O alumnado de 2º da ESO do IES Dionisio Gamallo (Ribadeo) elaborou este vídeo co impulso do profesor Suso Acevedo .
Vén moi a conto o vídeo nesta data na que a Constitución española fai 40 anos. No seu artigo 3.3 dise que:
A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.Estamos ante o único punto da Constitución que podería sustentar un proceso de normalización, se se quixera, claro. Por iso está moi ben traído este audiovisual, sobre todo porque non se queda na declamación do artigo, senón que recolle cal é a realidade: unha enorme restra de titulares de prensa nos que se certifica que o 3.3 non se cumpre. Parece como se do artigo 3 só interesara o 3.1, o que determina a oficialidade do castelán, e o dereito de usalo e o deber de coñecelo. Non hai ningún artigo constitucional que predique nada do galego velaí colocada a primeira pedra da desigualdade.
Quizais por iso a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) anda estes días celebrando a Constitución, cando non celebrou, por exemplo o PXNL. Faino publicando unha unidade didáctica aínda que a tal Constitución non fala da lingua galega, só o fai da española. O panfletiño este fala de liberdades, por ningures se ve a liberdade de uso da lingua galega. Tamén fala de deberes, e os do emprego do galego tampouco aparecen. Por último, nin tan siquera aparece o artigo 3.3, o único do que unha entidade como a SXPL podería tirar partido para xustificar a edición do panfletiño. Así esta publicación, no relativo á normalización, é algo así como un deses anuncios de cervexa sen alcol. Velaquí unha unidade didáctica 0.0, cun 0% de galego, como é habitual na SXPL.
Este ano e con este vídeo xa fixeron moito máis pola lingua estes rapaces de 2º da ESO de Ribadeo que a SXPL
Ningún comentario:
Publicar un comentario