por Xaquín Campo Freire en Sermos Galiza:
A tía Sabina de Agramonte, a nosa costureira cando ficamos sen nai, era unha muller sumamente intelixente. Hai que saber ler para hoxe e para o futuro, dicía. Coleccionaba historietas dos cegos. Catro por unha peseta na feira de Parga. E logo sacáballe punta a todo. Velaquí, en síntese, dúas delas e uns ganduxos de reflexión para chegarmos ao fondo da vida
Había unha vez un sitio, Galiza, que tiña un tesouro. Estaba na Catedral de Santiago. Uns polos outros, aquilo non estaba seguro. Un electricista, facía choiadas alí, e tivo a feliz idea de levalo un ano para a súa casa. Todos a laiar a inmensa perda do Códice. Descubriron e botáronse, coma tolambróns, contra del e da súa familia.
Reflexión da tía Sabina: Fixo máis por ese tesouro o electricista do que todos os xerifaltes civís e eclesiásticos, pobo galego incluído. Non son de loanza os métodos. Porén, dado que o coidou, non o vendeu, nin lle fixo dano, grazas a el e á súa familia todos soubemos de que tiñamos un tesouro moi antigo e de moito valor. Antes, só catro sabidos enchían a boca falando del para darse o pote e deixarnos pampos coas súas palabras requintadas. Agora está de novo na Catedral.
Por eses mesmos tempos había un pobo, Galiza que tiña lingua e cultura de seu. E chegou un señor chamado Feijoo e comezou a desprestixiala, mesmo a atacala. “Se eu chego a mandar, eliminarei as leis que regulan esa lingua.” E escolleu a un tal J. Vázquez que tivo a feliz idea de destruír milleiros de libros de matemáticas e outros do ensino, para que os mestres non puidesen aprenderlles por eles ao nenos. E fixo moitas outras cousas. Os meniños ata os cinco anos non debían escoitar nunca esa lingua dentro dos centros do ensino. Axudoulle un señor Lorenzo que disque era moi entendido nesa lingua e nesa cultura. Andaban todos eles moi amoucados. Tiñan detrás, por arriba e por abaixo un sector moi sectario que sempre tiveron a menos aos seus devanceiros que só falaran nesa ‘maldita’ lingua de crases populares dese país. Cando dicían algo “en país” eran patéticos: “Desván de los Monjes”, bilingüismos harmónicos, e outras andrómenas como as dunha tal Lago con Los Caramiñales y Las Ribeiras. Porén, o pobo, salvadas as minorías, tragou o anzó de non lle dan valor ao tesouro e repetían o retrouso: “E total o galego non val para nada”. Xa o dixeron os da Xunta. E o mesmo Valedor do pobo censurou a un profesor por escribir que a lingua propia da Galiza é o galego. Tiña escrito que pobo é o único que fala, cando menos dous idiomas. Pero só eles. Non lle valeu de nada.
Reflexión da tía Sabina. O electricista pagou duro por facer máis famoso o Códice Calixtino. Conservouno intacto, sen rompelo nin manchalo. Temos o tesouro. Aí está de novo na Catedral. El fixo que todo aquel pobo da historieta soubera que desde moi antigo había un camiño famoso polo que se chegaba Á Galiza, a Jacobusland.
Os do segundo cantar de cego esnaquizaron o tesouro da lingua, xa sen posibilidades de reparación. Non só destruíran o tesouro. Tamén destruíron a catedral: o pobo falante. Xa non hai pobo onde deixala de novo. Non a valora, non a estima, non a fala. El que foi quen a creou, fixo medrar e foi transmitindo esa riqueza: O patrimonio espiritual de poder ter fala de seu en calquera lugar.
Estes fóronse para as súas casas sen que ese pobo se decatara da riqueza destruída. Coma no mito de Esaú: E todo por unha cunca de lentellas. O poder corrompe.
Vós non sexades así. Aprendede a valorar e gardar os verdadeiros tesouros que temos. Grazas, tía Sabina. Sabe máis a costureira da aldea do que mil deses fantoches.
Diríao máis alto pero non máis claro. Menos mal que hai moitas tías Sabinas e menos fantoches, é unha pena que as cotas de poder as alcancen sempre estes últimos, que outro galo nos cantara...
ResponderEliminarPois eu pola rúa vexo máis fantoches que tías Sabinas... ou iso me parece. Será que os primeiros son máis chamativos e as segundas pasan máis desapircibidas.
ResponderEliminar