suxestión. Se aceptamos que o grupo, a xeración Nós, ese conxunto de saberes e personalidades, puxeron no primeiro terzo do pasado século os alicerces da nosa modernidade cultural, entendida sen dependencias, apelando á intelixencia e vontade dun país que non renunciaba a si mesmo, o desafío debería ser agora, cen anos despois, volver a formular a mesma pregunta, o mesmo desafio: que queremos para o noso país, a nosa lingua e a nosa cultura para o século presente, ou mellor: que estamos dispostos a facer para dar un novo paso cara adiante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario