Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 25 de decembro de 2017

Ikea, galego e sentido común

por Marcos Maceira no Sermos Galiza:

A opción de consulta na páxina web de Ikea en todas as linguas cooficiais do Estado agás o galego na información xeral da web, atención á clientela online ou telefónica, provocou, máis unha vez, un grande movemento a través da redes sociais, reclamándolle á compañía sueca que poña a nosa lingua ao mesmo nível que calquera outra, e en consecuencia que dea a posibilidade de escolla de galego como opción.



Non é novo o caso de Ikea. Xa en 2012 os seus responsábeis en Galiza mantiveran unha reunión coa Mesa pola Normalización Lingüística onde se comprometeran a pór en galego a páxina do seu establecemento na Coruña. Porén, mantiveron a exclusión no resto de posibilidades e non atopamos opción na nosa lingua ao entrarmos na páxina xeral. Así llo manifestou a Mesa en incontábeis ocasións e agora unha campaña social pono outra vez de manifesto.


Este caso é só un exemplo entre miles. Tanto que o que destaca por infrecuente é a opción en galego, mesmo nos poucos casos onde a lei obriga. Tal é o caso da maior parte das aseguradoras. Algunhas, como Génesis, até chegan a avisar a usuarios e usuarias de que non querendo garantir a presenza do galego, procederán a modificar as condicións do contrato onde se especifica o dereito a contar coa documentación na nosa lingua, non por vontade de promoción da lingua da compañía senón por obriga establecida pola Lei de seguros. Froito do activismo social, Génesis viuse obrigada a anunciar que, en breve, comezarán a cumprir a lei.
A exclusión forzosa do galego é padecida tamén polo empresariado que quere apostar nas boas prácticas lingüísticas mais que non ten acceso a programas informáticos para a xestión diaria, confección de nóminas, ou está limitado na achega de recursos para rotulación, paineis informativos, etiquetaxe, por unha lexislación estatal que obriga á presenza o español, mais que nunca en Galiza se adaptou á nosa realidade para incorporar, no exercicio das competencias autonómicas, a lingua galega. Até na Administración xeral do Estado, nomeadamente na Axencia Tributaria e Seguridade Social, é imposíbel facer grande parte dos trámites obrigatorios en galego. Non existen incentivos ao uso do galego nas empresas por parte da Xunta de Galiza aínda que ten entre as súas obrigas a promoción do noso idioma. Nen tan sequera dos fiscais que se utilizan para eventos culturais ou deportivos, cun interese público para Galiza cuestionábel.


Como sempre, az consecuencias son sufridas pola maior parte da sociedade. As traballadoras da teleatención reivindicaron en centos de ocasións a lingua como garantía de emprego no país, na medida que sendo as miles de traballadoras galegas quen están en disposición de atender en galego, a simples opción na atención telefónica, consolidaría os seu postos de traballo. Mentres, usuarios e usuarias vemos como se nos forza e coacciona para usarmos o español, sen posibilidade de nos defender, con algúns casos de extrema gravidade como denunciou o último informe da Liña do galego.

Esta situación é a que levou á Mesa pola Normalización a promover a Iniciativa Lexislativa Popular de Medidas para a garantía dos dereitos lingüísiticos no ámbito socioeconómico que será debatida esta terza feira, 19 de decembro polo Parlamento de Galiza.
Foi presentada a organizacións sindicais, empresariais, políticas, de persoas consumidoras e usuarias na busca dun amplo respaldo social, que xa se manifestara nos 125 apoios iniciais. Contou co apoio de 28.000 persoas e démola en chamar a do sentido común, porque é de sentido común que se queremos normalidade de uso e un mínimo de igualdade de condicións, debe haber opción de galego en todo e para todo. Na información, na atención, na documentación, nos avisos e instrucións e servizos teléfonicos.


É de sentido común que a Xunta exerza a obriga legal de promover coas accións oportunas a presenza do galego en igualdade, as boas prácticas lingüísticas, tamén cando contrata un servizo externo. É de sentido común que a Xunta informe dos dereitos de uso do galego para poderen ser exercidos.


É de sentido común porque a exclusión do galego é sinónimo de discriminación e coacción para impor á forza a renuncia ao uso normal da nosa lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario