Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 5 de abril de 2011

USC: máis teses en inglés que en galego


A abafante presencia do castelán na universidade pode verse explicitada nas gráficas elaboradas polo SNL da Universidade de Santiago de Compostela, a máis galeguizada das universidades galegas.
Nos últimos 20 anos a porcentaxe de teses en galego na USC non chegaron en ningún momento ao 16%. Como exemplo de como andan as cousas da nosa lingua podemos tomar o caso do último ano. Segundo informa M. Isabel Quintero no último Cartafol Dixital foi maior a presenza do inglés que a do galego:


 o dato máis salientable é que o castelán segue sendo a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 214 teses lidas en 2010, 137 realizáronse neste idioma (o 64,01%). Ao seu lado, a utilización doutras linguas como o galego (13,78%), o portugués (7,24%), o inglés (15,95%) e outros (0,2%), resulta moito máis discreta. O inglés adscríbese a teses presentadas en departamentos de ciencias da saúde e ciencias puras.


Hai algo que non funciona na política lingüística, vexámolo. Desde o SNL da USC ofrecen axudas que promoven o uso do galego nas teses. O inglés e o castelán non teñen esas axudas, ou polo menos iso é o que parece. Na realidade para o galego todo son atrancos: primeiro está toda unha lista de prexuízos que son sistemáticamente divulgados non só por particulares senón mesmo polas institucións, en segundo lugar o galego segue a estar excluído dunha serie importante de ámbitos sociais, sen que se dera ningún paso para modificar esta situación, e por último espállase o discurso de que podemos discriminar e reducir o seu uso sen que iso supoña detrimento dos seus usuarios. En definitiva, hai via libre para exercer o racismo lingüístico coa desculpa de que todos os atrancos para o uso do galego están ben pagados se o que fai un tese en galego recibe catro euros. Sáelles barato o conto.

luns, 4 de abril de 2011

Tucho Calvo: “A discriminación positiva para o idioma galego é imprescindible”

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Tucho Calvo para o Galicia Hoxe; a entrevista completa na ligazón.


Unha ollada xénerica á situación da lingua que sen dúbida lle é propia a Galicia (ou Galiza), o galego, sen adxectivación nin condicionamentos verbais que van da ambigüidade á patética ignorancia, que reflexión che obrigaría a facer, inevitablemente, para expormos aquí?
Con etapas mellores e peores, o galego acadou un status académico e cultural que era impensable, pero tamén se sumou ás linguas ameazadas por mor dunha sociedade que persegue espellismos que a fan renegar da súa esencia, do seu ser. O perigo está en que non ser ninguén supón non ter nada para defendérmonos nun mundo global. ¿Se só falamos o castelán e/ou o inglés, abonda para sermos alguén con personalidade propia na inmensidade dos pobos do mundo?


Entendes a Galicia como unha nación negada polo totalitarismo do Estado español?

Historicamente non hai dúbida de que é así. Pero o presente e o futuro son de integración, de poñer en valor o propio en termos de igualdade dentro de comunidades de cooperación cada vez máis amplas e sólidas.

Volvendo ao idioma: cres que Galicia é de seu unha nación bilingüe?
O nivel cultural de Galicia medrou de xeito que non só é maioritariamente bilingüe, con coñecementos profundos do galego e o castelán, senón que hai moita xente que se expresa con absoluta normalidade noutros idiomas (e non falo só do inglés). Só os ignorantes poden desherdar os fillos da riqueza do idioma propio que lles é tan doado atesourar. A cultura é o único capital que non nos poden quitar, e os idiomas son a base: as linguas, o idioma das matemáticas, o da música…


Entendes xusta e necesaria 

unha discriminación positiva a favor da lingua galega dende o actual e dramático estado da cuestión?

O máis dramático é non saber transmitirlle á xente a información que faga de todos os galegos uns convencidos defensores do seu idioma. A discriminación positiva a prol do galego é imprescindible porque a presión social fai innecesario convencer a ninguén da importancia de falar castelán.


A literatura galega acadou un grao de universalidade que antes non tiña?

Os tempos mudan e a sociedade impón cifras e metas inalcanzables noutros momentos. Pero é certo que podemos sentir fachenda de acadarmos unha cota de participación no pastel que soborda o que lle correspondería a unha sociedade minoritaria como a nosa.

Como se pode explicar que por unha banda se publique máis, e pola outra se venda, e mesmo se fale menos en galego?

O máis importante é que temos unha cultura normalizada na que calquera pode atopar en galego o libro que precisa, de calquera xénero que sexa. O sobranceiro é que creadores e investigadores dos máis diversos eidos transmiten os seus coñecentos na nosa lingua e que temos un tecido editorial que o fai posible. Logo está o mercado, no que as cousas evolúen cada vez máis de presa obrigándonos a todos a adaptacións non sempre doadas. Hai que loitar por unha clientela numericamente pequena como o é o universo da nosa poboación, e por forza iso require campañas que capten a súa atención, poñer de moda os nosos contidos e ofrecelos en todos os formatos que poida desexar.

Menos mal que nos queda Portugal

por Carlos Callón, no Galicia Hoxe:

Unha das peculiaridades máis importantes de Galiza a respecto dos outros territorios do Estado español con idioma propio diferente do castelán é a súa pertenza a un sistema lingüístico máis amplo: o galego-portugués.
O portugués, que na actualidade falan 250 millóns de persoas como idioma inicial e outros 20 millóns de persoas como segunda lingua, ten a súa orixe histórica en Galiza e no norte do actual Portugal, estendéndose despois cara ao sur e cara a outros lugares do mundo. Na forza demográfica, económica e cultural do portugués (sobre todo en Portugal e no Brasil) está unha das grandes potencialidades para avanzarmos na normalización do galego. Mais, até o de agora, non a estivemos a aproveitar.
Unha idea moi repetida que todas e todos aprendemos é que "galego e portugués naceron do mesmo tronco común, mais separáronse". Tanto se insiste nas diferenzas e tan pouco se incide en todo o que aínda une as falas ao norte ao sur do río Miño que parece que todo o relacionado co mundo lusófono nos é alleo. Repítese o que nos separa, esquécese o que nos une. E esquécese, con iso, todo o útil que é o que nos une.
Se pertencemos a un determinado sistema lingüístico que ten unha situación normalizada e o apoio de grandes estados como Portugal e o Brasil, por que non aproveitamos esa oportunidade? Non nos empobrecemos lingüística e culturalmente virándolle as costas? Non nos pechamos as portas a oportunidades de desenvolvemento tamén económico?
Coas actuais innovacións tecnolóxicas, é posíbel conseguirmos, por exemplo, ver un filme dobrado ou lexendado en portugués ou comprar en portugués libros que na Galiza non se dan traducido ao galego. O mesmo acontece tamén con programas informáticos que non dan opción de galego.
Non hai dúbida de que, sobre todo en produtos de circulación masiva, cómpre que a sociedade galega demande que se recoñeza a súa personalidade propia e que o galego figure como opción. Porén, naqueles casos en que aínda non é así, que facemos? Non sería lóxico que acudísemos a outras versións do noso sistema lingüístico, como o portugués de Portugal ou o portugués do Brasil, en troca de nos abastecermos continuadamente a través da lingua española e dos seus circuítos culturais?
Rachemos tamén aquí coas inercias. A próxima novidade editorial que non haxa en galego, adquirámola en portugués! O próximo filme no cal poidamos escoller lingua, optemos por velo en portugués, a falta de galego! E así cun amplo etcétera. O contrario é irmos afortalando a situación de Galiza como un mero apéndice da cultura española.
Todo isto é para alén das disputas ortográficas, que se deben asumir tamén como un debate académico que é normal que exista en calquera lingua viva.
Comprender cunha fluidez alta calquera texto en portugués é factíbel cunha aprendizaxe de moi pouco tempo. Se aínda precisamos dedicarlle un tempo, dediquémosllo. Coñecendo mellor o portugués melloraremos ao mesmo tempo o noso galego e consolidaremos a nosa pertenza ao noso propio sistema lingüístico.
Na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias tamén se estabelece a obriga para o Estado español de adoptar un acordo bilateral con Portugal para fomentar a interrelación con Galiza, especialmente nas áreas de cultura e educación; mais aínda nada se fixo.
Desde a Xunta de Galiza tampouco se traballou para que se poidan recibir no noso país as radios e televisións portuguesas (é unha obriga sinalada pola Carta, que o Parlamento galego tamén apoiou por unanimidade). Resta tamén moitísimo por facer no ámbito da introdución da aprendizaxe do estándar portugués nos centros de ensino. Mentres escribo estas liñas, hai algunha provincia andaluza que, por si soa, lle gaña a Galiza en máis institutos que ofrecen o portugués como materia optativa.
Como conseguirmos que haxa portugués no instituto?
Nestes momentos, só as escolas oficiais de idiomas teñen profesorado específico de portugués; nos institutos, fanse cargo decote docentes da materia de lingua e literatura galega.
Se houber profesorado disposto, este debe solicitar que se inclúa a disciplina como "segunda lingua estranxeira" para a oferta educativa do curso seguinte. A proposta realizarase na Comisión de Coordinación Pedagóxica, para que despois se inclúa no Proxecto Educativo do Centro e se aprobe no Consello Escolar.
A segunda lingua estranxeira é obrigatoria en 1º e 2º da ESO e optativa en 3º e 4º da ESO e no Bacharelato. Desde a Associação de Docentes de Português na Galiza aconsellan que se inicie a oferta no primeiro curso de cada etapa e que se vaia ampliando progresivamente aos anos seguintes.
Se non somos docentes mais pertencemos á comunidade educativa, sempre podemos interesarnos pola posibilidade de que se ministre portugués. Lembremos que, ademais dos beneficios para a nosa cultura propia, ter coñecementos acreditados de portugués, co seu (contraditorio, mais así é) carácter de "lingua estranxeira", abre moitas portas. Cun igual número de horas de dedicación, poderase alcanzar un nivel moi superior que en calquera outro idioma.
Ás veces en Portugal respóndennos en español
A maioría da poboación portuguesa vive tamén de costas á historia e á cultura de Galiza. Ademais, cando portuguesas e portugueses veñen de visita ao noso país, observan que a maioría dos rótulos, documentos, etc., están en castelán. Por se for pouco, é moi frecuente que sexan atendidos tamén nesta lingua, dentro deste esquema de ocultación do galego que fai que, "por educación", non se use o noso idioma coa xente descoñecida.
Cando esteamos en Portugal e se dirixan a nós en castelán, expliquemos con amabilidade que poden falarnos en portugués "à vontade", "pois nós somos galegos". É aconsellábel que transmitamos que o motivo de que comprendamos e falemos así é a nosa orixe galega.
Veremos que a maioría da xente descoñece a nosa realidade (igual que a maioría das galegos e galegas descoñecen a realidade portuguesa), mais que tamén haberá algunhas e algúns que si saberán que a lingua que agora se usa en Lisboa se fala, desde moitos séculos antes, en Mondoñedo, Allariz, Boiro, Tui ou Ferrol. Que nos coñezamos mellor é un obxectivo en que aínda temos moito para sachar..

Desde o labirinto a Rosalía

por Manuel Rei Romeu, en Terra e Tempo:

Estes días anda a presentar Francisco Rodríguez o seu libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria. Malia o importante suceso que supón para a cultura galega, poucas destas presentacións en cidades e vilas contaron nin van contar  co debido  eco dos medios de comunicacións de masas. Mais  han contar coa axuda de todos nós, das asociacións culturais de base, de entidades pedagóxicas, organizacións sindicais de profesorado, organizacións xuvenís... Da mellor maneira posíbel para  facermos chegar a figura e a obra rosalianas até o último curruncho da nosa patria.

O pasado 4 de marzo  comezou a singradura na cidade de Ferrol.  No Salón de actos da Fundación Caixa Galicia, ateigado de público, tivemos ocasión de lembrar como estudos tan monumentais como o de Francisco Rodríguez sobre Rosalía non nacen senón dun esforzo perseverante de moitos anos e de moita dedicación na vida dunha persoa. Considereime afortunado dobremente, en primeiro lugar por poder compartir  o proceso de elaboración do libro editado pola AS-PG, lendo os capítulos a medida que ían sendo redactados, xunto con outras persoas, sen haber lugar á reserva e ao pudor de dar a coñecer antes de publicar,  cousa  que é de agradecer. Tamén  tiven a sorte de coñecer de primeira man nos últimos trinta anos as preocupacións constantes e os descubrimentos de Francisco Rodríguez sobre a obra e a figura de Rosalía. Coido que todos os que o coñecemos un pouco  saberemos valorar ese labor iniciado nos anos setenta e que agora ten unha feliz culminación nesta obra publicada a pouco de conmemorarmos o 125º aniversario da súa morte.

Non pode entenderse, desde logo, sen  recoñecermos o traballo rigoroso previo de análise minuciosa  e comentario  dos textos rosalianos, un labor practicamente consumado na década dos setenta.  A comezos dos anos oitenta, concretamente no curso 1980-81, tiven a sorte de coñecer no Instituto de  Bacharelato  da Estrada un xeito novo de vivir a literatura a través dos seus comentarios literarios,  dun xeito especial sobre  poemas  de Rosalía.  Era  un enfoque directo, intensivo,  que daba prioridade ao coñecemento  centrado nos textos básicos ou máis representativos. De aí partía a motivación principal para aproximármonos  logo  pola nosa conta a outros aspectos máis secundarios, a aspectos biográficos, históricos, a outras obras  e a outros autores. Lembro fundamentalmente de Cantares gallegos Castellanos de Castilla, A gaita gallega, de Follas novas, Xan, ¡Soia!,  Tembra un neno no húmido pórtico, Pelouro que roda...  entre outros.

Naqueles duros comezos dos anos oitenta, moitos de nós, formabamos unha grea de mozos e mozas  inadaptados e condenados a vagar, perdidos no labirinto da vida. Grazas á aquela toma de conciencia a través da literatura galega, moi especialmente de Rosalía, conseguimos saír da confusión e recoñecérmonos como galegos. Non en balde, na propia lapela do libro faise referencia a ese "labor docente de impacto moi positivo". A partir de aí viría o noso interese polos outros clásicos do Rexurdimento, por autores do século XX como Cabanillas, Castelao, os membros do Grupo Nós, Blanco Amor, etc.

No mesmo  1980, conmemorando o centenario da publicación de Follas novas, Francisco Rodríguez publica en A Nosa Terra  (nº 106) un sintético e  contundente artigo, que pon de manifesto unha comprensión avanzada do significado do noso clásico por excelencia: "Rosalía: cen anos de resistencia contra  da hipocrisía burguesa". Unha mensaxe tan nidia, insistimos, só é posíbel tras "unha exhaustiva e reiterada  lectura e análise dos poemas",  xunto a moitas intervencións públicas en actos de todo tipo, conferencias, algunhas en sitios insospeitados, no medio do monte, como di el na introdución ao libro.

Por aquelas datas, intuímos tamén que descubrindo a Rosalía era posíbel  descubrirmos un xeito  de ser rosaliano, onde non quedaba lugar para a simplificación en ningún eido da vida nin no máis íntimo nin  no ideolóxico. En Rosalía estaba todo, un universo complexo que ía desde o social ao máis particular, que nos permitía abrirnos á comprensión de moitos conflitos  que aínda desacougan ao ser humano. Mais, por riba de todo,  estaba  o exemplo, a actitude de rebeldía e de transgresión dunha muller que  expresaba case todo o imaxinábel desde a lingua dos oprimidos e para a pervivencia da patria. Que chegaba -como puidemos ir descubrindo pouco a pouco- até a beira dos abismos, dos misterios e do inefábel....

A partir do ano 1983, o labor investigador de Francisco Rodríguez, sustentado en fondas conviccións, vai dar o salto cualitativo definitivo:  a necesidade de contrastar con datos extrínsecos  e contextualizadores  o que xa era unha interpretación avanzada do sentido da obra rosaliana. Un traballo cheo de entusiasmo -tamén de dificultades, segundo lembramos-, de tenacidade, que deu como resultado a súa tese de doutoramento, publicada comoAnálise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro en 1988,  tamén pola AS-PG. Foron moitas as horas de empeño nas que o autor analizou os materiais (xornais, revistas) de máis dunha ducia de arquivos e hemerotecas en Galiza e no resto do Estado. O tribunal presidido por Carvalho Calero e composto por Pilar Vázquez Cuesta, Claude Henri Poullain, Xosé Ramón Barreiro e Anxo Tarrío foi unánime ao salientar o importante acontecemento cultural que representaba este  fito renovador nos estudos rosalianos. Supoñía, como nós dixemos tamén, devolvernos ao camiño da imaxe real de Rosalía, podendo establecermos un antes e un despois desta peza clave da historiografía literaria galega.

Naquel momento sinalamos que estudos desta dimensión só son posíbeis en quen dispón non só dunha metodoloxía axeitada, senón tamén dunha sólida e interdisciplinar formación (historia, economía, filosofía, psicoanálise...). En moitos casos cubrindo carencias, indo ás fontes máis directas, como no terreo histórico en que se constata o escasamente estudados que están algúns  fenómenos da historia de Galiza.  Francisco Rodríguez  xa daquela denunciaba nesta obra que a historiografía galega non se tivese ocupado en condicións de ordenar o interesante debate sobre causas e consecuencias da emigración no século XIX con ampla presenza na prensa da época, e que daría para un amplo volume.

No momento da súa publicación, Pilar García Negro, nun artigo titulado  "Rosalía de Castro na visión de Francisco Rodríguez" (A Nosa Terra, nº 370) sintetizaba os principais méritos e aportes daquel estudo: 1) a presentación dunha panorámica histórica  crucial  en que se desenvolve a vida de Rosalía   e  contextualiza a xénese da súa obra; 2) a consideración da novelística de Rosalía (inxustamente marxinada e deostada por outros críticos) como fundamental para entendermos o seu pensamento; 3) a proclamación sen ambigüidades do feminismo rosaliano; 4) a profundidade con que se estudan os poemarios e nomeadamente as partes máis herméticas de Follas novas e En las orillas del Sar; 5) a necesaria aclaración, lonxe de simplificacións, da dualidade lingüística e do proceso de enterramento e beatificaciónpost mortem. Curiosamente a autora facía unha reflexión sintomática a raíz do desinterese das esferas académicas polo estudo da nosa literatura, sinalando que era a primeira tese sobre Rosalía realizada por un galego e defendida na Universidade galega.

O libro que hoxe nos ocupa é unha reinterpretación máis profunda, con ampliación das achegas contextualizadoras, de análise e interpretación. Sen dúbida é o estudo máis completo -non só no plano cuantitativo (máis de setecentas páxinas)- e profundo dedicado a Rosalía. Conta cunha aleccionante  introdución  (A descuberta dunha nova Rosalía)  e cun suxestivo colofón no capítulo 10 (Rosalía, lirio na  rocha). Neste último revélanse aspectos  sorprendentes e pouco coñecidos  até o de agora, moitos deles tirados da correspondencia do casal Rosalía-Murguía e que constitúen parte substancial  do que o estudoso denominaría "unha biografía profunda".

Unha alternativa, para o público  interesado  polas perspectivas máis biográficas, pode ser comezar a lectura por este mesmo capítulo 10 que ilustra moi ben moitas claves para entender a Rosalía. A parte historiográfica na que se analiza o período de case cincuenta anos  que vai  de 1837 a 1885 e mesmo máis alá (referíndose ao proceso de asimilación posterior á morte), resulta fundamental para a contextualización da obra de Rosalía e diríamos tamén para entender ben o noso século XIX.  Na análise das obras mantense un enfoque semellante  que parte da xénese da obra, analiza a estrutura externa e interna na procura do seu sentido e  compleméntase coa función e vida social da obra mesma.

Lembro que a  finais de 1988, a pouco de publicarse  a tese de doutoramento de Francisco Rodríguez a que antes nos referimos, comentábase con sorpresa desde o xornal La Voz de Galicia o éxito  dun libro como este que conseguira instalarse en cabeza no ranking  de máis vendidos. Con certa ironía atribuíase  á "existencia dun público incondicional que ten este profesor de literatura inmerso e protagonista  da voráxine do nacionalismo galego contemporáneo".

Pois da mesma maneira  que procedemos daquela, ante a pasividade do mundo oficial, o silenciamento e a manipulación,  procedamos agora  alentando a difusión desta peza clave na obra colectiva de recuperarmos a Rosalía para o pobo galego e para recoñecérmonos nela como galegos e galegas

domingo, 3 de abril de 2011

Gaga-A-eLe- EGO

 "El Puto Coke",que despois de 16 anos rimando presenta o seu novo traballo, do que se pode ver o primeiro videoclip, 'GgAaL-EGO', unha declaración de principios musical cun lema: 'O galego é práctico'. (+)

sábado, 2 de abril de 2011

O polbo de Anxo Lorenzo

O cinismo da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) non ten límites.
Na presentación dun vídeo sobre a vida dos cefalópodos nas rías galegas e no que colaborou a SXPL,  teñen a falta de vergoña de declarar que este proxecto demostra o "especial interese deste departamento por dotar os centros de materiais de calidade que lles permitan aos docentes traballar en galego en distintas áreas, co fin de facilitar o seu labor educativo e mais de mostrar a utilidade da nosa lingua en calquera campo do saber" (sic).
Efectivamente, tanto é o interese da SXPL por dotar de material en galego que é a principal defensora da retirada dos libros en galego e da prohibición da impartición das clases de ciencia nesa nosa lingua.
Efectivamente, tanto traballan na SXPL pola extensión do uso do galego que hai máis facilidades en Cataluña ou en Inglaterra para ter clases de matemáticas en galego que nun instituto de, por exemplo, Moaña ou Cee.
Efectivamente, tanta é a implicación da SXPL na achega de material en galego que un total de 48 unidades didácticas de factura impecable e que abarcan todo o temario da ESO en matemáticas, tiveron que ser elaboradas en galego  grazas á colaboración dun grupo de profesores co  proxecto Descartes do Ministerio de Educación, sen que nin a Consellería de Educación nin a SXPL apareceran mais que para poñer atrancos.
Efectivamente, tanta é a ansia da SXPL por facilitar o labor de - poñamos por caso- os profesores de matemáticas, que fará todo o posible para que no repositorio de contidos do proxecto abalar só haxa materiais en castelán, cando deberían saber que os recursos máis útiles, os que mellor aproveitan as ferramentas TIC e os de mellor factura didáctica que engadiron a ese proxecto están tamén en galego.
Por iso, señor Anxo Lorenzo, se o balance normalizador no ensino se resume na axuda á edición dun vídeo sobre o polbo,  eu preferiría que o polbo fose o secretario xeral de política lingüística pois estou tan seguro de que peor non o ía facer como de que o vídeo suvencionado pola SXPL non se vai ver en ningunha aula.

'Pulpo' á feira

por Manuel Núñez Singala, n´A Nosa Terra, quen nos explica que o galego é unha lingua, e non un barallete... polo de agora. Recoméndoo.


As linguas posúen en esencia tres grandes formas de desaparecer: unha delas é a transformación, como no caso do latín, que deu lugar á familia de linguas romances. A transformación adoita ser un proceso dilatado de acumulación de pequenos cambios que provocan que unha lingua acabe por converterse noutra ou noutras diferentes. Outra maneira de desaparecer é a extinción, que pode ter múltiples causas, ser máis rápida ou máis lenta, pero que chega de xeito inevitable cando morre o último falante de calquera idioma. E hai aínda unha terceira forma de desaparecer: a substitución. Unha lingua chega de fóra e implántase nunha determinada comunidade e, tras un proceso de coexistencia de duración variable, a lingua orixinal acaba esvaecéndose na intrusa. A lingua invasora acaba absorbendo á nativa.
Isto comeza a ocorrer cando algúns falantes, en principio os menos conscientes da súa propia lingua, empezan a permitir que o outro idioma invada o seu. Daquela pódense oír frases como “Dásme un ghueso para o caldo?” ou “Quita a sartén do lume” ou “Caín no suelo”. Co tempo este tipo de barbarismos toman corpo e xa non só se oen, senón que tamén se ven: “Temos huevos da casa” ou “Pulpo á feira” ou “Dios diante”. Os usos escritos tenden a lexitimar o erro e a facilitar o seu asentamento e avance.
E este proceso acelérase cando aqueles aos que a cidadanía lles supón coñecementos e posúen responsabilidades de goberno conseguen que o barbarismo acabe converténdose nunha auténtica barbaridade: as “Festa dopulpo” (hai máis de unha) e o “Leite galega” son exemplos que teñen unha enorme e nociva proxección, e que, para dicilo coas súas palabras, “Marcan adiferencia”.
Por iso é importante que aquelas persoas que aprecian o noso idioma fagan o esforzo de empregalo con corrección, de preservar a súa calidade, de lle prestar a atención que merece. Digo isto porque coñezo xente sinceramente preocupada pola lingua que non parece comprender de xeito cabal a importancia de empregar un galego correcto, adeptos dun “todo vale” para a lingua que sen se decatar e malia a súa boa intención están a alimentar o proceso de substitución.

A falsa dimisión de Anxo Lorenzo

por Cris Moss, no Xornal:


“O 1 de abril van os burros onde non deben ir”. Con este refrán alúdese en Galicia á celebración do Día dos Enganos, unha festa que agora se recupera no país e que leva anos asentada noutras zonas de Europa como, por exemplo Portugal. A idea non é outra que unha especie de Día dos Santos Inocentes.
Non foron poucos os blogs e páxinas webs galegas que, coa intención de bromear, lanzaron algunha noticia inventada en Internet. Mínimos foron as que picaron, aínda que a habilidade mentireira dalgúns dese máis que un susto nalgúns ámbitos. Para exemplo, a bitácora echeoquehai.tumblr.com, coñecida xa na blogosfera galega.
A devandita web colgou unha suposta carta de dimisión do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Tan ben feita estaba esta carta, que foron moitos os que creron a información. Tantos que disque ata no Consello da Cultura pensaron nun principio que Lorenzo deixaba o cargo. Non era así.

E ti, por que o falas?

Esta é a cuestión que propoñen como resposta aos que nos prenguntan por que falamos en galego. Trátase dunha nova campaña da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, CGENDL, que volve a ser un novo acerto. Trátase de que inicidir no fundamental: facernos ver o prexuízos lingüísticos para crearmos un coiro contra eles. Con este fin abriron unha nova sección no seu web cunha chea de recursos didácticos, experiencias,  unha pegatina da man do debuxante Fran Bueno e unha bolsa de recepción de respostas á cuestión: e ti, por que falas o falas?
A escolla dos materiais didácticos é impresionante. Na CGENDL fixeron unha escolma dos mellores recursos da arañeira da rede que de por si merece ser unha visita obrigatoria para todo aquel que poña algunha vez un pé no asunto da normalización.

