Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 12 de decembro de 2017

A voltas co galego


Se hai uns días podiamos ler un excelente artigo que, coa desculpa da proximidade da data límite de recepción de candidaturas, se facía un repaso polos premiados co Manuel Beiras, nesta ocasión chéganos unha campaña da SXPL en colaboración co Foro Enrique Peinador, impulsan o consumo de produtos etiquetados en galego nas vindeiras datas festivas. 
Mágoa que os responsables da campaña non fixeran unha divulgación que faga da campaña un éxito. O Foro Enrique Peinador colgaba no seu muro de facebook o vídeo co lema En galego, sen voltas!, porén os que non anden polo monopolio virtual de Mark Zuckerberg non se enterarán dainiciativa. O caso da SXPL é unha nova mostra do desleixo da Administración xa que se limitaron a soltar unha nota de prensa na que nin se amosa o vídeo nin nada, e aí acabouse o conto.  Non merecía este proxecto un espazo continuado na publicidade da TVG?
De que serve, entón, unha campaña oculta coma esta? O seu único obxectivo é o de intentar tapar que a política lingüística de promoción do galego é completamente nula. A SXPL xa ten a desculpa perfecta para xustificar o seu apoio á galeguización no sector empresarial, velaquí como colabora nunha campaña invisible. A quen vai concienciar, se ninguén ve a campaña? No colmo do cinismo, a SXPL reivindícase neste xogo do escondite como valedora dun Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no parlamento no ano 2004, do que é o seu máximo enimigo. Tanto é así que nin tan siquera pode ocultalo na nota de prensa de autobombo:
Os obxectivos desta iniciativa, emanado [sic] do Plan xeral de dinamización [sic!] da lingua galega [non existe tal Plan, si que hai un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por todo o parlamento no 2004 e desbotado polos gobernos de Feijóo] son [1] crear consciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relación laborais, comerciais e bancarias; [2] estender o uso da lingua galega no ámbito económico, tanto na oferta coma na demanda de produtos e servizos, e mais [e 3]utilizar o idioma para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia e os seus produtos vinculada á calidade e á innovación e que lles transmita confianza ás persoas consumidoras e ao empresariado.
Pode que resulte algo repetitivo, pero tamén será aleccionador recordar os tres obxectivos específicos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega:
[1] Crear conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias.
[2] Estender o uso da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais.
[e 3!!!] Fomentar nas persoas consumidoras o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego.
Parece ser que desde a Administración, despois de renegaren na práctica dos dous primeiros, abxuran tan radicalmente do terceiro que ata o substitúen por outro que non aparece por ningures no verdadeiro Plan Xeral de Normalización.

Velaquí que comprobamos, unha vez máis, como a plantilla da Xunta só traballa co único obxectivo de perpetuarse no poder. Pouco, máis ben nada lle importa que o uso do galego sofrise un retroceso descomunal no último decenio, retroceso que foi propiciado por unha política lingüística radical contra todas e cada unha das posibilidades que poidera haber de abrirlle camiño ao galego en cada un dos ámbitos do arco social. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario