Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 28 de decembro de 2018

O novo modelo lingüístico catalán: algo que aprender desde Galicia?

por F. Xavier Vila, director do Departament de Filologia Catalana i Lingüística General e do
Centre de Recerca en Sociolingüística i Comunicació, da Universitat de Barcelona (Catalunya), nas Voces de ProLingua:


O modelo lingüístico da escola galega é a miúdo motivo de polémica porque sofre uns importantes déficits no terreo da ensinanza do galego e da promoción do uso da lingua. Así, por exemplo, o ano 2015 só un 57% das persoas de 15/16 anos declaraban saber falar e escribir na lingua propia de Galicia (Monteagudo et al. 2016, 46). Voces autorizadas como a RAG sinalan o modelo escolar vixente como un axente de desgaleguización das novas xeracións: “un 36% das familias de fillos/as galegofalantes contestaron que ao entrar na escola [o fillo/filla] comezou a falar máis castelán, indicando a maioría (63,9%) que foi a etapa de educación infantil onde se produciu esa muda;” (Seminario de Sociolingüística da RAG 2018, 65). Ante este panorama, pode resultar interesante xirar os ollos para modelos escolares que estean demostrándose máis efectivos na bilingüización das xeracións novas.




Un dos referentes que podería resultar útil para reformular a política lingüística educativa galega é o modelo aplicado en Cataluña. Este modelo, chamado de conxunción lingüística en catalán porque non separa os alumnos segundo a súa lingua inicial, ten o catalán como lingua básica de ensino pero —contrariamente ao que ás veces sosteñen algúns sectores— permite o uso vehicular doutras linguas, basicamente o castelán e o inglés, en función das necesidades sociolingüísticas dos centros. O modelo de conxunción aplica técnicas de inmersión lingüística, é dicir, de ensino en segunda lingua, nos contextos nos que a maioría de alumnos non son de lingua inicial catalá, e é por iso que a miúdo é coñecido como sistema de inmersión. Este modelo foi declarado axustado á lexislación nunha famosa sentenza do Tribunal Constitucional alá no 1994, e constitúe unha experiencia de éxito no que se refire a ensinanza e aprendizaxe simultánea de dúas linguas. Basta contemplar a evolución por franxas de idade do coñecemento do catalán e o castelán en Cataluña da figura 1 para comprender por que. Tal como comprobará o lector no gráfico, grazas á implantación do modelo de conxunción en catalán, nas xeracións novas, a capacidade de ler e escribir en catalán sitúase por enriba do 90%, a pouca distancia dos niveis do castelán. Estes resultados son notables porque dende unha perspectiva internacional son moi escasos os modelos de ensinanza que poidan presumir duns resultados semellantes no que atinxe á bilingüización de toda a poboación.



Fonte: (Institut d’Estadística de Catalunya e Direcció General de Política Lingüística 2015, 31)



O modelo lingüístico escolar catalán saltou recentemente ás noticias porque o pasado 23 de outubro, varios responsables do Departamento de Ensino do Goberno de Cataluña presentaron un documento destinado a definir o novo modelo de xestión das linguas na educación preuniversitaria, chamado Modelo plurilingüe e intercultural. Aínda que algúns medios lle atribuíron o texto a Josep Bargalló, actual conselleiro de Ensinanza, de feito é o resultado de catro anos de traballo dun equipo mixto de funcionarios e especialistas. O documento é relativamente longo (71 páxinas) e ten un propósito máis orientativo que normativo sobre a xestión das linguas —en plural— nas escolas catalás. Trátase dun texto denso que contén abondosas reflexións sobre o que significa ensinar linguas nun contexto multilingüe e multicultural e que parte dunha concepción actualizada do plurilingüismo individual. O obxectivo do documento é dar un salto cualitativo na xestión lingüística escolar en Cataluña tendo sempre moi en conta a situación de minorización que aínda lle afecta á lingua catalá.



As reaccións ante o documento foron inmediatas e moi variadas. En Cataluña, os titulares da prensa foron maiormente mesurados: o dixital Vilaweb titulaba que “[O conselleiro] Bargalló propon un novo modelo lingüístico no sistema educativo”, mentres que o diario Ara resaltaba que “As escolas terán autonomía para variar o peso de cada idioma”. Algúns medios como La Vanguardia atopaban que o máis notable do novo documento era que “O Goberno quere máis inglés pero sen preparar os profesores”, mentres que para El Periódico “O Goberno propón a inmersión lingüística plurilingüe”. Mentres tanto, a prensa nacional española —que é marxinal en Cataluña— prefería centrarse no trato dado ao castelán, aínda que sen ter moi claro o que dicir. Así, El País anunciaba que “A Generalitat estuda reforzar o uso do castelán nas escolas”, lectura na que coincidía con La Razón, que publicaba que “O Goberno abre a porta a dar máis castelán nos colexios”, mentres que ABC denunciaba que “Cataluña marxina o castelán ata nas actividades extraescolares.” e engadía “O novo plan lingüístico da Generalitat potencia o inglés e tamén o árabe e o chinés en detrimento da lingua común (sic)”. Curiosamente, en lugar de seguir cunha interpretación mesurada do texto, boa parte do ciberespazo catalán contaxiouse das preocupacións da prensa española e cedo correron tweets alarmistas que denunciaban que a Generalitat pretendía rebaixar o papel do catalán nas escolas chamando á resistencia. Neste clima de sospeita, USTEC, o sindicato maioritario no ensino, chegou falar de claudicación do Goberno e a CUP pediu a retirada do documento. No medio da polémica, o conselleiro Bargalló abriuse a modificar o documento e, polo menos en Cataluña, a polémica foi baixando de ton.



