por Pablo Vaamonde, na Praza Pública:
Fernando Vázquez (Castrofeito, A Coruña, 1953), o actual adestrador do Deportivo, estivo a finais de xaneiro no meu barrio de Labañou, convidado polo Colexio Calvo Sotelo (onde colaboro no adestramento do equipo xuvenil), para dar unha charla aos alumnos do centro e aos rapaces que integran as distintas categorías de fútbol base. Foi un encontro distendido e ameno e o técnico contestou, durante máis dunha hora, a todas as preguntas dos numerosos asistentes. Plantexáronlle cuestións de todo tipo, algunhas sinxelas e outras máis comprometidas, pero en todo momento deu mostra da súa habilidade para a conversa e o debate.
Fernando vive o fútbol con auténtica paixón. Son famosas as súas carreiriñas pola banda cando o seu equipo consegue un gol. Así o viviu sempre. Cando estudaba en Santiago, recén saído do Seminario, xogou no equipo do Negreira, na Liga da Costa, aquela competición esixente e intensa, de campos enlamados e xogadores rudos, onde destacaba como centrocampista organizador, con gran visión do xogo. Alí coincidín con el unha tempada, aínda que eu máis ben quentaba a banqueta.
Non fixo carreira como futbolista, a pesares do seu evidente talento, mais si como adestrador. Comezou moi novo cando, despois de rematada a carreira, compaxinaba o seu traballo como profesor de Instituto cos adestramentos nas escolas deportivas na súa terra natal. O CD Lalín foi o primeiro equipo que adestrou como profesional, e conseguiu levalo dende rexional até a Segunda B. Así comezou, en 1986, unha longa e brillante carreira na que pasou por diversos equipos (Lalín, Rácing de Ferrol, Lugo, Compostela, Oviedo, Mallorca, Betis, Las Palmas, Rayo Vallecano, Valladolid, Celta e Deportivo) e tamén actuou como seleccionador de Galicia (xunto con Arsenio Iglesias) durante varias tempadas. Destacou como descubridor de talentos, pois foron moitos os xogadores que, co seu apoio, debutaron en Primeira División e iniciaron unha carreira exitosa no mundo do fútbol (Tristán, Joaquín, Güiza, Ruben Castro etc).
Os cronistas sinalan de Vázquez a súa condición de estudoso do fútbol, polo que algúns o teñen alcumado como “profesor”, se cadra lembrando a súa primeira profesión. Máis as súas lecturas non se restrinxen só ao mundo do balón: é un home culto e con inquedanzas intelectuais e sociais (hai uns meses participou nun documental contra da mina de Corcoesto). Gran admirador de Sacchi e Cruyff, tamén destaca como estratega e pola súa habilidade para a motivación persoal e o reforzamento do grupo. Esas foron as súas bazas durante a súa traxectoria profesional.
En febreiro de 2013 –hai agora un ano- fíxose cargo da dirección do Deportivo, despois dunha mala racha de resultados de Oltra (outro excelente adestrador) e da penosa espantada de Domingos Paciencia. Tiveron que pasar case 18 anos desde os seus inicios –con oito tempadas en Primeira e dúas en Segunda-, para chegar ao equipo dos seus soños. Porque Vázquez é un deportivista confeso, e nunca ocultou as súas simpatías por este equipo. O seu último traballo como adestrador foi precisamente o Celta (gran rival do Dépor), onde foi cesado en 2007, cando o equipo estaba perto do descenso.
Despois de seis anos sen adestrar foi chamado para dirixir o Dépor co difícil obxectivo de manter o equipo en Primeira División. “Unha chamada á unha da mañán cambioume a vida”, dixo nunha entrevista. Estivo a piques de acadar a meta. Recoperou animicamente ao equipo e soubo crear unha excelente conexión coa afección, que o acolleu como un líder. Aínda que o equipo descendeu no último momento, Riazor segue a confiar no adestrador. Fernando Vázquez, coa súa actitude honesta e o traballo incansable, reforzou a confianza colectiva a foi quen de tecer unha rede afectiva coas bancadas semellante á que existía nos tempos de Arsenio e o Súper Dépor.
Na charla-coloquio celebrada en Labañou amosouse afable, paciente e afectuoso. E expresouse en todo momento en galego, feito que me interesa destacar, pois a utilización do galego en todos os ámbitos, de maneira habitual, debe ser un obxectivo daqueles que amamos esta terra e a súa cultura. Neste país anómalo o que debería ser natural convértese nun signo de distinción. Nesta cidade, tan desgaleguizada pola nefasta influencia doutro Vázquez (o ex-alcalde), a actitude de Fernando ten un enorme valor para a recuperación do idioma no mundo do fútbol e na vida cotiá. Algúns xogadores (Ínsua, Luís…) xa seguen o seu exemplo. Saúde, mestre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario