Se un accede ao espazo reservado aos
'Recursos didácticos' dos
EDL (Equipos de
Normalización e Dinamización Lingüística) do web da SXPL (Secretaría Xeral de Política
Lingüística) verá a imaxe que se presenta aquí. Nela destaca un recurso presentado co título
"Temos un problema". Trátase dunha colección de 600 problemas de matemáticas (100 para cada curso de primaria) do CEIP López Ferreiro. Porén, non era que a lingua en que se deben explicar as matemáticas é o castelán? Non é iso o que di o funesto decreto 79/2010 co que tanto empeño defenden a SXPL e a Consellería de Educación? Claro que o problema pode estar en que este decreto vai directamente en contra do establecido no PXNL (Plan Xeral de Normalización Lingüística) aprobado unánimemente por todo o parlamento e que explicitaba precisamente que as clases de matemáticas e as de ciencias en xeral, por mor do seu prestixio social, fosen precisamente as máis indicadas para se impartiren en galego. Ou pode ser que o problema sexa que a SXPL ten que cumprir co mandato estatutario de procura dun estatus normalizado para a lingua galega, e que a imposición das clases en castelán vai en contra deste precepto. Mais tamén pode ser que o problema sexa que ese tal decreto, o 79/2010, fose aprobado en contra de todo acordo cos axentes sociais implicados na educación, ou que o
Consello Escolar aprobara unha enmenda á totalidade dese decreto, ou que o
Consello Consultivo emitira un extenso informe negativo indicando unha chea de problemas legais. Quizais o problema resida en que ningún sindicato apoiara o nomedado decreto, ou que fose motivo dunha das maiores manifestacións convocadas en Galicia. Quen sabe! pois incluso pode ser que o problema pode estar en que unha institución tan sospeitosa como a
RAG manteña un recurso contra o decreto 79/2010.
Eu intúo que unha medida tan regresiva como o da imposición de clases en castelán nunha sociedade tan necesitada de apostas normalizadoras como a nosa ten que provocar conflitos incluso na propia SXPL. Non pode ser doutro xeito, senón non se entende a paralización absoluta
deste cartafol de recursos. Paralización que se estende ás coordinacións provinciais dos equipos de normalización. A súa cara máis accesible,
este apartado do portal da SXPL non se actualiza desde a toma de posesión dos novos coordinadores. E o dito para esta cara serve para todas as do poliedro: non se enxerga ningún proxecto claro, ningunha liña de traballo. Os responsables dos ENDL dos centros de ensino comprobarían durante todo este curso que non recibían indicacións nin axuda desas coordinacións. Seguramente moitos recibirían con sorpresa a noticia da súa existencia.
Está claro que o único plan da SXPL a respecto da normalización no ensino consiste na súa desaparición. A demostración disto podémola perseguir na actuación deste último ano. Primeiro unha
redución dun 70% dos presupostos destinados aos ENDL. A seguir, unha convocatoria serodia (
[1] e
[2]), e unha resolución tan fóra de tempo que é un insulto a todo o traballo desenvolvido polo profesorado destes equipos durante todo este último ano. Os ENDL dos centros públicos tiveron confirmación das axudas da SXPL
tres días antes do remate do curso e os privados
tres días despois.
Efectivamente,
temos un problema.
vai de certo temos UN(MILLEIROS)PROBLEMA(S) e agora van de bodas e bautizos.
ResponderEliminar