O vídeo-lipdub "Eu falarei" marcou un punto culminante na dignificación do traballo normalizador. Nel participou toda a comunidade educativa do IES de Chapela ofrecendo unha aposta optimista polo futuro da lingua. Porén os seus autores querían destacar tamén que o vídeo era tamén
unha denuncia da situación que vive un idioma que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a xente novaEsta denuncia estaba ben fundamentada na realidade que os membros do Equipo de Normalización do IES de Chapela percibían cada día.
Se recollemos esa imaxe final do lipdub na que un cento de mozos cantan esa promesa "eu falarei", podiamos preguntarnos cantos dos que alí aparecen serán quen de cumprir con esa declaración. Agora xa sabemos cal é a triste e estarrecedora resposta. Só o 13% do alumnado dese centro fala en galego. Esta cifra sería aínda máis baixa de non ser polo alumnado dos ciclos de FP pois entre os que cursan ESO ou bacharelato non chegan a un 6% aqueles que declaran usar máis o galego que o castelán. Todos estes datos foron recollidos nun estudo feito polo Equipo de Normalización e que pode consultarse nunha entrada do seu blogue que titulan: "A mocidade de Chapela abandona o galego"
Para establecer as causas deste fracaso podemos botar man doutros datos do estudo no que vemos, chanzo a chanzo, unha perfecta escaleira do abandono da lingua. O uso do galego entre os avós do alumnado (só galego ou máis galego) é do 67%, pero cando estes mesmos avós falan cos seus netos, esta porcentaxe baixa ao 57%. O uso do galego por parte dos pais volve a baixar: 51% para os pais e 28% para as nais. No último elo da cadea só un 4% do alumnado declara falar exclusivamente en galego frente a un 38% que di non usalo nunca.
Outro dos factores que forza esta situación é, claro está, o funesto decreto 79/2010 que impuxo unha chea de prohibicións ao uso do galego nas aulas (tamén se dan datos sobre este aspecto no informe do ENDL). Se a unha situación histórica claramente desfavorecedora da transmisión da lingua lle engadimos as dificultades que establece este decreto para podermos establecer desde a escola un verdadeiro programa normalizador, non hai máis voltas que lle dar.
Nun dos seus marabillosos contos, Julio Cortázar conta como era quen de abstraer todo o seu entorno agás, por exemplo os reloxos, os botóns ou quizais as orellas, segundo lle petara. Así podía ver un paseo de botóns polos corredores da oficina ou como unha chea de pares de orellas baixaban polas escaleiras. De poder facer algo semellante, como só escoitar as conversas en galego, ao entarmos ao patio do recreo do IES de Chapela, sabedes o que escoitariamos?... Efectivamente, o silencio. Ese silencio algo nos está gritando. Non sei se o oídes... alí mesmo, chega o ruxe-ruxe do mar. son as ondas do mar de Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario