Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 16 de decembro de 2018

Fixo moi ben a SXPL

 Isto que escribín apareceu o pasado 9/12/18 no Sermos Galiza:

Fixo moi ben a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) cando, mirando de esguello, deixou pasar o 30 aniversario da Lei de Normalización Lingüística. Non interesaba abrir un debate público sobre a situación do galego. Moito mellor lanzar desde a aparataxe institucional mensaxes adormecedores, pílulas homeopáticas que mantivesen o devalo do galego. As cadeiras de San Caetano xa estaban ocupadas por taxidermistas e momificadores.

Daquela, por exemplo, preferíase reprender a edición dun libro de texto polo delito de explicar que o artigo 5.1 do Estatuto di que "a lingua propia de Galicia é o galego". Xa sabemos que é precisamente iso o que di o artigo 5.1 pero o problema reside en que o seu contido colide coas accións gobernamentais. Por coherencia, fixo ben a SXPL en sustentar esa reprensión.

Cando pasaran 10 anos da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL) o secretario xeral de política lingüística publicaba na prensa un artigo na prensa acusando de ir contra o Plan ao goberno que comezara a levar adiante algunhas das medidas máis importantes dese Plan. Fíxoo porque precisamente o goberno no que participaba ese secretario xeral era o que botou abaixo esas medidas, deixando ao PXNL en auga de castañas. Por iso, para non quedar en evidencia, a SXPL fixo ben en non celebrar ese décimo aniversario. Tan ben, polo menos, como acaba de facer nestes días publicando unha unidade didáctica para (agora si!) conmemorar o 40 aniversario da Constitución Española, un texto no que, por certo, non aparece por ningures a lingua galega.

A pouco que repasemos estes 40 anos de historia veremos como en ningún momento se intentaron reverter os 40 anos anteriores de ditadura tamén lingüística. Acaso puido o pobo galego facer uso da súa lingua libremente en calquera circunstancia? Velaí que a Constitución cargue coa responsabilidade das pexas á liberdade do uso das linguas minorizadas. Desafortunadamente, non é este o único crime do que podemos acusala. A Carta Magna usouse para decretar a desigualdade entre o castelán, lingua protexida e con todos os dereitos, e a outra, a que nin se nomea, que fica desamparada e subordinada.

Como os redactores da Lei de Normalización quixeron establecer unha pátina de igualdade entre galego e castelán proclamaron no seu artigo 1 que todos os galegos tiñan o deber de coñecer a lingua propia. Pouco tardou a engrenaxe uniformizadora do estado, vía o Tribunal Constitucional, en ditaminar a discriminación declarando que o deber de coñecemento do castelán, establecido no artigo 3 da Constitución non se predica do galego. En harmonía coas prohibicións e marxinacións á lingua galega SXPL festexa a Constitución. Por iso insistimos, que se o que se pretende é manter esa consistencia, a SXPL fai moi ben. Entrementres, seguiremos agardando a que algún día actúe mal. Ese día a nosa lingua recibiría, por fin, o primeiro impulso deste goberno.


Ningún comentario:

Publicar un comentario