por Alberto Lema, nas Voces de Prolingua:
Din que a mellor proba da existencia de Deus é a supervivencia do seu pobo preferido, Israel, logo de tantos éxodos milenarios, antisemitismos, holocaustos e demais desgrazas e avatares históricos que ben darían tronzado hai tempo a vontade de existir de calquera outra comunidade humana que non estivese dotada de semellante afouteza e confianza en si mesma, velaí os están aínda hoxe, amolando Palestina.
Como vemos, a potencia do mito fundacional –ou metarrelato, como alcumaron na Posmodernidade as narracións alleas á distancia irónica- non é unha cuestión menor á hora de asegurar a fidelidade do clan a un programa de redención comunal que adoito comporta multitude de sacrificios, renuncias, martirios ofrecidos coma exvotos á causa, promisorios dunha feliz arribada final á Terra Prometida un 14 de novembro.
O Mito ha ser, logo, poderoso na mandíbula e prolixo nos exemplos, non importa tanto a súa coherencia interna (no Antigo Testamento, Deus recibe dous nomes, Iavhé e Xehová, que é, comparado con iso, nosa cativa esquizofrenia entre Galiza e Galicia?), como a súa capacidade para a suxestión, o contaxio, para seducir os gustos refinados e mais os vulgares e unificalos todos nun mesmo Nós -as nacións son sempre interclasistas, os procesos de liberación nacional, non tanto-.
Pero o mellor dos mitos é que non teñen idade de fábrica, podémolos facer deica hoxe. A novela Nolli me tangere, de José Rizal -deixóunolo escrito Benedict Anderson- publicada en 1887, foi a pedra basilar sobre a que se obrou a emancipación nacional filipina, fornecendo o seu pobo dun espello para o autorrecoñecemento e un modelo de martirio. Por non falarmos de Martí. Xa nolo deixou escrito o poeta: Dille berce ao inimigo, e veralo esmaciar.
O pobo galego non deu esquecido tampouco certos textos de Rosalía, Pondal e Castelao, e mentres dure a canción duraremos, literalmente, Nós (escusadas as maiúsculas). E na ansiedade arredor do texto rosaliano, máis ca en ningún outro caso, semellan reproducirse aquelas acendidas disputas patrísticas encol daqueloutro texto presuntamente ditado polo Mesmísimo. Vemos reloucar certos sacerdotes ao atoparen manuscritos atopados do Mar Morto, dedos estendidos dos gardas da Fe que se arrogan a Única Interpretación Verdadeira dos poemas sacros, emisión de furiosas excomuñóns e pauliñas contra as testas da multitude heresiarca. Morriña pola extinción de certas cacharelas de antano.
E debemos alegrarnos e moito de que isto aconteza así. Ao cabo, malia as sañudas inquisicións semellaren circunscritas ao círculo de eruditos do templo, un texto en disputa é un texto vivo. Aínda que non cheguemos a escoitarmos nunca a súa voz, só polo ruído inmenso, o litixio sen final arredor do que dixo ou quixo dicir, cando xa estamos un pouco fartos de tanto conto, temos que recoñecelo: Rosalía permanece, terma de si.
Ningún comentario:
Publicar un comentario