Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 22 de febreiro de 2014

Varexando cara á Illa de Ons

por José Manuel Dopazo Entenza, nas Voces de Prolingua:

Foi Álvaro das Casas quen, en 1934, publicou o artigo “A Illa de Ons” para a revista Nós (nº 131-132, páx. 167-181), desta maneira converteuse no primeiro estudoso en mostrar interese por esta illa e pasou a ser un referente para toda aquela persoa que se queira achegar algo máis a ela.
Dende entón, moito se ten traballado pola arqueoloxía, fauna e flora, historia, antropoloxía e mesmo, máis recentemente, pola xeoloxía. Este era o soño que Álvaro das Casas apuntaba no inicio do seu artigo coas palabras “si co-esta papeleta esperto anceios do seu estudo xeolóxeco, históreco e xeográfeco compretos, penso que xa teño conquerido dabondo”.
Así e todo, considero que inda está por estudar máis a fondo un elemento que sempre se nos esvae entre as mans. Estou a falar da lingua. Unha comunidade que compartiu cento sesenta anos de historia en menos de sete quilómetros cadrados debería ter solucións lingüísticas propias da tirapuxa entre as distintas variedades levadas aló na última repoboación desta illa (ca. 1810).
A pouco que nos acheguemos á lingua de quen naceu e viviu na Illa de Ons decatarémonos que a súa non é doada de clasificar nin coa da Ría da Arousa nin coa da Ría de Pontevedra. Posuían e posúen unha variedade de transición entre estas dúas rías.
Pese a que existe unha grande uniformidade lingüística entre as persoas de máis de sesenta anos, o grupo de xente nacida na década de 1960 e 1970 presenta unha variedade moi distinta ós que os superan en idade. Isto pode deberse a que na década de 1960, aproveitando unha época de bonanza económica, os illáns foron cambiando as súas tradicionais dornas que pintaban de negro e branco a paisaxe da Praia de Curro por un albisco de modernidade: os barcos.
Este foi o motor que enriqueceu os habitantes da Illa de Ons, mais que empobreceu a súa terra. Ó non teren onde atracalos (nunca existiu aló un porto de abeiro), os días de temporal e feras galernas tiñan que escapar coma fuxitivos, mesmo no medio da noite, para salvaren estas novas posesións.
Polo tanto, a mediados da década de 1970, A Illa de Ons viuse despoboada case por completo. Os portos que os acolleron foron: o de Portonovo, Cangas e, sobre todo, Bueu. A mocidade que, por aquel entón, marchara xunto coas súas nais e pais afincouse nunhas terras pouco menos que descoñecidas, quebrando as relacións sociais e téndose que adaptar a unha realidade nova.
Non son poucas persoas as que lembran este feito como algo case traumático. As sociedades que as acolleron en poucos casos tiveron unha actitude agarimosa, senón máis ben presentaban rexeitamento por causas, probablemente, lingüísticas (nomeadamente, pragmáticas).
Esta falta de aquiescencia prolongouse ata as persoas nadas na década de 1980, provocando, en moitos dos casos, o rexeitamento da lingua propia xa desde as primeiras das xeracións; e mesmo a negación dela a xeracións posteriores.
A finais de 2010 decateime que era preciso testemuñar esa lingua con historia de seu. Polo mesmo, comecei a facer gravacións das persoas de máis idade. En moitos casos recibín como contestación “eu non sei falar”, “pero se a miña fala é moi bruta”, etc.
Fronte a esta baixa estima, atopei o Señor Fransisco que non só estaba orgulloso do lugar en que nacera, se criara, namorara e casara, senón que tamén posuía orgullo da súa lingua. Nunha ocasión, vendo a Televisión de Galicia, dixo: Moitas veces din palabras que eu uso e, outras, palabras que non oíra nunca. Pero é normal, porque en cada lugar teñen o seu xeito de falar. E para a televisión e para escribir terán que coller parte de cada fala.
Só agardo que as súas palabras non vaian coa maré. Que o vento que hoxe empurra estas velas de coñecemento nos acompañe en futuras singraduras. E que o luceiro do asexo alumee a quen veña atrás nosa para que saiban o valor que ten a súa lingua e non se deixen intimidar por prexuízos de baixo calado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario