Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 16 de decembro de 2018

Furnas, votos e calidade lingüística

por Olalla Rodil en Luzes:

Carlos Callón publicou en 2012 Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, un libro que a partir de anécdotas nos dá chaves para mellorar a nosa calidade lingüística e mesmo dar o paso a falar en galego.


As deputadas e deputados do Parlamento de Galiza ben podían (podíamos) animarse a ler ou reler a obra de Callón.

A pouco que escoiten vostedes unha sesión plenaria ou boten unha ollada ao Diario de sesións entenderán por que o digo.

Onte mesmo (4 de decembro) no decorrer do debate dunha iniciativa escoitamos o que é todo un clásico, as *furnas. Digo clásico porque haberá quen lembre un ex-presidente da Xunta de Galiza dicindo «hai que poñer intranquilos aos do PP, que queren gañar coas *furnas baleiras». O home falaba de votos mais situábaos en cavidades naturais abertas nas penas e rochas as máis das veces provocadas pola acción do mar.

Quen escribe tivo a ousadía de sinalar o erro durante o debate parlamentar e, sen acritude, corrixilo. Erro o meu, sentou peor que se lles chamase fascistas ou corruptos!

Coma no libro de Carlos Callón, sirva a anécdota para unha reflexión máis ampla. Corrixir a alguén non é un acto de pedantería senón a única maneira de sinalar que se está a cometer un erro e ter, cando menos, a posibilidade de deixar de facelo. Iso do que tanto gostamos cando aprendemos a falar inglés.

Porén, a anécdota reflicte unha situación máis grave. A calidade lingüística, a corrección á hora de nos expresar, semella algo accesorio ou opcional cando nos referimos ao galego. Tanto é así que nun rexistro formal e público, como é o Parlamento, a colocación errada dos pronomes ou o uso de castelanismos son algo habitual e mesmo se considera aceptábel, cando menos non corrixíbel.


É máis, a Xunta de Galiza ten feito públicas campañas de publicidade institucional con grallas (!) como aquel «Cómete o mar». Algunhas imaxinábamos que ía vir unha onda paparnos a todas mais non, eramos nós quen tiña que levar á boca o peixe, ou iso crían as mentes preclaras do Goberno. Ninguén en San Caetano percibiu o erro até que comezaron a aparecer as denuncias públicas que finalmente obrigaron a corrixir a campaña. Benditas redes!

Aínda se mantén, pola contra, o selo de calidade co que a Xunta promove o leite producido no país: «100% galega». Seica din que galega é a marca, curioso porque só identifica o leite. Nin as nabizas, nin as patacas, nin o mel, nin o peixe, «100% galega» só é o leite.

Alguén imaxina que unha administración, poñamos por caso o Goberno de España, pendurase ducias, centos de valados publicitarios cun enorme: «Coman cocretas»? Pois se van a calquera supermercado a Xunta de Galiza si.

Por que cremos que o galego pode ser falado de calquera maneira mais consideramos inadmisíbel algo semellante en español? É que a lingua propia de Galiza non debe recibir igual consideración e tratamento que o inglés, o francés ou o italiano? Por que aceptamos o uso de formas deturpadas, erradas ou directamente termos españois coma se non se tratar dun desprezo cara á nosa lingua?

Poño como exemplo o Parlamento mais poden acender a televisión pública deste país, que ten a obriga de promover a normalización do idioma, e ver algún que outro programa de entretemento que dá pánico escoitar.

Se corrixir renxe será porque algo non está ben de inicio e esa é a consideración que se ten do propio idioma. Unha lingua, cren, para uso familiar, coloquial, informal, privado, que non esixe corrección, nin fluidez, nin o esforzo de coñecela, estudala e coidala.

Debe ser cousa da crisi.

Ningún comentario:

Publicar un comentario