Non sei como din con este artigo. Xa ten o seu tempo, pero é moi recomendable. Do sempre, asisado Suso Acevedo, en Ideas.gal
Empezarei por unha triste anécdota:
Hai xa uns cantos anos, tiven que acudir como testemuña ó xulgado de Mondoñedo por un preito entre veciños. A xuíza preguntoume en castelán e eu respondinlle en galego con toda naturalidade. Non notei nin o máis mínimo reparo. Cando me deron a miña declaración para asinar vin que todo estaba en castelán. Por arte de maxia e dunha funcionaria que tecleara, a nosa lingua desaparecera da acta do acto. Díxenlle, con cordialidade pero con firmeza, que non asinaba porque aquelas palabras, reproducidas en estilo directo, non eran as miñas.
- Es que me parece una tontería tener que traducirlo para que lo firmes– chegou a dicirme.
Traducirme do galego para o castelán non fora parvada pero volver a cousa ó seu, si que o era, seica.
Eu creo que algo parecido está a suceder ultimamente co Decreto do Plurilingüísmo: modificar o anterior Decreto para darlle un trancazo na cabeza ó galego parecía unha emerxencia nacional, pero modificalo para favorecer o galego seica non é importante, que a clave está nas familias e non no ensino. Non entendo, logo, por que fixeron depender de novo a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e non de Presidencia, como estaba antes.
Tamén se di que non hai que facer política co idioma. Non sei entón para que existe un organismo que se chama precisamente Secretaría Xeral de Política Lingüística. Coa lingua hai que facer política, igual que hai que facer política ambiental para gobernar e salvar bolboretas e culleretes ou política pesqueira para gobernar e salvar sardiñas e zamburiñas. Coa lingua hai que facer política; o que non hai que facer son parvadas.
Tamén cómpre facer política no sector privado, e pódese, porque o sector privado, en sentido estrito, non existe, especialmente nestes tempos de privatizacións. Privada é a propiedade, pero polo medio das empresas, das Fundacións, dos colectivos culturais, deportivos ou do tipo que sexa andan os cartos de todos en forma de subvención, exención, doazón, axuda ou contratación. A idea tampouco é miña: estamos cansos de oír como desde a Administración lle atribúen o adxectivo de “pública” á ensinanza ou á sanidade concertada, porque se financia con fondos públicos aínda que a xestión sexa privada.
Non me parecen mal as axudas, pero tamén se poden condicionar ó uso do galego. E non lle había parecer mal á maioría da poboación, porque hai xente con actitudes negacionistas, pero tamén hai un amplo sector ó que, cando menos, o galego non lle estorba, aínda que non teña un compromiso activo nin militante a prol da lingua. Iso habería que aproveitalo.
Nos últimos tempos lin algún estudo sobre a “paisaxe lingüística”, ou sexa, os usos idiomáticos en todo iso que lle entra polo ollos a calquera cidadán na súa vida cotiá. O habitual, nada máis saír pola porta, é que nos atopemos cun DERECHA ou IZQUIERDA encima da nosa propia entrada ou da do veciño. Despois entramos nun ascensor que, se é moderno e listiño, dirá CERRANDO PUERTAS, BAJANDO, ABRIENDO PUERTAS ou algo polo estilo. Atravesaremos a zona das caixas do correo cun novo lote de DERECHA e IZQUIERDA. Á saída da porta, non é raro atopar esa papeleira privada que se rotula co eufemismo de PUBLICIDAD. Despois botamos a andar, camiño do traballo, do bar ou dun destino incerto e imos vendo máis e máis letreiros en castelán: ABIERTO, CERRADO POR VACACIONES, SE VENDE, SE ALQUILA, NOS TRASLADAMOS A..., nomes de locais, anuncios publicitarios en folletos e valados, coches de empresa rotulados...
En todo isto o galego é excepción, pero existe. Existen e subsisten sen máis problemas cós que teñen os que usan o castelán, o cal demostra que facerse ver en galego é posible, non causa rexeitamento e, ademais, dános dignidade. Se algúns negocios teñen en galego o nome, a carta, a rotulación, etc. sen ningunha consecuencia negativa, nada malo pasaría se os outros tamén os tivesen. E xa nin vou lembrar aquí estudos nos que se conclúe que o galego vende máis. Confórmome con que se teña a certeza de que non vende menos.
Probablemente, o promotor do edificio ou o emprendedor que montou o negocio contou con algún tipo de axuda pública e podería pedírselle a cambio o uso do galego nestes pequenos detalles. O asunto xa nin debería discutirse se se trata dun edificio público, onde tamén chega o desleixo. Eu traballo nun centro de ensino no que recentemente se acometeron importantes obras de ampliación. Un día observei como un obreiro estaba rotulando unha das portas: COCINA. Pregunteille se non tería por alí un rabiño para poñerlle encima ó N e, para que non parecese un capricho meu, indiqueille que a lexislación establece que os letreiros dos centros teñen que estar en galego. Aquel home miroume con cara de extraterrestre, pero uns días despois estaba posto un COCIÑA. Non cheguei a tempo, pola contra, para evitar tamén varios SALIDA que nos deixaron polas paredes ó rematar a obra. Tivemos que acabar mercando uns SAÍDA, con cargo ós fondos do centro, que pegamos por encima dos outros, por se no futuro os arqueólogos queren dar conta do proceso.
Tamén nos puxeron un ascensor moi moderno que fala e di SUBIENDO, BAJANDO, PLANTA PRIMERA... Un día cadrei co técnico de mantemento e pregunteille se non o podía poñer a falar en galego.
Se queres, déixocho agora mesmo falando en polaco, húngaro, alemán ou nunha ducia de linguas máis, pero en galego non, que cómpre instalarlle un chip que non ten.
Vaia, ho...!
Estou seguro de que encher o País de DEREITA e ESQUERDA ou de ascensores que falen en galego non provocaría que se vendesen peor as vivendas. Seguro que a maior parte dos compradores nin reparan nese detalle e o galego quedaría aí para sempre, porque haberá pouca xente disposta a gastar cartos na defensa do idioma, pero son menos aínda os dispostos a gastar cartos contra o idioma.
Pola contra, se de entrada se usa o castelán e alguén propón cambialo para o galego, o asunto xa terá que ir á reunión da comunidade e aí xa vai aparecer alguén que diga que iso é un gasto inútil, e haberá probablemente un troglodita que aproveite para caldear o ambiente chamándolle radical ou cousas peores a quen propoña o cambio.
Ben sei que o problema da lingua móvese noutra dimensión, pero precisamente por iso toda axuda é necesaria, que “un gran non enche celeiro, pero axuda ao compañeiro”. Con detalles tan pequenos, a Administración non perdería cartos e o País gañaría moito. Cómpre conseguir que o galego sexa a lingua que, con naturalidade, apareza por defecto na paisaxe ante os ollos da sociedade. Moitas veces non está por rutina, por tradición ou desleixo. Non é por que a xente teña posturas belixerantes na súa contra. Existen, pero son catro gatos mal encarados, unha minoría negacionista que adoita agacharse diluída nunha maioría que non existe.
Cómpre coñecer e recoñecer o mérito da xente que leva anos loitando pola dignidade do idioma, pero tamén cómpre aproveitar a actitude non contraria daqueles e daquelas que non acoden ás rúas de Compostela cando tocan a rebato as campás da indignación, pero que tampouco teñen nada contra a nosa lingua e que teñen boa disposición para convivir con ela ou para tela, cando menos, á entrada da casa. Se cadra, cando a teñan alí algún tempo, acaban abríndolle as portas da vivenda e tamén do corazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario