Alá polo ano académico 2002/2003 comezaba unha nova andaina no IES A Sangriña da Guarda. O profesorado deu un paso adiante e comezou a dar aulas de portugués no primeiro curso da ESO. Pasaron 10 anos e agora xa se imparte nos catro cursos de secundaria, nos dous bacharelatos, en nocturno e diúrno e como primeira e segunda lingua estranxeira. Ademais, conta xa cun departamento propio, 5 profesores/as impartindo a materia, unha auxiliar de conversa enviada do Instituto Camões e o máis importante, máis de 100 alumnas/os só neste último ano.E o labor de difusión da lingua e cultura portuguesa non fica aquí, pois múltiples son as charlas, conferencias e actividades relacionadas co espazo galego-portugués que se realizan neste centro de ensino. E aínda cómpre engadir mais un elemento, o intercambio Comenius asinado coa Escola de Ensino Secundário Padre Manuel Alvares de Madeira, que permite a estadía de estudantado galego na illa e estudantado portugués na Guarda durante un trimestre cada ano.Á par desta realidade sitúase outra ben menos gorentosa. Nun estudo sociolingüístico realizado polo centro de ensino no ano 2008 tirábanse os seguintes datos:- As avoas e avós falaban entre si en galego nun 95% mais esta porcentaxe baixa cando se dirixen aos netos a un 63%.- Un 64% dos pais e nais falan galego entre si, mais só o 22% falan nesta lingua cos seus fillos/as.- Só o 25% do alumnado falaba a nosa lingua propia nas relacións cos seus iguais.E en Galicia temos un 50,7% de paro xuvenil e milleiros de mozas e mozos emigran cada día na procura dun porvir que o seu país non lle é quen de ofrecer.Neste contexto de perda da transmisión interxeracional da nosa lingua e de desemprego masivo entre a mocidade, o espazo galego-portugués ten que se abrir como unha pequena xanela que cómpre non seguir mantendo fechada. Os discursos sentimentais e identitarios non carecen de razón, mais vaiamos tamén ao práctico: unha nova oportunidade agroma nos países de fala portuguesa, especialmente alén mar, no Brasil, e nas comunidades portuguesas espalladas por todo o mundo, unha nova oportunidade laboral, social, cultural e, xa que logo, vital.Para as galegas e galegos a adquisición de competencia lingüística en portugués resulta doada, en pouco tempo de preparación unha persoa pódese desenvolver sen ningún problema nun contexto enteiramente portugués-falante. E todo isto grazas ao galego, lingua que falaban todas as nosas avoas e avós e a meirande parte dos nosos pais e nais, mais que, curiosamente, non nos transmitiron a nós por non a consideraren útil para o noso futuro. E vaia que se o é!O coñecemento do portugués por parte da mocidade supera o eido da capacitación estritamente individual e reverte directamente no bencomún de toda a sociedade. A asimilación no imaxinario social de que o galego é unha lingua mundial, con grandes potenciais, ten que contribuír decididamente á superación dos vellos prexuízos que aínda existen arredor da nosa lingua e á elevación na nosa autoestima e do noso orgullo.Por todo isto resulta fundamental pór en valor o traballo que se está a realizar en centros de ensino como o IES A Sangriña da Guarda e outros tantos que, aos poucos, van pondo as bases dun ensino enraizado no país mais coa ollada posta nas nosas enormes potencialiades, no galego do alén.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
sábado, 15 de febreiro de 2014
O galego do alén. 10 anos de ensino do portugués
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario