Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 26 de xullo de 2012

A lingua española nos Estados Unidos: o autoodio

por Xurxo Martiz Crespo en Terra e Tempo:


Falar español en EUA é unha desvantaxe. Visto desde o noso país, Galiza, sabemos que significa a submisión ideoloxía e sociolóxica á lingua do poder
A lingua española en Estados Unidos (EUA) está de moda... pero fóra. O Estado español e o seu Instituto Cervantes son responsábeis desa falsa idea, estendida principalmente en España, de que a lingua española (non a castelá, que ninguén sabe que é iso en EUA) goza de millóns de falantes, verdadeiro, e que goza de boa saúde: falso.

Falar español en EUA é unha desvantaxe. Visto desde o noso país, Galiza, sabemos que significa a submisión ideoloxía e sociolóxica á lingua do poder. O español en EUA é coma o galego na Galiza, desde logo salvando as mil distancias que representa que o galego é a lingua de propia de Galiza (e non o español) e que cando se fala español en Estados Unidos fálase unha lingua que é (Puerto Rico, territorios estremeiros e roubados a México) e non é propia do territorio estadounidense.

Os teóricos do desleixo e rexeitamento do español por parte dos descendentes dos hispanos[i] en EUA aseguran, entre outros factores, que a escolarización en inglés, o sentimento diario, real, de que a lingua española é unha lingua de segunda en EUA, non apta para o estudo universitario, para os bos traballos ou para aspirar a algo mellor, determina esta fuxida masiva dos hispano falantes cara ao inglés.

O principal inimigo do idioma español en EUA: os hispanos

En 1986 California declarou o inglés como idioma oficial do estado, unha decisión política que reflectía o rexeitamento ás linguas que non fosen o inglés. En 1998 os californianos refrendaron a proposición 227, English Language in Public Schools (O idioma inglés nas escolas públicas) que oficialmente suprime o ensino público bilingüe e foi aprobada o 2 de xuño de 1998.

A partir do 31 de agosto de 2012 o inglés substituirá progresivamente ao español como lingua do sistema de ensino público de Puerto Rico, nun plano a desenvolver nos próximos dez anos. Segundo Edward Moreno Alonso, secretario de Ensino de Puerto Rico: «Trátase dunha demanda dos pais».

As razóns do rexeitamento dos hispanos a manter o español como lingua veicular (fóra da casa) son as anteriormente expostas, ademais de que o ensino bilingüe tivo un impacto claramente negativo na integración dos estudantes hispanos na sociedade estadounidense, pero iso non foi polo español, senón polo estatus de lingua marxinal que ten o español fóra de ambientes predeterminados dos que é imposíbel saír.

É verdade que existen grupos interesados (e concienciados) na permanencia da identidade cultural (impensábel sen a lingua) dos hispanos dentro de EUA, pero a historia das políticas migratorias[ii]e a realidade fan que estean sentenciados ao fracaso. Os hispanos están mergullados no inglés, e cando se lles pide o voto, o discurso en español queda relegado a catro frases pronunciadas como Madonna na «Isla bonita».

O principal inimigo da lingua española en EUA non son as teorías racistas, vernizadas de tratados histórico-sociolóxicos, como por exemplo, do teórico racista Samuel P. Huntington[iii], pai do chamado «choque de civilizacións» senón os propios hispanos, como vemos no caso de California e de Puerto Rico.

Os modernos teóricos[iv] da identidade cultural en Estados multiculturais, entre eles o inefábel filósofo alemán Jürgen Habermas, defenden o modelo estadounidense do multiculturalismo e do pluralismo, cando na realidade eses dous conceptos relegan as diversas identidades culturais e idiomáticas á vida privada (agochadas cínica e interesadamente para diluílas e rebaixalas) e asumen que na esfera pública, exceptuando algunhas mostras toleradas[v] de etnicidade, debemos «aparcar» esas identidades e interactuar nun espazo culturalmente neutro (que non é neutro senón o da cultura dominante: o inglés) no cal todos sexan «americanos» e non estranxeiros na súa propia terra.


[i] Para facer patente o total divorcio que existe entre un español e un latinoamericano na mente dos estadounidenses en EUA, cómpre dicir que un latinoamericano é «hispanic» e un español «spanish». Moitos deles non poderían asegurar que un español fale español, pois pensan que é a lingua propia dos «hispanic». [ii] A angloconformidade era un dos alicerces da política de inmigración de Estados Unidos, na cal prevalecía a capacidade de adaptación, aprendizaxe do inglés e do sistema de vida estadounidense. Desta angloconformidade estaba excluída a inmigración chinesa pola súa persistencia en non abandonar nin a cultura nin a lingua propia. As imaxes dos filmes de italo-americanos, grego-americanos etc, son só imaxes. En EUA non existen comunidades de segunda ou terceira xeración que manteñan nada que os vencelle ás orixes idiomáticas ou culturais dos seus avós. Por suposto, a excepción son os xudeus. [iii] Profesor de Ciencia Política da Universidade de Harvard. [iv] Coa honrosa e intelixente excepción do canadiano Will Kimlicka. [v] Folclore, pintoresquismo tipo Coros y Danzas de la Sección Femenina de la FE y de las JONS. Ou trapalladas arrepiantes coma a Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario