ProLingua denuncia que se edite un catálogo só en castelán de 308 páxinas a cor e con fotos e que unha secundarizada "versión en galego" apenas teña 120 páxinas sen fotos nin cores. ProLingua reclama que a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia fagan da lingua galega a base fundamental da súa acción cotiá e non sigan a secundarizar e a reducir os usos do único idioma propio de Galicia.
O primeiro reino medieval de occidente fundouse na Gallaecia coa chegada do rei suevo Hermerico e o seu pobo a principios do século V. Poucas décadas despois Requiario, convertido ao catolicismo, sería precursor na emisión de moeda propia, salientando así a súa independencia do Imperio Romano. Velaquí o xermolo fundacional do Reino de Galicia. Os suevos gobernaron Gallaecia durante case 200 anos establecendo un espazo identitario, político e xeográfico do que hoxe somos herdeiros. Nese territorio nacería logo a lingua galega.
Hoxe poderiamos conectar estes feitos e gozar en Ourense da exposición In tempore sueborum, coñecendo máis do noso Reino Suevo dos séculos V e VI. Porén, as entidades organizadoras, Deputación e Xunta de Galicia, aproveitaron a ocasión para causarlle outro agravio máis á lingua galega e a todos os galegos.
A carta de presentación da exposición ofrécese co seguinte títuto: In tempore sueborum: El tiempo de los suevos en la Gallaecia (411-585). Latín e castelán visibles, galego excluído. Na propia exposición o castelán é a lingua preeminente. Mais o maior dos agravios atopámolo no catálogo, publicado exclusivamente en castelán con 308 páxinas dunha coidada edición a cor e con abundancia de fotografías. Logo hai tamén versións en galego e en inglés,de 120 páxinas cada unha, en branco e negro e sen fotos. Deste xeito, a nosa lingua vese relegada, secundarizada e reducida á categoría de lingua estranxeira.
Outra vez máis (e van...) os organizadores institucionais fan o papel de maltratadores e discriminadores. ProLingua considera este proceder especialmente grave, xa que a Administración galega, pola súa visibilidade e responsabilidade, xoga un papel didáctico fundamental na promoción do idioma de Galicia ante a poboación, polo que deben coidar máis que ninguén as súas prácticas lingüísticas, como están obrigadas por lei. Ao actuaren baixo parámetros do racismo lingüístico están fomentando odio, desprezo e discriminación contra o noso idioma, que por lei debería ser o deles. Resulta incomprensible que se pretenda gabar de difundir a historia de Galicia discriminando a lingua de Galicia.
Desde a asociación apartidaria ProLingua demandámoslles á Deputación de Ourense e á Xunta que deixen de marxinar o galego. Outramente, esiximos que fagan do seu uso e promoción a base fundamental das súas accións cotiás, pois ese é o seu deber como institucións públicas galegas (artigo 5.3 do Estatuto). Tamén lles recriminamos non teren protocolo de actuación que garanta que todas as súas actividades sexan exemplo de normalización do noso idioma. Non é de recibo que cos cartos de todos se promocione a marxinación ou a secundarización do galego. Así mesmo, reclamamos das institucións galegas, en particular da Xunta de Galicia, que cumpran co seu deber e realicen políticas dirixidas a priorizar e incrementar (e non a reducir aínda máis) o uso normal da lingua galega.
https://youtu.be/dc3GgbXCWbw
http://www.intemporesueborum.es/gl/
Ningún comentario:
Publicar un comentario