Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 27 de xullo de 2012

A resposta da SXPL á proposta da CTNL de mellora dos Celga

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) fixo público un moi completo estudo da situación e planificación do sistema de acreditación da competencia en lingua galega para persoas adultas, coñecido como Celga. 
A crítica fundamental do funcionamento dos Celga desde a súa implantación hai cinco anos reside en que toda a estrutura deste sistema ten as costas viradas á normalización. Creouse un Celga que non ten en conta a situación sociolingüística de Galicia, cun deseño máis acaído para estudantes de segundas linguas e con moitos problemas adicionais no seu funcionamento. 
A implantación actual do sistema Celga parte de tomar como verdadeira un feito demostradamente falso: que aqueles que teñen un determinado título (ESO ou BUP) teñen adquiridas tamén todas as competencias que se establecen para os Celgas 3 e 4 respectivamente. Aceptar isto é tamén pecharlle as portas á normalización a todos os traballadores da Administración. Ademais desde o 2009, para acceder a este tipo de traballos non é necesario acretitar ningún tipo de coñecemento da lingua galega.
Entre as outras críticas que lle fai ao actual sistema Celga están a imposibilidade de obter mediante probas específicas o Celga 5, a falta de planificación á hora de ofertar cursos para a obtención dos distintos niveis do Celga, o farragoso sistema que impón unha preinscrición previa antes de saber se vai realizarse o curso, a necesidade de cambiar os obxectivos dos cursos, a necesidade dun sistema de probas de nivel para orientar ao alumnado, redución das ratios para garantir a calidade, dotación de recursos, e sobre todo adaptar o sistema ao contexto creando cursos para galego-falantes, para mellorar actitudes e usos, con máis tempo de formación, con módulos de alfabetización, fornecemento de materiais didácticos,.... E tendo en conta aos Servizos de Normalización Lingüística.
O documento pódese consultar aquí. Agora é a SXPL quen ten que responder a todos e cada un dos puntos que se propoñen. Creo que non me equivoco se adianto que non o vai facer. Daranse boas palabras (agora sí, o anterior secrtario xeral nin iso), remexerase un pouco a idea-comodín de que a situación económica é moi mala, incluso poden chegar a dicir que tomarán nota dunha achega tan interesante... e todo continuará igual. Outra vez desperdiciaremos un enorme capital humano que temos.
Efectivamente, hai ideas, hai propostas, hai moitas persoas dispostas a poñelas en práctica co fin de mellorar o sistema de formación e acreditación en lingua galega centrado na normalización e para dar un pequeno e esencial paso na mellora da saúde da nosa lingua en ámbitos tan necesitados como a Administración. Pero os que teñen o poder non están dispostos a ningún avance para os usos e actitudes do galego porque iso vai en contra dos seus intereses máis inmediatos.
Pois ben, se estou no certo, veremos unha vez máis unha actitude que é o contrario do goberno, o contrario de facer país, de construir lingua. Entón debemos preguntarnos por qué os que teñen a iniciativa fican fóra dos ámbitos de decisión e que cada un apande coa responsabilidade que ten nesta e despois nas múltiples desfeitas na defenestrada normalización lingüística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario