A asociación ecoloxista ADEGA, formando parte da campaña "Ponte no medio: Móvete polo territorio", organizara un concurso de fotos, relato e curtas. Nas bases do concurso de curtas pedíase:
"Dar mostra de exemplos da posta en valor da nosa cultura e/ou denunciar aquelas actuacións que agreden aos mesmos"E velaí que temos un relato audiovisual co poema "A fala" de Manuel María como recitado de fondo no que se mostra o que cada vez é máis unha característica da actuación subterránea da política lingüística da Xunta que estamos a padecer: a negación da nosa identidade.
Marina Chiavegatto e Millán Castro, os autores da curta, tiveron o acerto de poñer o seu ollo nunha situación de agresión moi espallada pola nosa terra consistente na exclusión do galego da paisaxe lingüística do noso territorio.
Hai uns anos a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo en compañía da Coordinadora Galega de ENDL promovían unha campaña que camiñaba polos mesmos vieiros, na que se poñía en relación a ecoloxía coa normalización lingüística nunha simbiose que se coñece como a ecoloxía lingüística. O lema da campaña sería ben acaído para a mensaxe que revoa neste vídeo: "O galego é o noso medio natural". Convén que non o estraguemos, que non desprecemos a lingua de noso, que non a tiremos ao lixo.
Como apunte, case marxinal, comentar que esta curta foi a que acadou o segundo premio do concurso "Curtas polo territorio". Tampouco estaría nada mal repasar a gañadora, "As feridas do Xallas", que fai un percorrido polas luces e sombras do río e ten como valor engadido o respecto pola toponimia dos lugares que nos presenta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario