Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 20 de febreiro de 2014

A cultura galega, a nosa angueira

O mundo editorial galego pégalle unha boa zorregada á Consellería de Educación e Cultura polo abandono das industrias culturais e o ataque ao uso da lingua, especialmente nas aulas co funesto decreto que chamaron do plurilingüismo.
Comunicado conxunto da AELG, AGE e GÁLIX

O panorama cultural galego identifícase hoxe máis ca nunca con aqueles lembrados versos de Díaz Castro no poema Penélope. Porque son tantos e tan dolorosos os pasos atrás ...
Hoxe, tantos anos despois daquelas iniciativas culturais que na década dos 70 do pasado século ergueron o facho para alumearen o camiño da recuperación cultural de Galiza, segue sendo a iniciativa popular asentada en asociacións, colectivos, estruturas profesionais e algunhas institucións conscientes, a que mantén viva a nosa cultura, moitas veces contra o vento e a marea institucional que, escusándose na crise, practican a destrución cultural de noso e, por tanto, da industria cultural, empobrecendo o noso país ao privalo dun dos medios de produción propios.
A defensa da oralidade e das expresións orais, soporte de comunicación básico e primordial para garantir o futuro da nosa lingua e da cultura tradicional do noso pobo determinounos a non renunciar ao legado histórico recibido, procurando a resistencia á invisibilidade e negación desde o reforzo colectivo, aproveitando plataformas, medios e soportes de uso, tanto os tradicionais como os máis novidosos desde o punto de vista tecnolóxico. A consciente necesidade de continuar con criterio progresivo a apostar pola creación e difusión da cultura que facemos e en cuxos valores potenciais acreditamos, arraigada no imaxinario e expresión lingüística propios, motivou a tradicional interconexión con outras culturas que define a nosa, para partillar o escenario plural da diversidade global e pular pola formación das novas xeracións produtoras e consumidoras de cultura.
A confirmación sucesiva das alertas e ameazas de inacción dos postulados oficiais do actual Goberno galego, coincidentes coas do actual Goberno de España, reforzou o noso compromiso para coa sociedade á hora de ofrecerlle un produto cultural propio, de calidade, asequíbel e accesíbel a todos os formatos e sectores cidadáns. Abonda citar para confirmalo medidas fortemente gravatorias e impositivas para o seu desfrute individual e colectivo, que non sofren outras actividades de ocio, de cualidades formativas e educadoras ben cuestionadas, como os espectáculos futbolísticos ou taurinos, como acontece coa suba do gravame do IVE cultural até o 21%.
Significativo resulta apelar desde o Goberno galego ao herdo rosaliano, neste proactivo ano en que a cidadanía non cansou de ler, musicar, interactuar e interpretar, para maior admiración e recoñecemento, a modernidade da obra e pensamento rosaliano a nos aloumiñar e falar hoxe desde o poder da palabra compromiso e o alento vivo, ao mesmo tempo que desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se elimina de raíz o Día de Rosalía do Calendario do Libro e da Lectura, logo de ter impedido nos últimos anos que esa data, 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro, formase parte do calendario escolar como data conmemorativa referencial próxima.
Sorprendente semella parabenizarse dos recoñecementos a nivel estatal dos nosos creadores culturais cando desde o Goberno se desvirtuaron os mesmos premios homónimos galegos, anulando a súa identificación como cultura nacional, así como a dotación económica.
Mais a destrución da cultura galega escúsase decote en motivos económicos e acúsase de ser un produto illado, dependente e subvencionado, mentres percibimos as intencións espúreas dos que ao pór a garabata xa non saben falar a fala nai, a fala dos avós que teñen mortos.
Desde 2009 loitamos contra a redución da presenza da nosa lingua nas aulas, un elemento fulcral para o sostén da nosa cultura, mesmo por motivos económicos, se nestas escuras tebras en que vivimos haxa quen só entenda estes argumentos. Porque a produción de libros, materiais didácticos e diferentes ofertas culturais en galego para acompañar a docencia ou para servir como actividades complementarias ou extraescolares se traduciría en incremento do PIB, isto é, emprego e riqueza, que se multiplicaría tamén fóra do ámbito docente e dentro do corpus social.
Unha redución que vai conseguir que o proceso de desgaleguización comprobado que viven as xeracións máis novas non poida ser debidamente freado e perdamos así a sociedade futura que debería manter viva a nosa cultura e se perden a fala non serán ninguén.
O ano 2013 confirmou unha praxe política de desmantelamento dos sectores culturais, tamén xeradores de fortaleza económica como industria cultural, o que, desde actitudes desafiantes e provocadoras, se concretou na asfixia económica que pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social.
Non son alleas á política cultural do actual Goberno galego (redución drástica de fondos destinados á adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas -un 64,8% menos- e das axudas para a edición de materiais didácticos en lingua galega (un 75 % menos) situacións dramáticas como as que sofre o sector da edición galega, que dende 2008 perdeu o 38 % do seu emprego directo, e que no mesmo período leva perdido o 16,76 % da súa facturación total.
Tampouco é inocua á realidade dramática das compañías de teatro galegas nin aos datos que acaba de nos ofrecer o Instituto Nacional de Estadística confirmando o peche de 45 bibliotecas públicas en Galiza entre 2008 e 2012, o que converte o noso país na comunidade que máis espazos públicos de lectura e acceso á información perdeu en todo o Estado, mentres que neste o balance é positivo. Sorprenden neste contexto as recentes declaracións do Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, calificando o pasado ano 2013 como "ano vizoso para a cultura galega" (!).
Entendemos a cultura galega como tecido creador de cidadanía cohesionada con valores democráticos, depositaria e defensora da nosa identidade como pobo, humus irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios, que permitan o desenvolvemento cultural e social en función unicamente dos intereses do pobo galego e que doten a Galiza da vacina protectora para non sermos varridos polo mal vento da globalización, que pretende unha homoxeneización e uniformización dos valores culturais e lingüísticos dos pobos a conta de amolecer e engulir toda diversidade cultural e plural.
Recoñécennos alén das nosas fronteiras. Creadoras e creadores galegos son premiados fóra de Galiza e mesmo a lingua galega é recoñecida lonxe das súas orixes, pois o certo é que a cultura galega e quen a produce podería competir, se de tal se tratase, a todos os niveis e en calquera lugar. Mais, pola contra, é sistematicamente esquecida por aqueles que deberían ser os seus primeiros valedores, por aqueles que deberían esforzarse cada día do seu mandato por buscar fórmulas de proxección da nosa cultura, por buscar recursos para actividades culturais que, ademais, creen emprego e, por tanto, riqueza.
Non aceptaremos que pretendan enmudecernos ou facernos estranxeiras na nosa patria, por iso seguiremos soñando coa chuvia e desorballando os prados e prendermos o lume que quente a lareira da que seguen a nacer proxectos. Entre todas e todos, seguiremos a lembrarlle a quen debe representarnos que os números non serven para saber que altura é o reino do paxaro e que tamén precisamos da palabra para alimentar o espírito, a palabra nos libros, na escena, no pentagrama. Seguiremos creando con gracia ou sen ela, na lingua que falamos porque a nosa angueira é que a nosa lingua e a nosa cultura sexan plenamente normais e estean presentes en todos os lugares e en todos os tempos.
E é tanxíbel, porque nunca é tan posible como cando é un desexo.
Galicia, febreiro de 2014
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG
Asociación Galega de Editores, AGE
Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GÁLIX

Ningún comentario:

Publicar un comentario