Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 6 de xullo de 2012

Os inimigos do bilingüismo

por Filipe Díez en Praza Pública:

Nos comentarios ao meu anterior artigo en Praza Pública, Mauro Fernández aludía aos datos do IGE como xustificación do discurso da “imposición del gallego”, e iso levoume a revisitalos, con resultados que eu mesmo non previra. Ocorre que os datos poden ser vistos como fetiche (auto)xustificativo, como álibi inexpugnable ou como simple motivo para nos interrogarmos, con espírito de obxectividade mais sen pretensión de imparcialidade. Será neste último sentido que abordarei, nas liñas a seguir, os datos do IGE no tocante á evolución da presenza do galego e do español no ámbito escolar entre 2003 e 2008. Porén, antes debo deixar patentes dúas advertencias: a primeira, un oportuno recordatorio que ao fío deste asunto me facía hai uns días Xosé Luís Regueira canto ao carácter de datos manifestados, mais non comprobados, das estatísticas elaboradas no noso país a respecto das actitudes e dos usos lingüísticos; a segunda, da miña propia colleita, a total ausencia de mecanismos de seguimento e avaliación das medidas adoptadas, e isto vale tanto para o ensino como para o conxunto da política lingüística desenvolvida polas institucións autonómicas galegas.
Observación: para consultar as táboas cos datos do IGE, vai aquí.Entremos, logo, en materia. O primeiro que nos din os datos do IGE [táboa 1] é que, mentres que en 2003 había un ensino predominantemente en español no 60,82% dos casos, en 2008 invertéranse as porcentaxes, o que deu lugar a un 60,88% de estudantes que recibían o ensino predominantemente en galego. O primeiro que chama a atención é que os mesmos que denuncian o suposto desequilibrio a prol do galego propiciado pola política do goberno de coalición PSdeG/BNG omitan o feito de que exactamente a situación contraria –con só 6 centésimas de irrelevante diferenza– se daba anteriormente en favor do español, motivo máis que suficiente para xustificar medidas que viñesen reparar o dano causado á lingua propia do país tras décadas de minorización no ámbito escolar, incluíndo –e isto é unha vergoña– os primeiros 25 anos de historia do noso actual réxime de autogoberno.

Ben é certo que a situación era –e segue a ser– moi diferente nos tramos do ensino obrigatorio (dos 5 aos 16 anos) que no posobrigatorio, xa que neste último a escasísima presenza do galego nas universidades do país provoca un notable descenso da media. Así, temos que o ensino obrigatorio predominantemente en galego pasou do 48,92% ao 71,87%, un incremento levemente superior á media global (22,95p.p. fronte a 21,71p.p.) mais que foi utilizado como argumento definitivo para xustificar as teses da imposición del gallego. Veremos que iso é radicalmente falso, e farémolo acudindo unicamente aos propios datos do IGE. É falso, en primeiro lugar, porque denunciar a condición do galego como lingua predominante en Primaria e Secundaria debería levar, en coherencia co discurso do bilingüismo harmónico/equilibrado/cordial, a defender o seu impulso naqueles outros segmentos educativos nos cales está en evidente desvantaxe. É falso, tamén, porque o verdadeiro motivo de preocupación dos inimigos do galego radicaba no ensino infantil, ao ligar o proxecto de promoción pública de escolas infantís (daquela coñecidas como galescolas, hoxe galiñas-azuis) ao uso maioritario da lingua galega, o que pola primeira vez na nosa historia daría lugar a unha xeración educada en galego e que serviría de elemento de presión para unha progresiva normalización non só en niveis superiores do ensino senón tamén noutras esferas sociais. E é falso, sobre todo, polo que comentaremos a propósito das dúas seguintes táboas.
* * * * *


Caras amigas, caros amigos, teño a honra de presentarvos a face do verdadeiro inimigo do PP, da FAES, de Galicia Bilingüe, de UPyD e dun modo xeral daqueles que claman contra a normalización das linguas diferentes da súa: o bilingüismo! Si, lestes ben: a política do goberno PSdeG/BNG non estaba a crear unha subespecie de nenos e nenas abducidos pola pérfida doutrina nacionalista (galega), nin a condenar irremisiblemente toda unha xeración a un futuro de monolingüismo en galego que os confinase desta banda do telón de grelos. Moi polo contrario, o incremento do galego como lingua habitual da docencia estaba a crear... individuos bilingües! Isto era o verdadeiramente inaceptable: que o español perdese a súa posición hexemónica e que o galego se abrise paso en pé de igualdade, configurando un escenario novidoso e, por tanto, aberto a todo tipo de resolucións. Vexamos os datos [táboas 2 e 3].
No ensino obrigatorio e no atinente á lingua falada cos seus iguais, prodúcense dous fenómenos complementarios e sorprendentemente simétricos: a redución do número de monolingües tanto en galego como en español e a redistribución equitativa deses continxentes dentro dos dous subgrupos de individuos bilingües, i.e. os que falan predominantemente en galego e aqueles que o fan máis habitualmente en español. Chama a atención que as variacións sexan practicamente idénticas nos catro apartados, oscilando entre os 7,45p.p. e os 7,54p.p.


Con todo, é necesario reparar nos diferentes ritmos de cambio. Así, mentres que no trato cos profesores axiña se conseguiu unha situación de equilibrio entre as dúas linguas (co)oficiais (49,31% fronte a 50,69% en favor do español) e de clara preponderancia dos usos bilingües (62,22% do total), porén na comunicación entre os propios estudantes a evolución é moitísimo máis gradual. De feito, as porcentaxes de uso de cada lingua permanecen practicamente inalteradas, mais o que muda é a forza dos dous segmentos bilingües, que pasan dun magro 30,72% a un 45,71%. En definitiva, destes datos podemos extraer cinco conclusións cruciais:
A) Non houbo un aumento de galegofalantes: a cifra permaneceu estable, pasando do 38,48% ao 38,52%, o que demostra que as medidas adoptadas polo goberno PSdeG/BNG non só non resultaron excesivas, senón que foron insuficientes para conseguir equilibrar a presenza do galego e do español nas xeracións máis novas.
B) Non se incrementou senón que descendeu notablemente o monolingüismo, tanto en galego como en español, o que deixa no máis espantoso ridículo as acusacións de querer crear individuos monolingües en galego. De feito, a redución do monolingüismo prodúcese en todos os casos posibles.
C) Aumentou en 14,99p.p. (e nun 48,80% en termos relativos) a práctica do bilingüismo dos nenos e adolescentes no seu entorno social de referencia, i.e. cos seus compañeiros de estudos e de xeración. O incremento do bilingüismo produciuse, ademais, de maneira simétrica entre galego e español. Sendo o bilingüismo o obxectivo declarado polos sectores que se opuxeron á política normalizadora do goberno liderado por Emilio Pérez Touriño, o diagnóstico non pode ser outro que ou ben esquizofrenia ou ben cinismo en estado quimicamente puro.
D) Resulta absurdo analizar os datos de uso do galego como lingua do ensino sen ter en conta as súas repercusións: un 71,87% da docencia maioritariamente en galego non é nin moito nin pouco en si mesmo, senón en función dos obxectivos que se perseguen e dos efectos que se conseguen. Os datos mostran con toda clareza que na medida en que ese 71,87% pode ser considerado causa, as consecuencias foron positivas, porén insuficientes, en relación cos obxectivos social e legalmente esixidos en materia de linguas ao sistema de ensino regrado.
E) Unha vez máis, vale lembrar que no ensino posobrigatorio o galego segue a estar nunha situación de forte desvantaxe, sen que os poderes públicos fagan nada por evitalo no nome do equilibrio e da cordialidade que invocan para o ensino obrigatorio, nunha proba máis do uso discrecional e profundamente falaz que se fai dos argumentos por parte dos defensores da hexemonía social do español.
Poderíase engadir, aínda, que está demostrado –sen ir máis lonxe, polas probas PISA aplicadas pola OCDE– que a competencia en español é maior entre o estudantado sometido a inmersión noutra lingua que entre o que non recibe ese tipo de ensino, pero ese é un aspecto que o IGE non aborda.
* * * * *
Vamos, por último, cos datos complementares recollidos nas dúas últimas táboas [táboas 4 e 5], referidos ao uso escrito do galego e do español nos exames e nas clases. Da súa lectura, constátase o seguinte:
F) Produciuse, en termos globais, unha situación de equilibrio cuantitativo anteriormente inexistente: nos exames, pásase dun 32,76% a 67,23% favorable ao español a un 53,07 a 46,92% a prol do galego; nas clases, dun 31,82% a 68,17% de partida até un 53,25% a 46,75%. Non hai crítica posible desde posicións que defendan un bilingüismo (cuantitativamente) equilibrado.
G) Especificamente entre os 5 e os 16 anos, o incremento do galego prodúcese nas mesmas porcentaxes que o aumento da docencia nesa lingua: así, 22,9p.p. de maior presenza na docencia levan a 22,33p.p. de incremento do uso escrito do galego. Como vimos de ver, eses incrementos non só non produciron os efectos prognosticados polos seus detractores, senón exactamente os contrarios, polo que tales datos deben ser analizados contextualizadamente e non como verdades absolutas autoexplicativas. Nesa contextualización, non se pode deixar de notar que pola primeira vez comezaba a albiscarse a posibilidade dunha competencia escrita semellante en galego e español, superando un dos entraves históricos para a normalización da lingua propia do país e, moi especialmente, para unha maior presenza do galego no ámbito mediático e cultural.
H) Os maiores incrementos porcentuais prodúcense no ensino posobrigatorio, onde a situación en 2003 era tan desfavorable ao galego que mesmo coa melloría experimentada até 2008, seguía a ser lingua moi minoritaria nestes como nos demais apartados pesquisados polo IGE.
* * * * *
Para rematar de vez, dous apuntamentos e unha cita. O primeiro apuntamento: o que fixo o goberno de coalición PSdeG/BNG non tivo máis mérito que dar cumprimento ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento Galego durante o último mandato de Manuel Fraga Iribarne como Presidente da Xunta. Cabe aos actuais gobernantes explicar, máis alá da vacua retórica sobre o respaldo electoral, os porqués da ruptura dese consenso. O segundo apuntamento: persoalmente, e por motivos que sería por demais prolixo explicar neste artigo, defendo un modelo de inmersión lingüística flexible en función dos diferentes tipos de contextos sociais que se dan no país; porén, na análise dos datos do IGE que veño de presentar non adopto esa perspectiva, senón a de verificar o grao de (in)coherencia e (in)consistencia da narrativa do bilingüismo harmónico á luz dos datos oficiais, nun período especialmente significativo tanto pola aprobación do Plan Xeral de Normalización como pola chegada ao poder dunha alternativa política inédita nos xa trinta anos de historia autonómica.

A cita é de Antía Yáñez, unha monitora de tempo libre, que este mesmo xoves exclamaba no Twitter: “Agora que estou nun campamento con 140 rapaces de entre 10 e 12 anos podo afirmar que, ou se fai algo, ou en pouco tempo a lingua desaparece. De 140 rapaces NINGÚN fala galego. Un tercio deles non o entende. Vou meter a cabeza nun buraco do terreo e non volverei sacala. Adeus. Encantada.” O dito: os efectos teñen causas. E teñen, tamén, responsables.

Ningún comentario:

Publicar un comentario