E a anirmarse a participar.

venres, 1 de abril de 2011

Domingo Fontán, matemático sublime

Este artigo de Suso de Toro non ten unha relación directa co tema que se trata neste blogue, mais si explica algunha das razóns do mesmo. Se un día, sen moito tempo para o pensar tiven a ocurrencia de poñerlle o título de Carta Xeométrica foi precisamente polas cuestións que comenta Suso de Toro aquí abaixo e entre as que están unha das páxinas que segundo o meu punto de vista é das máis emotivas de toda a literatura galega, na que o tío cura de Adrián Solovio ás portas da morte solicita que lle acheguen a Carta Xeométrica de Fontán para, case cego, poder apalpala e sentir a alma da terra por última vez en vida. No diario El País:


Galicia ou Galiza é e mais foi unha preocupación, unha pasión ou mesmo unha obsesión para moitas persoas. Houbo un tempo no que para algúns a semente desa preocupación prendeu neles coa xeografía, en vendo por primeira vez un mapa, a Carta Geométrica de Galicia de Domingo Fontán.
Adrián Solovio, o personaxe en que se retrata a si mesmo Otero Pedrayo na novela Arredor de si, remata a súa peregrinación por España e Europa diante do leito no que está a finar o seu tío, quen lle pide que ilumine coa candea o mapa de Fontán para que el poida pasar a a súa man polos nomes dos lugares coñecidos. E así é como comeza a nova vida de Solovio, descubrindo Galiza no debuxo exacto do país. Cunqueiro lembra que o tropezou un día nos corredores do instituto de Lugo: "Fue mi gran encuentro con mi país gallego: allí estaba mi tierra, la tierra de mi vocación y de mis días, la tierra temporal y la eterna [...]. Allí me detuve a contemplar las comarcas conocidas [...]". E Castelao fixou no Sempre en Galiza, "para uns a Terra é o pequeno berce no que naceron: apenas un fermoso val [...]. Para outros, a Terra é tan grande que soamente alcanzan a vela no mapa de Fontán". A imaxinación da xente de aquí ten un lugar para esa idea poética, "a Terra", mais quen lle tirou un retrato axustado por primeira vez foi o matemático Domingo Fontán Rodríguez.
Naceu na Porta do Conde, concello de Portas, no 1788. Estivo en Noia, ao pé do seu tío cura que o educou en saberes moi diversos, conservou toda a vida ese interese polo estudo de cousas tan disímiles como a teoloxía, a matemática, as leis, a lingua francesa, a filosofía, a lingua castellana e todo o referente a Galiza. Fontán foi o retrato calcado dun humanista. Matriculouse en Filosofía e entrou así na Universidade de Santiago, á que pertenceu boa parte da súa vida, e incorpórase aos grupos liberais da cidade. Humanista e liberal, implicado na loita política. Iso tróuxolle serios problemas persoais e profesionais en distintos momentos da súa vida. E iso, tras a chegada do reaccionario rei Fernando VII, conduciuno a el e a outros profesores membros da masonería santiaguesa ante un tribunal universitario acusado de "formar parte del número de los corifeos del Partido Liberal (o lo que es lo mismo, de los traidores al Rey)". Foi absolto da acusación e conservou a praza de profesor universitario nesa ocasión, anos máis tarde sería novamente sancionado e "purificado".
Foi discípulo de José Rodríguez González, "o matemático de Bermés". Rodríguez impartira aulas na universidade de Gottinga, fixera medicións xeodésicas para a armada británica, ensaiara a triangular o meridiano entre Dunkerke e Barcelona, fora convidado polo tzar das Rusias para astrónomo e recibira os encargos de levantar o mapa da Península e fixar un novo sistema de pesos e medidas. Tamén recibiu represalias polo seu compromiso coas ideas liberais. Pódese dicir que a posterior vida pública de Fontán vai ser unha continuidade plena da do seu mestre, os mesmos ideais e afáns. Até foi calcando os seus pasos profisionais: gañou a praza de catedrático de Matemáticas Elementais e ao ano seguinte ocupa a cátedra de Rodríguez González, "Matemáticas Sublimes".
E do seu mestre recibiu a súa gran tarefa, levantar a carta de Galiza segundo un método científico, a triangulación xeodésica; o sistema de medición co que xa se deseñara o mapa de Francia había tempo e co que se estaban a deseñar os doutros reinos europeos. Sen outro respaldo que o da universidade e as achegas dalgúns amigos, o mapa é unha fazaña científica prácticamente solitaria. "Levantar la Carta Geográfica de un reino es emprender una obra original en su clase, y en nada parecida a los mapas que diariamente se publican. No se recurre para ello a datos ajenos cuya exactitud no esté comprobada; es forzoso adquirirlos sobre el terreno, trasladándose a el para dibujarle; elegir las estaciones o vértices de los triángulos que a manera de una red han de abarcar toda su extensión [...]".
Un traballo de tal envergadura que tiña de ser realizado por un só individuo obrigouno a ir pouco e pouco e dun xeito moi doméstico. Comezou establecendo a primeira estación xeodésica no pombal dun amigo nunha aldea do concello de Ordes. A continuación, en 1817 fai a medición astronómica e xeométrica da torre Berenguela, tres anos despois comeza a triangulación do territorio. Foron moitos esforzos interrumpidos facendo campañas de verán, aproveitando as vacacións universitarias, que concluirán en 1834, cando lle entrega formalmente a Carta á raíña rexente María Cristina. "[...] aspirando tan sólo a ser útil a Galicia consagré a este objeto mis ahorros, mi salud y mis tareas científicas por más de docena y media de años, logrando resultados que sabrá apreciar la posteridad cuando se sometan á la censura pública la Carta Geográfica de este antiguro reino y las operaciones que le sirvieron de base [...]".
Aínda había ter dificultades para poder imprimir a Carta coa escala desexada, véndose obrigado a viaxar a Francia para supervisar o traballo. Porén, unha vez finalizada comezou unha nova época na cartografía española caracterizada polo rigor científico e, tamén, pola introdución do sistema métrico decimal.
Con todo recibir represalias e atrancos da monarquía reaccionaria, na demora dos traballos de medición para a Carta tamén influiu a súa actividade en toda canta cousa pública había. Alén do traballo universitario e das medicións xeodésicas, foi secretario da Deputación Provincial de Galicia en 1820 e cando o Reino foi dividido en catro provincias pasou a ser secretario da Deputación da Coruña. No 1826 encargóuselle a delimitación municipal e xudicial da Galiza e tres anos despois o trazado de todas as estradas que eran para abrir, Fontán foi non só quen retratou o territorio do país senón o deseñador das súas comunicacións. Posteriormente, en 1860, trázase a liña do primeiro camiño de ferro entre Santiago e Carril e o enxeñeiro Tomás Rumbal recoñece que é "sacado del excelente mapa de Galicia hecho por el distinguido señor Don Domingo Fontán".
Foi tamén un político activo, deputado por Pontevedra, por Lugo e por Pontevedra novamente. A ideoloxía que formou a Fontán, do mesmo xeito que aos seus contemporáneos liberais, aínda non contemplaba a Galiza politicamente, mais o seu coñecemento polo miúdo da situación que vivía o reino deulle unha visión que podemos chamar galeguista. Así, o seu inxente labor como deputado fíxoo conscientemente desde un "perspectivismo político gallego".
E foi un empresario non menos activo en distintos momentos da súa vida. Xunto co seu irmán, herdou do seu pai e do seu tío, o cura de Noia, accións nunha papeleira en Lousame. Ambos os dous irmáns acabaron por facerse con toda a propiedade da empresa. O seu enderezo en Compostela almacenaba toneladas de trapos vellos para facer papel. Puxou tamén pola contrata para ser o distribuidor de papel na provincia da Coruña. Por eses anos, fíxose retratar por Esquivel, o pintor real, mostrando orgulloso o seu compás na man sabia. Aínda había participar nunha empresa que simbolizaba as arelas de progreso e os novos tempos, xunto con outros dous socios conseguiu a concesión do ferrocarril compostelán. Aínda fará un último estudo para a construción dun ferrocarril entre Santiago, Betanzo e Ferrol.
Polo medio innúmeras tarefas, encargas e responsabilidades. Bibliotecario e presidente da Sociedade Económica de Amigos do País santiaguesa, membro da Societé de Geographie, director do Observatorio Astronómico de Madrid, da Escola de Enxeñeiros e Xeógrafos... Morreu nos baños de Cuntis a onde acudira por aliviar as dores dunha "cistite aguda", segundo o diagnóstico médico. "A las diez de la mañana del día veinte y cuatro del mes de Octubre, año de mil ochocientos sesenta y seis, fue servido Dios nuestro Señor llamar a juicio el alma de Don Domingo Fontán", escribiu o párroco. Caso de haber ese xuízo os vivos deberiamos acudir a testemuñar que foi un galego bo e xeneroso e que, se por el for, o noso país había estar doutro modo de como está.

Aznar tóxico

Por Davila:

O segundo enterro de Castelao

Manuel Rivas, reivindicando a Castelao, o ano de Castelao, e tirándolle das orellas aos que renegan de Castelao, no diario El País:


"Castelao era o símbolo humano das arelas morais do seu pobo... A alma galega descóbrese a si mesma coa súa nidia pureza esencial na personalidade humana de Castelao". Quen escribe isto? Quen sinala así un nome que escintile de tal xeito no ceo libre da historia?
Quen fai a escolla non era ningún fanático de Castelao. Non era un incondicional. Pola contra mantivo con el unha relación en especial dramática, dolorosa, pois esgazou en parte o mundo do exilio e o da resistencia interior. Ramón Piñeiro, moito máis novo en idade, non partillaba todas as decisións de Castelao, en particular a estratexia para derrubar a ditadura. Mais iso non o cegou. Tiña un problema oftalmolóxico serio, os seus lentes semellaban reproducións de petroglifos de circos concéntricos, mais tiña unha boa vista para o acontecer histórico e para avaliar a calidade humana.
Por iso, o fundador de Galaxia, o home que encarnou o galeguismo práctico, o que era quen de amansar coa lóxica espiral da voz a tipos rudos como Rosón ou Fraga, cando tivo que escoller o gran referente moral do seu pobo escribiu unha biografía así titulada:Castelao.
Velaí temos a un xuíz esixente, tamén consigo mesmo, tal era Piñeiro, a escoller a Castelao non para metelo nesa manga ancha dos "bos e xenerosos", senón para presentalo como "o símbolo humano das arelas morais" de Galicia.
Hai un bo poema de Virgilio Giotti que se titula Siroco e que di así: Un pocheto te 'speti / se anca xe la tua ora, /ti, inverno. La foiuzza / rossa la xe là ancora. É dicir: Aínda que sexa a túa hora, espera un pouco, inverno. As follas vermellas aínda non caeron.
Si, espera un pouco, non te vaias, ti que no Parlamento galego votaches en contra de que este 2011 fose declarado Ano Castelao, como correspondía polo 125 aniversario do seu nacemento e pola obriga de desenvolver a resolución, aprobada hai un ano, de declarar Ben de Interese Cultural a súa obra.
Se se declarase o 2011, como cumpría, Ano Castelao, sería un ano normal. Un país que honra o que noutros chaman "pai fundador", como nos Estados Unidos de Thomas Jefferson ou Benjamin Franklin. Es ti, ao negalo, o que estragas o tempo. O que volve a enterrar o noso mellor símbolo de valor humanista.
Si, espera un pouco, home, non te vaias. Ao cabo, o que ti esteas aí, o que exista unha autonomía, cun Parlamento autónomo, débesllo a el e á xente como el. Non sei como serás de deputado, pero dígoche unha cousa: Es macanudo tirando pedras contra o propio tellado!
Honrar ao autor de Sempre en Galiza sería, segundo ti, apoiar "un traballo da ideoloxía nacionalista". E aínda máis: "O PP sabe que o nacionalismo é inherente a Castelao como a noite é o día". Pero, home, sempre estás a pensar no mesmo? Es ti, noite e día, o que todo o reduce a ideoloxía. Non é doado achar un espírito máis solidario, máis internacionalista, que o que Castelao mostrou en obra e vida. O final da súa biblia é o máis acabado programa federalista: un goberno mundial para unha confederación planetaria. É dicir, unha ONU de verdade. A súa mente era a dun Bertrand Russell, un Gandhi ou un Martin Luther King. Non é de estrañar que, despois de facer o albume de Harlem, en Nova York, fora nomeado presidente honorífico das sociedades en loita contra o racismo.
Era un patriota, si. E foi despoxado da súa patria. Non tiña nin eira nin beira. Vostede cobra por selo. Respecte o seu nome. Non cuspa ao ceo.
Pero hai algo máis que aclarar.
"En poucos artistas será máis traballoso de arredar a vida da obra, o pensamento dos feitos. Foi un artista integral".
Quen escribe isto? Quen fai esta afirmación que contradí a de tantos paifocos?
Non é tampouco un fanático de Castelao. Nin un incondicional. Foi unha persoa que lle causou moita dor, que esgazou o Partido Galeguista cando aínda estaba viva a República, que se sumou ao franquismo. E á marxe desas circunstancias, foi un sabio de moitos saberes. Quen escribiu iso foi un home de dereitas: Xosé Filgueira Valverde.
Así comeza unha das súas lembranzas, a titulada Castelao, o humanismo, publicada nesa arca de sabedoría que son os tomos de Adral: "Cando falamos do humanismo de Castelao non encaramos somentes esa faceta intelectual do cultivo de esprito que se avigora co achegamento ás mellores creacións e que sabe vibrar diante elas e as corresponde, senón que nos referimos ao home enteiro que foi, e que mostrou, en cada un dos seus logros, que a súa personalidade era superior (...) Fixo sorrir, e chorar, e profundar..."
Mire por onde. Tamén vostede, un dos que decidiu enterrar por segunda vez a Castelao, provoca esa reacción. Fainos sorrir, e chorar, e profundar.
Sorrir. Entre outras cousas, pensando no que faría Castelao ante este espectáculo que nos recorda o aforismo de Stanislaw J. Lec: "Pobre terra! Todas as nosas sombras caen sobre ela".
Chorar. Porque comprobamos outro aforismo, este de Mark Twain: "A diferenza entre unha trola e un gato é que o gato só ten nove vidas".
E profundar...
Hai un libro que se titula Fantasmones rojos: la venjança falangista contra Catalunya (1939-1940), publicado por Acontravent, en 2009. Chegou ás miñas mans grazas a ese extraordinario vedoiro galego en Barcelona que é XGG. Trátase dunha escolma de contido arrepiante: unha serie de "biografías" que certos xornalistas publicaron na prensa fascista para destruír a honra de persoas relevantes só polo feito de seren leais á República. Un dos elixidos para ser aniquilados simbolicamente, xa que non o tiñan a man, foi precisamente Castelao. O autor daquela ignominia tiña nome galego: José María García Rodríguez. Presentábase como poeta, narrador e crítico de arte. O personaxe non deixou nada que mereza perder un minuto. Todo fede. A tinta era veleno líquido.
Non foi o único.
Castelao sobreviviu a toneladas de veleno e prexuízos.
Profunda un pouco, ho. Xa vai sendo hora de cambiar de disco.

Corso contra galego

A gran maioría da poboación ten asumido o discurso de que mediante o sistema autonómico derivado da Constitución gozamos dun alto nivel de autogoberno e que ese mesmo autogoberno é o que nos leva a termos un sistema de promoción do galego máis que suficiente.
Todo o mundo sabe do centralismo francés e o que iso implica en cuestión de linguas. En Francia o catalán, o corso, o occitano, o franco-provenzal e o vasco teñen menor consideración que as linguas estranxeiras. Porén  na edición deste ano do Festival de Eurovisión terán como representante unha canción en corso mentras que Lucía Pérez,  a cantante galega que representará a España nese festival, vai facelo cunha canción tan hiperespañola que ata o título ("Que me quiten lo bailao") non só non lles chegou con botar man da fraseoloxía do castelán senón que o remachan cunha aberración gramatical.
Non se pode negar a zunia lingüística francesa polo que, en virtude dos feitos, cal é o conto que nos temos que aplicar aquí?

xoves, 31 de marzo de 2011

Aspaña eforra

Ao ver o disparate polo blogue d´O demo me leve, fun dereitiño á web do Ministerio de Industria, e alí estaba, fachendoso ese EFORRAR.
Isto nunca lle pasaría a Carlos Negreira pois nunca intentaría escribilo en galego. De todas formas vai para a foto-denuncia.