Desde hai 18 anos a Feira de Artes Escénicas era o escaparate do teatro galego que servía para que as compañías presentaran as súas propostas aos progamadores culturais. Na Feira establecíanse os contactos fundamentais para asegurar os proxectos da nova temporada da industria teatral galega. Nun momento en que é imprescindible apoiar os proxectos empresariais, a Xunta decide non organizar a Feira coa desculpa da falta de presuposto: precisaríanse 160.000 € e actualmente só se dispón de 50.000. Porén esa mesma Xunta non ten ningunha dificultade para desviar fondos (225.000 €) a un Festival das Rías Baixas celebrado o pasado mes de xullo e que, agás o contrato de Ana Belén ou Sancho Gracia, nada aportou ao fomento da cultura propia.
Hai 20 anos que se viñan concedendo axudas ás editoriais para a elaboración de libros de texto en galego. Para as editoriais non é negocio ningún, agora menos que nunca, cando se acaba de reducir drásticamente a presenza do galego grazas ás virtudes do decreto de plurilingüismo. Este ano, nin axudas ao sector dos libros que fai o esforzo de innovar e apostar polo galego. Será outra vez por cartos? Non é creíble. O presuposto para este apartado estaba xa enormemente reducido: 400.000 €.
Outras axudas cunha tradición de 20 anos son as que se concedían aos concellos como aportación ao incentivo na normalización lingüística. Neste caso o cinismo chega a límites paroxísticos. Tanto os membros do seu gabinete como o propio Anxo Lorenzo, o responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), a entidade convocante das axudas, negáronse a darlle información sobre a resolución das mesmas á Coordinadora de Traballadores para a Normalización da Lingua só uns días antes de que publicaran a supresión das mesmas.
Para máis INRI, a política de normalización lingüística para os concellos mudou completamente de dirección desde hai un ano coa publicación da orde que desenvolve a creación da Rede de Dinamización Lingüística. A día de hoxe esta rede é un espectro que só ten existencia nas letras do DOG que a creou. Se temos os folgos suficientes podemos ver os paseos de Anxo Lorenzo visitando concellos facendo propaganda da presunta Rede. Na última destas visitas foi recibido por Gerardo Conde Roa, alcalde de Santiago que sempre se mostrou moi reticente tanto ao uso como á defensa da lingua galega. Esta entrevista tivo lugar o pasado día 8 e foi destacada desde a SXPL como unha importante achega ao apoio da Rede. Un día antes, o 7, é a data da suspensión das axudas á lingua nos concellos. O presuposto para este capítulo era de 450.000 €. A suma do total retirado é de 850.000 €.
Hai un ano Anxo Lorenzo declaraba que se retiraba a campaña de propaganda do decreto de plurilingüismo (944.989 €) "por motivos políticos", non presupostarios. Todo o mundo comprenderá que o apoio aos concellos ou ás editoriais é moito máis prioritario que unha campaña publicitaria. É de supoñer que a función de programar os orzamentos da SXPL é unha das principais funcións do seu responsable. Por esta razón conclúese que Anxo Lorenzo alcanzou uns niveis de falsidade e cinismo que só vai poder superar se el mesmo continúa no cargo.
GENERALITAT DE CATALUNYA
ResponderEliminarPresupuesto de la Secretaría de Política Lingüística
http://www20.gencat.cat/docs/Llengcat/Documents/Informe%20de%20politica%20linguistica/Arxius/c_cap03_09.pdf
Sería moi complicado comparar os presupostos de política lingüística de Galicia e Cataluña.
ResponderEliminarSobre isto hai un par de achegas moi interesantes:
1. Unha valoración de Meijón: http://www.escoladeferrado.es/?p=929
2. Un estudo feito pola CTNL:
http://www.ctnl.org/web/notic.php?ide=720
Nelas fálase da drástica redución neste apartado... antes deste novo recorte.