Que é o que propón en realidade o novo documento? De feito, o novo modelo basease amplamente na experiencia acumulada ata agora polo modelo lingüístico escolar vixente. Efectivamente, o modelo plurilingüe e intercultural mantén o catalán como lingua vehicular por defecto cos nenos e como lingua de traballo e de referencia dos centros, porque “O coñecemento das dúas linguas oficiais nun mesmo nivel foi posible porque o catalán é a lingua normalmente utilizada” (páx. 10). Como o anterior, o novo modelo evita a separación das crianzas segundo as súas linguas iniciais, aplica técnicas de inmersión nos contextos nos que se requiren e aspira a dotar de competencia comunicativa elevada nas linguas oficiais a todo o alumnado. Todas esas características centrais non van cambiar significativamente no novo modelo lingüístico escolar catalán.



En que se diferencia pois o modelo plurilingüe e intercultural do modelo de conxunción? Na nosa opinión, as diferenzas son máis de grao ca substantivas. Algunhas delas son:



— Unha maior énfase no tratamento aplicado das linguas na escola. O novo modelo parte da necesidade de que a aprendizaxe das linguas se basee no uso en contextos reais para que o alumnado desenvolva unha verdadeira competencia comunicativa. A ese efecto, o texto fai énfase nas ideas de que as linguas se aprenden en todas as materias, que teñen que adquirirse a partir do seu uso na realización de tarefas auténticas, usando se cómpre as TIC. Neste mesmo sentido, o modelo recoñece a importancia dos contextos de interacción non formais e informais como fonte de aprendizaxe e chama a telos en conta á hora de formular o proxecto lingüístico.



— Unha perspectiva máis claramente integral da ensinanza das linguas na escola. O novo modelo pretende que se aproveite a realidade plurilingüe das aulas para mellorar a aprendizaxe simultánea das diversas linguas presentes. Iso pode acadarse, entre outras vías, promovendo a reflexión metalingüística derivada da observación, por exemplo explicando a ortografía ou o vocabulario específico non de forma illada para cada lingua senón facendo explícitas as semellanzas e diferenzas entre as distintas linguas.



— Maior autonomía dos centros á hora de fixar as súas practicas lingüísticas. Ata agora, todos os centros tiñan a obriga de aprobar un proxecto lingüístico que explicitase cales linguas ían ser utilizadas no centro escolar para que funcións, de que maneira e por que. No novo modelo, os proxectos lingüísticos cobran máis valor e terán que ser máis rigorosos, pero á vez, seguindo a tendencia que emana da Lei de educación de Cataluña, a partir de agora os centros van gozar de maior marxe de manobra ao deseñalos.



— Maior integración das linguas estranxeiras, sobre todo o inglés, do que prevía o modelo de conxunción. Nos últimos anos, moitos centros educativos de Cataluña avanzaron de maneira progresiva o momento do contacto coa lingua inglesa. O novo modelo regulariza o uso do inglés como lingua vehicular en réxime de AICLE (aprendizaxe integrada de lingua e contidos), sempre no marco do catalán como lingua principal de docencia.



— Un maior recoñecemento das linguas de orixe: ata agora, a pesar de moitas declaracións oficias en favor de recoñecer a achega das linguas das novas inmigracións, a realidade é que estas apenas encontraron espazo nas escolas catalás (Bretxa, Comajoan, e Vila 2017). O novo modelo suxire fórmulas para mellorar a posición destas linguas, as cales poderían chegar, se algún centro o considerase desexable, ata ofrecelas como optativas para o conxunto do alumnado, unha hipótese non tan tola no caso dalgunhas linguas de crecente proxección internacional coma o chinés ou o árabe.



É o modelo plurilingüe e intercultural a panacea para resolver os problemas educativos e lingüísticos de Cataluña? Evidentemente non. Por un lado, algúns observadores suxeriron que de feito o documento é en si pouco innovador, porque o que fixo foi recoller unhas prácticas que xa son unha realidade nunha escola, a catalá, en boa medida xa plurilingüe. Por outro lado, a pesar da súa lonxitude, o texto é moitas veces elíptico e non concreta a maneira de resolver varios dos problemas lingüísticos existentes. Sen ir máis lonxe, quen asina isto preguntou publicamente de que maneira concreta vai conseguir o Goberno como facer entrar en razón aos centros nos que ata agora se incumpría o proxecto lingüístico e se daban máis cursos en castelán dos que en principio correspondería, especialmente agora que van gozar de máis autonomía, porque neste e outros campos podería converterse en simple papel mollado (Vila 2018). Non obstante, mesmo tendo en conta esta e outras obxeccións, as achegas do modelo parecen suficientemente sólidas como para darlle un voto de confianza. Agora, o que cómpre é que se aplique adecuadamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario